“El País” e o éxito económico galego

O domingo 22 de setembro, o diario “El País” cualificaba o desempeño económico de Galicia de “éxito” con este titular:

Segundo este xornal medraremos entre 2019 (=100) e 2025 máis que calquera outra Comunidade (“mayor avance de España”) e, polo tanto, máis que a media do Reino de España.

Sucede que de acordo cos datos coñecidos e oficiais para Galicia do IGE na súa páxina web, e a última actualización para España do INE na súa web, se tomamos o valor 100 en 2019 -para Galicia e o conxunto de España- a situación real actual é que a altura de 2024 Galicia acadaba un índice de 106,2 respecto dos niveis prepandemia, e o Reino de España un 106,5. Daquela -a día de hoxe- non pode falarse de que teñamos o maior avance de España, e mesmo nin é verdade que poida falarse de que teñamos avanzado máis que a media do conxunto español.

Do que suceda no 2025 só “El País” semella saber que algo espectacular ocorrerá para que isto cambie (tamén o BBVA Research, que di en condicional[1]podría”), pero mentres tanto hai que tomalo como fume de botafumeiro mediático-financeiro a conta de a saber que cousas. Porque de momento mesmo as previsións do IGE para este ano 2024 son dun crecemento do 1,9 para Galicia, por baixo do 2,2 % utilizado nos cálculos deste comentario. Claro que no país dos caladiños os botafumeiros funcionan a escape libre.

____

[1] E que se cura en saúde con este aviso: “BBVA, por tanto, no ofrece garantía, expresa o implícita, en cuanto a su precisión, integridad o corrección. El contenido de este documento está sujeto a cambios sin previo aviso”. Eso: un botafumeiro estatístico.