Exemplaridades e exemplos

| De sete a sete

O luns abriuse coa nova de que Pedro Sánchez quedaba. Foron cinco días cargados de incertezas que acaso se lle fixeron longos ao líder da oposición, Alberto Núñez Feijoo. O dos Peares criticou duramente o que tomou por unha frivolidade, acaso esquecido dos tres días de reflexión que el mesmo colleu en 2018 para cavilar sobre as súas posibilidades na sucesión dun Mariano Rajoy acabado de defenestrar polo mesmo Sánchez. Sexa como for, non será desta que chegue a súa segunda oportunidade para acadar a Moncloa, aínda que semella confiado na debilidade dun executivo que algunhas voces ven, a ambos os dous lados da trincheira política e mediática, como crepuscular.

Tras quela marcha posterior de Feijoo a Madrid, despois doutra defenestración -desta volta interna-, a de Pablo Casado, Alfonso Rueda fíxose co mando dun goberno que nunca sentiu por completo seu até que se consagrou nas urnas con 40 deputados o pasado 18 de febreiro. Agora, avalado polo apoio maioritario dos votantes, o presidente comeza a marcar perfil de seu e a deseñar un organigrama da Xunta máis acorde con el. O 29 de abril publicouse o último dos decretos -o anterior fora o 22- que configuran unha mudanza política e xeracional. Entre os cambios máis notábeis, a degradación de Diego Calvo dende a vicepresidencia da Xunta á Consellería de Presidencia, e a remuda efectiva da cúpula do Sergas. En tempos postpandémicos, e logo de que Rueda considerase que as urnas aprobaran o conxunto do Goberno galego, non deixa de ser unha emenda a moito do que viñeron sostendo nos últimos anos. O baile de altos cargos achégase aos 70 nomes.

Unha das críticas da oposición á nova estrutura da Xunta é a desaparición da Secretaría Xeral de Igualdade, reducida e dividida en dúas direccións xerais, a de Promoción da Igualdade e a de Loita contra a Violencia de Xénero. Os socialistas prometeron unha ofensiva institucional, mentres o deputado nacionalista Iago Tabarés bota en falta “preocupación” na Xunta pola Igualdade. As críticas e o malestar subiron de ton cando se fixo público, o pasado xoves, que o Partido Popular da Illa de Arousa reintegrou no seu grupo municipal ao seu antigo candidato á alcaldía, Matías González Cañón, que fora apartado e rematou como edil independente tras facerse público que foi condenado en 2011 por violencia machista. O xa de novo popular golpeou a súa ex-parella na rúa, rompéndolle un dente e causándolle lesións cervicais leves. Iso non impediu aos seus compañeiros de Partido gabar, esta mesma semana, a súa suposta exemplaridade contra a violencia machista. Os feitos, sinalan na nota de prensa, están “legalmente superados”, e recordan que aconteceron hai 13 anos. A memoria é selectiva, ben se sabe.

A semana deixa tamén unha tráxica historia de vulnerabilidade. Un home de 43 permanece ferido de gravidade, con prognóstico reservado, en Vigo, logo de tirarse por unha fiestra desde o cuarto andar cando ía ser desafiuzado por atrasos no pagamento do alugueiro. O home, pai de dous fillos, solicitou unha prórroga á comisión xudicial, sen obter unha resposta positiva. No primeiro trimestre de 2024 houbo 70 desafiuzamentos na cidade, dun total de 91 ordes. Máis dunha orde diaria, como recordan desde o Sindicato de Inquilinas Vigo-Baixo Miño, que reclaman que se regulen os prezos e se poña vivenda pública ao dispor da cidadanía ante unha realidade alarmante.