Desde hai semanas, a páxina web da Casa Branca ábrese cun texto que remata dicindo: “Entramos indubidablemente nunha Idade de Ouro da grandeza estadounidense, que promete aínda maiores oportunidades e seguridade no futuro”. Unha mensaxe que o presidente Trump adoita repetir engadindo que o seu país é a primeira gran potencia mundial en todos os ámbitos.
É indubidable que o poder dese país é inmenso e que está na vangarda do mundo en moitos ámbitos cruciais para a economía, a política e a vida dos seres humanos. Pero a administración estadounidense e o seu máximo líder fan unha lectura bastante parcial do lugar que Estados Unidos ocupa no mundo.
Segundo as fontes estatísticas internacionais máis solventes, Estados Unidos non é nin moito menos a primeira potencia mundial en todos os aspectos: ocupa o último lugar entre as nacións máis avanzadas nos indicadores de saúde, o 57 en liberdade de prensa e estado do clima e do medio ambiente, o 46 en esperanza de vida, o 29 en ausencia de corrupción, o 27 en mobilidade social, o 26 en indicadores educativos e o 24 na felicidade que senten os seus cidadáns. Si está no primeiro lugar, pola contra, en número de persoas encarceradas, en mortes por armas de fogo, tiroteos escolares, morte por drogas, quebras familiares por gastos médicos, obesidade infantil, morte por desesperación… e, entre os países máis ricos do planeta, tamén en desigualdade de ingresos e riqueza, mortalidade materna e pobreza infantil. En canto a indicadores económicos, igualmente é certo que Estados Unidos é a primeira potencia mundial en gasto militar e endebedamento. O mesmo que ocupa esa posición de privilexio polo número de guerras que provocou ou nas que participou, e nos golpes de Estado que impulsou ou deu directamente, utilizando os seus servizos de intelixencia ou forzas armadas.
Estados Unidos destaca sobranceiramente nos rankings mundiais. É certo. Pero tamén o é que todas esas posicións de vangarda, como acaba de sinalarse, non son precisamente como para sentirse orgulloso, e que non permiten afirmar que ese país se atope nunha Idade de Ouro.
A verdade é que Estados Unidos é un imperio en declive. Hai uns datos moi elementais que quizais o demostren de forma moi rápida e elemental. Ao rematar a segunda Guerra Mundial, o seu Produto Interior Bruto representaba o 50 % do global, a súa produción industrial equivalía ao 60 % da de todos os países do mundo xuntos, e dispoñía do 80 % das reservas de ouro existentes no planeta. Hoxe en día, o PIB de Estados Unidos representa o 25 % do mundial, a súa industria o 17 % da produción industrial global e só dispón do 25 % das reservas de ouro totais. O seu peso na economía, o comercio, as finanzas, a tecnoloxía e incluso no poderío militar segue sendo moi alto, pero en todos eses ámbitos decae sen cesar. E faino, ademais, fronte a China, unha nación pobre e atrasada hai moi poucas décadas e que agora logrou superar a Estados Unidos en moitos dos indicadores estratéxicos máis relevantes.
Imperios en declive
Ante esta situación na que se atopa Estados Unidos paréceme fundamental ter en conta que o declive de todos os imperios que se coñeceron e estudaron adoita ter características semellantes que é moi probable que se volvan dar agora, no seu caso.
Os imperios nunca declinan suavemente, digamos que aceptando pasivamente a súa perda de influencia e poder. Fano, pola contra, aumentando a súa agresividade, intensificando a extracción de riqueza doutras nacións e converténdose en máis perigosos ca nunca. Cando a súa puxanza económica diminúe, aumentan a coerción militar, a presión financeira e o control político. E, ao non poderen integrar xa baixo o seu manto as demais nacións con consensos e convicción, recorren á ameaza e esixen obediencia cega.
Iso ocorreu con Roma, un imperio que rematou devorándose a si mesmo cando, incapaz de seguir expandindo o seu poder, comezou a espremer os campesiños e artesáns e a xerar unha inflación disparada para poder financiar un gasto militar que rematou provocando o seu colapso. A desigualdade que iso produciu non foi un efecto colateral do declive, senón unha das súas causas estruturais máis relevantes.
España controlou durante o século XVI os maiores fluxos de metais preciosos que o mundo coñecera. Era o imperio onde nunca se poñía o sol, pero comezou a encadear bancarrotas e converteuse no Estado máis endebedado da súa época. Case a metade dos ingresos da Coroa remataban como xuros da débeda nos petos de banqueiros xenoveses e alemáns, mentres se deterioraban as condicións de vida da inmensa maioría da poboación.
