Acabar coa Democracia a través dun golpe brando

 

Rematando a primeira década do presente século, un amigo francés e colega de profesión, ao comentar sobre os valores republicanos, eses de Liberdade, Igualdade e Fraternidade, que eu cría aparentemente ben asumidos polos seus concidadáns, chamou a miña atención sobre as actividades e publicacións dun tal Meyssan que non opinaba o mesmo, polo avance xa daquela da extrema dereita, co Fronte Nacional, e pola perda da laicidade debido ao crecente activismo da Igrexa católica francesa, activismo que relacionaba cunha forte influencia do Opus Dei. A curiosidade puido comigo e busquei información sobre o personaxe e as súas opinións. Non foi difícil atopala, xa que por aquel entón aínda estaba viva a controversia sobre o papel da CIA en acontecementos que el atribuía, cando menos intelectualmente, á axencia norteamericana, en publicacións e nunha web liderada por el mesmo, e algúns dos seus libros chegaron a ser o que se cualifica como best-sellers.

Un achado leva a outro e o que coñecín de Meyssan levoume a Gene Sharp, politólogo estadounidense, e á súa teoría do “Golpe de Estado Brando”, que por moitos analistas e xornalistas se relaciona frecuentemente co chamado lawfare (en castelán, guerra xudicial), cando a desestabilización ou derrocamento dun goberno elixido por medios absolutamente democráticos se realiza mediante mecanismos aparentemente legais. A miña xubilación, unha obrigada dedicación máis intensa aos problemas familiares e que algunhas das posicións do activista francés me pareceran, nunha primeira valoración, extremadamente radicais, fixeron que boa parte do coñecido pasase a un recuncho do arquivo da memoria. Mais a desgraza mundial para a Democracia que supón o retorno de Trump, o renacemento dos neofascismos e, sobre todo, o que están a facer partidos conservadores, mais teoricamente democráticos, en Europa, así como a situación actual de España, fixéronme recuperar ideas e coñecementos que creo que debo compartir.

Búscase promover accións para xerar un clima de malestar social no país, desenvolvendo matrices de opinión sobre problemas reais ou potenciais mediante os medios de comunicación.

Á vista de que algunhas das súas intervencións desestabilizadoras mediante o uso das forzas militares e policiais dalgúns países, normalmente en complicidade cos poderes económicos dos mesmos e case sempre procurando o beneficio dos propios poderes económicos con sede nos EUA, deron resultados negativos, a CIA encargoulle ao mencionado politólogo Gene Sharp unha especie de manual para aplicar na práctica as súas teorías de cambio de gobernos mediante métodos “non violentos”. Do seu ensaio Da ditadura á democracia, na súa versión en castelán, vou utilizar unha síntese elaborada desde Iberoamérica por algúns xornalistas críticos.

  • Primeiro paso: búscase promover accións para xerar un clima de malestar social no país, desenvolvendo matrices de opinión sobre problemas reais ou potenciais mediante os medios de comunicación.
  • Segundo paso: realizar denuncias, fundadas ou non, por exemplo, sobre falta de liberdade de prensa, vulneración dos dereitos humanos, etc. Denuncias que comezan a erosionar a base de apoio do goberno, procurando crear un crecente descontento social.
  • Terceiro paso: promoción da “loita activa na rúa”, que baixo reivindicacións políticas e sociais debe confrontar directamente co goberno.
  • Cuarto paso: mobilizacións combinando diversas formas de loita, ocupacións de institucións emblemáticas co obxectivo de controlalas e convertelas en plataforma publicitaria, creando un clima de inestabilidade e ingobernabilidade.
  • Quinto paso: se é necesario, fractura institucional, sobre a base das accións de rúa e o uso de institucións como a xudicial, as culturais, as militares, etc., ata obrigar á dimisión do presidente.

O problema xorde en como e por quen se interpreta o concepto de democracia en termos aceptables para os poderes económicos que controlan os medios de comunicación e, hoxe en día, tamén os propietarios das “redes sociais”. Á vista de exemplos moi recentes, todo goberno que non sexa afín a eses poderes é candidato a que o título do ensaio se aplique en orde inversa, independentemente de que os procedementos para chegar ao Goberno se cumprisen respectando o voto popular e o establecido legalmente.

