Andalucía, seguida por Cataluña e Madrid, son as tres nacionalidades ou rexións con maior volume demográfico no conxunto de España (con 8,6; 8 e 7 millóns respectivamente) o que supón un peso determinante no conxunto do corpo electoral. Por este motivo, analizar as preferencias electorais sobre as distintas propostas políticas nas actuais eleccións andaluzas ten un indubidable interese máis aló da conformación do seu Goberno e Parlamento autonómicos.
Centrarei a miña breve análise en dous eixos que me parecen substantivos. Por unha banda un eixo territorial no que a disxuntiva pasa pola reforma do actual modelo autonómico tal como acordou o Goberno Central con Cataluña da man da Ministra de Facenda e candidata do socialismo andaluz. Un eixo territorial que pivota -non por casualidade- no papel que Madrid ou Cataluña asuman na disxuntiva dos territorios máis ricos respecto dos que -como Andalucía- o son menos. Unha reforma da que dependería a mellora do financiamento de servizos básicos como o sanitario, educativo ou dependencia.
Neste eixo cómpre lembrar que o actual Estatuto de Autonomía andaluz refírese a Andalucía como “nacionalidade histórica” e que as distintas esquerdas defenden un avance federal e plurinacional da autonomía que as dereitas rexeitan. Un avance que case ninguén partilla que concrete axeitadamente a citada reforma do modelo autonómico.
E por outra banda un eixo social que concretarei no problema da vivenda e da precariedade do emprego en relación ao negocio turístico, no que Andalucía atopa un vector determinante do seu modelo económico, e que -como se puido ver no 1º de maio en Málaga- distingue a unhas dereitas que non se avergoñan da “preferencia nacional” sobre os inmigrantes conxugadas coa lei da selva do mercado (da vivenda, laboral).
Son, como se observa, dous eixos que máis aló do seu impacto nos resultados andaluces, e nas preferencias de case nove millóns de habitantes, teñen inmediatas derivadas para a axenda política e social do conxunto de España.
Que presencia tiveron estes dous eixos na campaña electoral? Cales foron os problemas que polarizaron esta campaña?.
Sabemos polo CIS que os principais problemas para a poboación andaluza son os sanitarios seguidos a moita distancia da vivenda e do emprego e, moito menos, a inmigración. Na campaña os asuntos máis debatidos foron os sanitarios (listas de espera, mamografías) e tamén os da vivenda e custo da vida en xeral. Do que se deduce que o eixo social si estivo presente de xeito directo na campaña, mentres que o eixo territorial foino de xeito indirecto (polos recursos para sanidade pública, pero sobre todo polo uso privativo dos mesmos).
Os resultados electorais deste domingo anotaron unha crecente participación, con máis de medio millón de novos votos para os cinco partidos con representación parlamentaria. As dereitas (PP+Vox) manteñen unha maioría en votos e en porcentaxe sobre as esquerdas (PSOE+AA+PA), do que se deduce que nin o eixo social nin o territorial supuxeron un viraxe nas tendencias centrípetas e neoliberais dos últimos anos en Andalucía.
Só dentro de cada bloque hai cambios significativos. No das dereitas Vox mantén a súa porcentaxe (coa participación crecente) mentres o PP perde dous puntos, o que permite a Vox ser chave do goberno e radicalizar a axenda das dereitas (no territorial e no social). Nas esquerdas a mellora do bloque depende en exclusiva de Adiante Andalucía o que confirma a esta forza como a única que foi quen de recoller un maior apoio electoral cunha axenda social e, sobre todo, territorial máis incisiva e crible.
Con estes resultados, e dada a importancia demográfica de Andalucía no conxunto do reino de España, as dereitas dan un novo paso para chegar a Moncloa cando Sánchez poña fin a lexislatura, mentres que as esquerdas (agás as identitarias das nacionalidades históricas) non semellan ser quen de virar a crecente hexemonía das dereitas nin na axenda territorial nin na social.
O nacionalismo español das dereitas (agora coa xenófoba prioridade nacional) reforza así a súa ofensiva patriótica contra calquera avance federal para as nacionalidades históricas, mentres as esquerdas non son quen de definir e ampliar a base social dunha estratexia partillada que desacredite esta involución democrática, social e territorial. Porque o asunto -na miña opinión- pasa por por riba da mesa outras prioridades nacionais.





