[Galicia funciona?] Sementando fogares para 2037

Hai un ano, o INE divulgaba as súas previsións da evolución dos fogares nas Comunidades Autónomas do Reino de España para o ano 2037. Como pode que non fosen moi divulgadas na CRTVG e nos grandes medios privados galegos, paga a pena resumir aquí a radiografía que se deriva das mesmas. Comprobar unha vez máis como se concreta iso da “Galicia que funciona”.

No seguinte recadro recólloas ordenadas de maior a menor crecemento do número de fogares, todas elas e o caso particular de Galicia.

Fonte: Elaboración propia con datos do INE [Ampliar gráfico]

Galicia sitúase na cola en cuarto lugar, tendo só un peor resultado Estremadura, Castela e León e Asturias. Serían as CC.AA. que seica mellor “funcionan”, e nada teñen que ver co grupo das sete que medran por riba da media do conxunto de España. Sitios como Madrid ou Cataluña que seica non funcionan (ben).

Se Galicia funcionase igual que a media do Reino de España, por vez de ter 1.162.000 fogares no ano 2037 teríamos que ter 1.267.000. Pero teremos cen mil fogares menos que con esa tendencia, por iso somos un país minguante.

Este diagnóstico pode mesmo empeorar si se afina pola porcentaxe do número de fogares con só unha persoa sobre o total de fogares, que serían os compostos por maiores que viven sos ou aqueles que renuncian a ter descendencia. Sería un síntoma de que o declive demográfico, lonxe de deterse, vai ir a máis co paso do tempo. Noutro cadro recollo ese crucial detalle das previsións do INE.

Fonte: Elaboración propia con datos do INE [Ampliar cadro]

Neste caso as Comunidades máis dinámicas van ser as que teñen a porcentaxe menor de fogares cun só membro (Murcia, Baleares, Canarias, Cataluña…), e as máis regresivas serán aquelas que o teñen maior (Asturias e Castela e León en cabeza). Galicia volta a situarse neste segundo pelotón das que están por riba da media do conxunto de España, e das que seguirán a ser minguantes co paso do tempo.

De todo o anterior dedúcese que dentro de trece anos, de acordo co INE, en Galicia medrarán moito menos os fogares que no conxunto de España, e será maior (pois medrarán máis) a porcentaxe deles con só un membro. Duplo bingo: a Galicia que funciona ten estes éxitos. Pero somos unha Galicia minguante xusto por anotar este dobre bingo.