O Imperio británico, pola contra, si mantivo a súa base produtiva na etapa de apoxeo, pero non puido evitar nin foi capaz de facer fronte ao ascenso doutras potencias como Alemaña e Estados Unidos, nas últimas décadas do século XIX. Pero tamén reaccionou ante iso aumentando a agresión, a expansión colonial e as guerras cada vez máis inútiles e custosas. A coñecida como Guerra dos Bóers, en Suráfrica, fora concibida como unha operación rápida e de baixo custo. Porén, converteuse nun conflito de desgaste que custou un cuarto de millón de baixas, xerou unha auténtica ruína financeira e puxo ao descuberto as limitacións militares dun imperio que ata entón puidera actuar con total impunidade alí onde se lle antollaba. O paralelo coas últimas guerras promovidas por Estados Unidos en Afganistán, Iraq ou Irán non pode ser máis evidente.
Un mesmo patrón
A maioría dos imperios coñecidos recorreron á coerción e á expansión militar cando o seu liderado económico mingua e por iso rexistran gastos militares esaxerados nesa etapa que agravan o deterioro económico. O mesmo que está sucedendo cos Estados Unidos da nosa época, un imperio que practicamente non deixou de estar en ningún momento en guerra durante os últimos vinte e cinco anos.
Tamén está aumentando agora a extracción crecente de riqueza a quen foran os mellores aliados do imperio estadounidense. Compróbase particularmente con Europa, que soporta custos enerxéticos extraordinarios, perda de capital industrial, dependencia militar e tecnolóxica e subordinación estratéxica a Estados Unidos sen precedentes. E o que aínda é máis revelador é que esa presión sobre os aliados produce precisamente o efecto contrario ao desexado. A hostilidade de Trump logra unir Europa, achegar China, Xapón e Corea do Sur, ou xerar un bloque cada vez máis numeroso de países antagónicos a Washington.
Por outra banda, os imperios en declive non só aumentan a súa agresión e control cara ao exterior, senón tamén dentro das súas propias fronteiras. Tal e como está ocorrendo agora con Estados Unidos. Coa escusa de combater o terrorismo, alí vixíase masivamente a cidadanía, militarízase a acción policial e as liberdades e dereitos civís erosiónanse sen cesar.
Quizais o síntoma máis claro e paralelo co patrón histórico é o que está ocorrendo coa distribución da riqueza interna en Estados Unidos. Roma espremeu os seus campesiños para pagar os mercenarios, España esquilmaba os seus vasalos para pagar os seus banqueiros, e agora Estados Unidos recorta a sanidade e as axudas destinadas á poboación máis pobre para financiar o seu gasto militar e os privilexios fiscais que concede aos oligarcas.
É igualmente característico dos imperios en declive que as súas clases dirixentes se convertan en algo así como autómatas incapaces de recoñecer as limitacións que afectan o seu poder e capacidade de influencia. Os reis seguiron embarcando España en guerras imposibles malia as súas bancarrotas. O imperio xaponés atacou Estados Unidos cando se sabía perfectamente que non estaba en condicións de facerlle fronte. A Francia napoleónica precipitouse ela mesma cara ao colapso créndose dona e señora do mundo nas estepas rusas… Os grandes imperios en declive nunca se deteñen a tempo.
E, por último, en todos eles dáse un fenómeno que tamén estamos vivindo nestes momentos cando comeza a producirse o de Estados Unidos, a financiarización extrema das súas economías. O que comeza sendo un imperio baseado no poderío produtivo, agrícola, industrial e comercial remata por non poder sosterse máis que na forza artificialmente lograda da súa moeda divisa, ademais de nos exércitos.
Non é precisamente a súa Idade de Ouro
Estados Unidos non vai colapsar, nin a curto prazo nin seguindo un guión simple ou predicible. Non podemos saber o que ocorrerá nos próximos anos, pero si se pode soster con certeza algo que xa comezou a producirse e a evidenciarse ante os nosos ollos: Estados Unidos está entrando na fase máis perigosa de todos os procesos de dominio imperial. Aquela na que o imperio segue sendo extraordinariamente poderoso, pero non o suficiente como para impor o seu poderío sen custos igualmente extraordinarios aos demais e a si mesmo. Tanto polo deterioro dos motores que lle dan forza interna, como pola existencia de competidores que alteran as regras de privilexio que establecera para poder soster o seu imperio.
O mundo de hoxe en día xa non é unipolar e Estados Unidos segue comportándose, porén, coma se o fose. E a súa superioridade económica, financeira, tecnolóxica e militar xa non é suficiente, nin sequera, para impoñerse a unha potencia media como é Irán. Algo, hai décadas impensable. E, como nos ensinou a historia, cando todo isto ocorre é cando o imperio e o mundo sobre o que se proxecta se volven máis inestables e violentos. A prepotencia e a soberbia insultante de Trump non son trazos persoais, son a característica estrutural e moi dolorosa para todos dos imperios que comezan a caer.
Tamén sabemos, por suposto, que a historia non ten por que repetirse sempre da mesma forma. Pero, por se acaso, deberiamos prepararnos para estarmos en condicións de facer fronte ao peor.
Publicado orixinalmente en ctxt.es o 14 de maio de 2026. Dispoñible na súa versión orixinal en castelán no blog de Juan Torres.