Se poñemos o foco no que aconteceu en España desde a Moción de Censura que desaloxou o PP do Goberno, vemos que a correlación dos feitos cos pasos da síntese anterior é case perfecta. Viñéronse utilizando todas e cada unha das propostas mencionadas, cun prólogo previo inspirado e impulsado desde FAES (fundación presidida e liderada polo expresidente Aznar): a creación dun instrumento radical e ultraconservador, VOX, partido formado mediante a escisión dos descontentos co PP de Rajoy por considerar este excesivamente moderado na defensa dos valores tradicionais e cristiáns, dunha liberdade económica sen límites e dun Estado gobernado de forma centralizada.

Seguindo coa situación española, se a denuncia de que en Francia desde hai décadas se están perdendo, en beneficio da ultradereita, sinais de identidade e valores propios dunha democracia herdeira directa da súa revolución, e se ese é un proceso no que unha organización sectaria como o Opus Dei ten un papel relevante, analicemos se existen coincidencias co que acontece aquí, onde naceu o Opus e onde abundan organizacións ultracatólicas como a plataforma Hazte Oír.

Segundo fontes da propia xudicatura, sinalouse que un terzo do colectivo xudicial español milita no Opus Dei e que ese colectivo controla a Asociación Profesional da Maxistratura, que é a maioritaria das existentes.

Apenas comezamos a reunir datos atopamos que as coincidencias existen e que, ademais, o conxunto dos españois, ao ter menos experiencia na defensa dos valores democráticos —xa que os franceses gozaron durante un período moito maior dos dereitos derivados do sistema—, ve aumentar os riscos de perdelos.

  • Primeiro dato relevante: o principal instigador do proceso, Aznar, ademais de recibir notorios e constatados ingresos procedentes de poderes económicos estadounidenses (por exemplo, do grupo de Rupert Murdoch), contou sempre entre os seus colaboradores máis próximos con membros relevantes do Opus Dei, incorporándoos aos seus gobernos en postos de ministro, secretario de Estado e outros altos cargos, e mesmo situándoos á fronte das grandes empresas e medios de comunicación sobre os que calquera dos gobernos do PP dispón de influencia suficiente. Ademais, lanzou aquela frase, máis ben orde, de “Quen poida facer, que faga”. A interpretación déixoa a cada un dos lectores deste artigo.
  • Segundo dato: segundo fontes da propia xudicatura, sinalouse que un terzo do colectivo xudicial español milita no Opus Dei e que ese colectivo controla a Asociación Profesional da Maxistratura, que é a maioritaria das existentes. Bastantes destes xuíces tiveron relación con FAES mediante cursos, conferencias, etc., remunerados.

Hipótese lóxica: os datos anteriores poden explicar algunhas das actuacións xudiciais, non só as que están en curso desgastando o actual Goberno da Nación mentres outras que afectan contornas do PP se estancan e dilatan, senón tamén o sucedido nunha etapa anterior con forzas políticas e os seus dirixentes que participaban ou apoiaban o anterior Goberno.

  • Terceiro dato, que reforza e dá credibilidade á hipótese: no aforismo número 387 do manual do OPUS recóllese literalmente: “O plano de santidade que nos pide o Señor está determinado por estes tres puntos: A SANTA INTRANSIXENCIA, A SANTA COACCIÓN E A SANTA DESVERGOÑA”.

Como se diría en termos xurídicos, o patrón de conduta axústase de forma evidente aos comportamentos dalgúns actores xudiciais e denunciantes.

Opinión persoal: si, en España a Democracia está en perigo. E Montesquieu xa advertiu hai máis de 250 anos, cando sostivo que nun sistema democrático “o poder de xulgar non debía quedar en mans dunha clase ou dunha profesión”, porque se o Poder Xudicial se impoñía aos outros poderes, o sistema deviría despótico.