En defensa do xornalismo

 

Non é posible a democracia sen deliberación pública, e esta deliberación pública non é posible cando falta a información veraz. Deste axioma depende a saúde dos nosos sistemas democráticos. O xornalismo é o cuarto poder, pero é moito máis: un punto de contacto entre a individualidade e o social, entre a experiencia persoal e o coñecemento colectivo. Onde non existe o xornalismo, onde a prensa non pode exercer o seu labor, son moitos outros os dereitos que se poñen en cuestión. A liberdade de información é un termómetro do momento social e político.

O 2 de novembro celébrase en todo o mundo o Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra Xornalistas. Establecido en 2013 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, é difícil non asociar, tras dous anos de guerra, esta reivindicación co arrepiante proceder do exército israelí na franxa de Gaza. Israel converteuse, como Estado, no primeiro asasino de xornalistas en todo o globo. A finais do mes de agosto, Reporteiros sen Fronteiras situaba en máis de 210 o número de persoas que, exercendo este oficio, foran asasinadas en Gaza dende os terribles acontecementos do 7 de outubro de 2023 que Israel tomou como pretexto para arrincar un xenocidio. Pola súa banda, en Ucraína, o Comité para a Protección dos Xornalistas contabiliza 21 profesionais mortos dende que Rusia lanzou a súa invasión do país a comezos de 2022. As vítimas máis recentes ao peche desta edición son dous xornalistas ucraínos asasinados por un drone nunha gasolineira de Kramatorsk, no leste. É difícil repasar este listado de danos colaterais sen recordarmos o galego José Couso, cámara de Tele5 morto polo disparo dun tanque estadounidense contra o Hotel Palestina de Bagdad en 2003, durante a invasión de Iraq auspiciada pola administración Bush e aplaudida, dende España, polo goberno que encabezaba José María Aznar. O día anterior, outro xornalista español, Julio Anguita Parrado -fillo do histórico dirixente comunista- morría alcanzado por un mísil iraquí. O xornalismo é unha necesidade social que moitas veces paga cara o propio xornalista.

Non é, porén, a guerra o único escenario de perigo para a profesión. Abondo indicativo foi o asasinato de Anna Politkóvskaya no ascensor do seu apartamento de Moscova hai case dúas décadas. En América Latina, a paz non evita un número crecente de xornalistas asasinados no exercicio da súa función. En 2024, Reporteiros Sen Fronteiras contabilizou nove casos, pero eran xa outros 13 na primeira metade deste 2025. A metodoloxía e a motivación son variadas, pero decote o denominar común é o feito de que intenta ser un aviso, unha maneira de meter medo ao conxunto da sociedade na persoa dun comunicador ou comunicadora; e a obviedade de que, as máis das veces, quen decide sobre a vida e a morte de xornalistas é unha persoa ou unha institución con poder cuxas actividades non deben facerse públicas. Gobernos, forzas armadas e de seguridade, empresas e organizacións criminais engrosan esa macabra listaxe.

Por suposto, escusamos de repetir aquí, para non reiterar o tema central deste número da revista, a prolongada e planificada guerra que Donald Trump ten aberta con aqueles medios que non comungan co seu programa. Enfrontamento explicábel, abofé, no marco de desprestixio xeral das institucións e do sistema democrático na súa concepción máis ampla, a maior gloria da axenda liberal que o inquilino da Casa Branca patrocina en política doméstica e exporta a moreas a través das canles da Internacional Reaccionaria.

Non é, porén, a violencia física ou simbólica a única ameaza que pende sobre o xornalismo e as e os xornalistas. Súmense factores como a precariedade laboral e de medios ou a dependencia institucional como elementos que degradan o bo facer no seu labor. Nos últimos tempos, outra ameaza xorde no horizonte co drástico cambio que sobre o uso e o tráfico en internet -absurdo sería negar que unha das principais plataformas para o xornalismo hoxe en día- significa a introdución da IA. Con certeza, a aparición de ferramentas como Google Overview -un resumo xerado a través da Intelixencia Artificial dos resultados dunha pesquisa que aparece por riba de calquera ligazón recuperada polo máis que hexemónico motor de busca- está a resultar devastadora para o tráfico de visitantes nas páxinas web dos medios de comunicación. The Guardian advertía o pasado verán de que nalgúns casos pode perderse ata o 80% do tráfico, o que supón unha ameaza para os grandes medios tradicionais, pero unha sentenza de morte segura para moitos proxectos de xornalismo encadrados noutros valores profesionais e económicos. Hai moitos anos que a relación entre o xornalismo e os seus públicos comezou a mudar da man da dixitalización, cos seus moitos aspectos positivos e a emerxencia de novos modelos de contar e difundir. A Intelixencia Artificial é unha ferramenta máis que pode axudar á profesión e contribuír para a formación dun público máis consciente e maduro. Porén, como todas as ferramentas, é unha arma con dous gumes.

En definitiva, o xornalismo é unha tarefa sempre ameazada, sempre minguante, pero que tamén sempre, contra todo prognóstico, consegue subsistir. Porque a palabra, por moito que se encerre, é lixeira e voa no vento. Co gallo deste Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra Xornalistas, dende Tempos Novos e Tempos Dixital reafirmamos o noso compromiso coas e cos nosos lectores, coa liberdade de expresión e con sermos un espazo, tan modesto como entregado, de reflexión, deliberación e desenvolvemento dunha sociedade civil galega crítica e preparada para as tarefas e os debates do enleado mundo que habitamos.