Novas eleccións: ¿en Galicia ou en catro provincias?

A circunscrición provincial que rexe para as eleccións xerais e as autonómicas racha coa igualdade no peso dos votos dos cidadáns. Un voto en Ourense ou Lugo vale case o duplo que en Pontevedra ou Coruña porque a tradución en escanos é asimétrica, desigual. Iso é algo que non sucede nas municipais porque o ámbito é o do concello, ou nas europeas onde a circunscrición é todo o Reino de España.

No seu momento teño prognosticado como nas eleccións Xerais do pasado 23 de xullo ese efecto podería volver a ser determinante para avaliar quen ten a maioría democrática en Galicia. E así sucedeu outra volta. O Partido Popular co 44 % dos votos acadou o 56 % dos deputados ao Congreso (13 de 23), mentres que o BNG con case o 10 % dos votos quedou co 4 % dos deputados, e a Sumar pasoulle algo semellante. Cos mesmos votos, se a circunscrición fose única e proporcional para toda Galicia, o Partido Popular só obtería 10 dos 23 escanos, mentres o PSOE, BNG e Sumar chegarían aos 12 escanos. Sería o resultado ao revés, claro que neste caso todos os votos pesarían e terían o mesmo valor democrático.

E ollo ao piollo, porque cos mesmos votos acadados ese 23 de xullo por cada forza política (axiña veremos a trampa provincial de novo en acción), as dereitas (PP e VOX) perderían o Goberno da Xunta de Galicia fronte a maioría de 38 deputados do BNG, Sumar e PSOE. Se a circunscrición fose única de Galicia e non das catro provincias. E se fósemos quen, claro está, de evitar que máis de trescentos mil galegos que votaron esquerdas nas xerais se absteñan nas autonómicas. Votantes aos que habería que lembrarlles que necesidades colectivas como o ensino, a sanidade ou a atención aos maiores depende tanto ou máis da Xunta de Galicia que de quen resida na Moncloa para ter unha cobertura pública e non cedida a negociantes.

De feito, mesmo cos datos reais das últimas autonómicas de 2020, este “truco provincial”, e non proporcional, premiou ás dereitas con tres deputados por riba da súa porcentaxe de votos e penalizou as esquerdas con tres deputados. Un truco que, cun resultado electoral axustado, se convirte en absolutamente determinante da maioría parlamentaria e da posibilidade de formar goberno.

Convén telo ben presente cando se fala de democracia e de como se artella a retórica do Estado de dereito. Porque as provincias non son só un residuo do centralismo español tan querido polas dereitas antiautonómicas, tamén son unha trampa democrática para facer maiorías con menos votos no conxunto do Reino de España (cousa que non sucede coa circunscrición única, non provincial, para as eleccións europeas), e tamén para que a dereita consiga a maioría dos escanos no Parlamento de Galicia sen ter unha maioría semellante nos votos. Pois a día de hoxe só se reparten en estrita proporción á poboación menos da metade dos deputados totais (art. 9.2. e 9.3. da Ley 8/1985, de 13 agosto, de elecciones al Parlamento de Galicia).

Por non falar aquí de que as provincias e as Deputacións supoñen un nivel intermedio institucional sen sentido nun Estado autonómico, xa non digamos federal. Algo que, ao que parece, so se aplicou ás Comunidades Autónomas uniprovinciais como Madrid. Que, deixando de ser provincia, medrou ao tolo a conta dos que seguimos sendo provincias.

Galicia neste século XXI non debera seguir funcionando como a suma de catro provincias. Para non estragar a igualdade democrática dos cidadáns na súa toma de decisións, pero tamén para ser unha nacionalidade e non un territorio provinciano.