Parodia nacional

En moi poucas ocasións coma esta pode ter un guionista de series televisivas tantos materiais para darlle vida a un revival da parodia nacional. Andan as dereitas de borracheira democrática, e no fragor da algarada, pasan do que viva España ao se rompe España nun zigzag. Ás portas de Ferraz, noite tras noite, abandeirados sen escudo e embozados con pedrigrí nazionalista cántanlle a Sánchez o Cara al sol, para que se entere de quen está nas cociñas da movida, e berrean unha letanía de esconxuros contra o anticristo -traidor, blasfemo, vendepatrias, golpista…- da política española. Aznar, o dos indultos a rapañotas cando mandaba -entre eles, aos da organización terrorista Terra Lliure- déralles o sinal de saída, e Abascal aprestouse axiña a darlles o de chegada convertidos el e o falanxista Ortega Smith nos seus escudos contra os antidisturbios. Na retagarda, os enviados por Feijóo ao grito fraguista de la calle es mía, con Esperanza Aguirre cortando o tráfico e Cayetana a intelectual palmeando as mil e unha paridas dos espontáneos. Todos, uns na vangarda guerracivilista e outros na retagarda populista, revestidos de santa ira patriótica.  

Contra a non nata lei de amnistía? Non. Contra todo o que obstaculizou o seu acceso ao poder. Incluída a propia Constitución -a pancarta coa que as televisións abrían tódalas noites os seus directos con Ferraz dicía textualmente: “La Constitución destruye la nación”-. Pode que a escribiran os que non cren nela porque sinten nostalxia franquista, en sintonía co xeneralato reservista que esixiu publicamente que o exército dera un golpe e destituíse ao reelixido presidente Sánchez. Porén, que outra mensaxe senón esa interiorizan aqueles que, aparte de ninguneala vai para cinco anos negándose á obrigada renovación do órgano de goberno dos xuíces (o CGPJ, representativo do terceiro poder do Estado), tildan de ilexítimo ou de fraude electoral ao novo goberno de coalición, cuxo presidente saíu elixido, como dicta a Constitución, cos votos dunha maioría absoluta de deputados no Parlamento? 

É comprensible a rabia e a frustración dos que apoiaron desde a patronal económica, a xudicatura, a Igrexa e a rede que conforman o oitenta por cento dos medios de comunicación, a enfebrecida carreira de Feijóo cara a Moncloa. Como o é a que expresan as masas de seguidores, afiliados ou non ao PP, aínda que de maneira menos visceral que as elites dese conglomerado conservador, que pensan que a crise do Procés catalán foi produto dun golpe de Estado, e que os seus promotores merecen o cárcere de por vida, non unha amnistía. Porque, ademais, copian que non cabe na Constitución, e pon por iso en perigo a democracia e o Estado de dereito. Nin estaba, copian tamén, no programa co que o PSOE se presentou ás eleccións do 23J.  

Asumen, como tamén é comprensible, ese argumentario que ten en todos e cada un deses altavoces corporativos e mediáticos aos seus propagadores. As voces dos que argumentan racionalmente en contra sufren en cambio unha dobre penalización: négaselles o acceso á maior parte das tribunas públicas, e acaban senso acusados de seren cómplices e branqueadores de independentistas e filoetarras. É o que veu sucedendo, mesmo cando se descoñecía o texto da proposición de lei da amnistía, nalgúns dos diarios de maior difusión, como El Mundo, La Razón, ABC e La Voz de Galicia, desde o mesmo día en que os votos da cidadanía preanunciaban o fracaso de Feijóo e das dereitas na súa atolondrada porfía, contando con algúns dos do vello clan socialista, contra o sanchismo 

Cos xuices togados sumándose a esa movida a distancia, e cos oito vocais conservadores do máximo órgano de goberno dos xuíces manifestándose de maneira preventiva contra o Executivo e o Lexislativo, algo inédito na actual etapa democrática, os poucos que dubitaban dese argumentario acabaron convencidos. Delatáronos as sondaxes demoscópicas ad hoc: dous de cada tres españois están contra a amnistía. Non contra as amnistías das dereitas, como a que Rajoy e Montero lles concederon aos máis grandes defraudadores do Reino de España -levando as cifras de desigualdade ao cénit-, senón contra a que pon en entredito a irresponsable maneira que tivo ese goberno de forzar no 2017 tódolos procedementos, para que os sucesos do Procés catalán encaixasen no delito de rebelión, que era o que politicamente conviña. 

Nesas estamos. En plena parodia nacional. Contando coa complicidade das elites económicas, mediáticas e xudiciais, que se agarran ao fío ardente da amnistía, que demonizaron preventivamente a conciencia, para inducir na opinión pública a falsa noticia de que estamos no principio do fin da democracia, que tería como premisa a eliminación da división de poderes. 

Nesas estamos. En plena parodia nacional. Cunha oposición de PP e Vox baseada, como escribía recentemente o ensaísta e analista Sánchez Cuenca, “nun nacionalismo primario, envolvéndose na bandeira dos valores democráticos e constitucionais”. En efecto, son dos que tamén penso coma el que falan de democracia e Estado de dereito, pero queren dicir unidade nacional e intransixencia na cuestión plurinacional. Contando coa complicidade das elites económicas, mediáticas e xudiciais, que se agarran ao fío ardente da amnistía, que demonizaron a conciencia, para inducir na opinión pública a falsa noticia de que estamos no principio do fin da democracia, que tería como premisa a eliminación da división de poderes. Como se unha lei orgánica, sometida aos controis constitucionais do sistema (debate e votación parlamentaria, posibilidade de recursos ante o TC, etc) poidera dinamitalo desde dentro. Que suceda isto nun Estado no que se teñen constatado e constatan casos antidemocráticos de lawfare, con xuices como García Castellón, obsesionado en amoldar os procedementos e oportunidades aos intereses do PP, ou coa cúpula xudicial madrileña vanagloriándose nun comunicado de ser a “vangarda da resistencia da xudicatura contra a lei de amnistía e a lei do “só o si é si”, causa un enorme desasosego democrático. Pretenden, como confesou Abascal, que o conflito político de Cataluña se disolva plantándolle lume unionista?  

Todo vaticina estricnica dialéctica contra un goberno lexítimo, pero desafiado polas inevitables tensións internas, como é fácil deducir da diversidade ideolóxica que nutre os seus apoios parlamentarios, e sobre todo desde fóra. Feijóo pon expertos ladradores na portavocía do Congreso para sofocar con ruído a axenda social do executivo. E fai do Senado o seu Fort Apache: humillado por verse degradado de xeral a teniente coronel, Thursday/Feijóo apóstao todo para acabar co xefe apache Cochine/Sánchez despois de perseguilo ata a fronteira mexicana/madrileña. Unha instrumentalización desa Cámara que non casa en absoluto coa Constitución. Claro que tamén lle pode saír mal o plan, como lle sucedeu ao obsesionado e arrogante Thursday nese extraordinario filme fordiano. Debería telo en conta.