Da pasteira á mina

| De sete a sete

A semana arrincou con sorpresa no compostelán Pazo de Raxoi. Un pleno municipal extraordinario decidía se aprobar ou non unha ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico, un asunto candente nunha cidade máximo expoñente en Galicia do fenómeno da turistificación e cun mercado de compra e alugueiro inmobiliario moi difícil. A normativa, que procuraba dar un paso adiante na solución de ambos os dous desafíos, partía co apoio asegurado, unicamente, dos partidos que conforman o Goberno local: o BNG da alcaldesa Goretti Sanmartín e Compostela Aberta. Insuficiente para a luz verde sen a concorrencia do PSOE, descartada a opción, por profundas diferenzas ideolóxicas, dun voto afirmativo do Partido Popular. Os socialistas non llo ían pór doado ao Goberno: o venres anterior, o secretario xeral do partido local, Aitor Bouza, adiantara unha abstención, considerando que a ordenanza era innecesaria na súa configuración actual e sinalando que esta era contraria ao Plan Xeral de Ordenación Municipal. Porén, á hora da verdade, os seis edís socialistas desobedeceron a postura do seu partido, tomada pola executiva local sen telos en conta, e votaron en coherencia coas súas posicións previas sobre a problemática das VUT. A concelleira socialista Mercedes Rosón considerou que a proposta a pleno era “en esencia unha medida socialista” e que absterse para permitir que decaese sería o mesmo que votar en contra. O panorama posterior, para o partido, é incerto. Dende a executiva local faise presión coa renovación do persoal de confianza do grupo municipal, se ben quixeron separar esta medida do acontecido. Na dirección galega non se quixo entrar no fondo do debate, se ben é difícil pensar que a dirección local actuase sen a aquiescencia da nacional.

Mentres isto sucedía no Pazo de Raxoi, en San Caetano a semana tamén arrincaba con forza. Ao finalizar o Consello da Xunta, o presidente, Alfonso Rueda, anunciaba a concesión da consideración de Proxecto Industrial Estratéxico para a mina de Cobre San Rafael en Touro-O Pino. Unha forma de acelerar a reapertura deste proxecto, pechado en 1986, que causou un profundo malestar e mobilización social nas comarcas afectadas cando se anunciou a súa resurrección. Cómpre lembrar que a propia Xunta de Galicia considerou, hai catro anos -cando o actual presidente era o seu vicepresidente- que o proxecto mineiro era unha ameaza para os recursos hídricos e o ecosistema fluvial Ulla-Deza. O ecoloxismo e o asociacionismo galego, moi activo xa polo proxecto de Altri en Palas de Rei, responderá con previsíbel contundencia á posibilidade da instalación mineira. De feito, a Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non apresurouse a sacar un comunicado no que lamentaron unha “decisión política” e alertou de que o proxecto mineiro, nunha comarca con escaso desemprego e alternativas produtivas, “non achega desenvolvemento socioeconómico senón que viría substituír unha actividade económica consolidada e crecente por outra temporal”, lembrando que na súa anterior etapa, a mina botou pouco máis dunha década operativa.

Durante a semana, e coincidindo coa Eurocopa, nos ambientes futbolísticos galegos comezouse a especular coa posibilidade de reformas nos estadios da Coruña e Vigo se finalmente acollen partidos do Mundial 2030. Uns traballos que para Riazor suporían preto de 100 millóns de euros de investimento, por outros 65 en Balaídos. A Xunta non deixou pasar a oportunidade de gol e manifestou, por boca do vicepresidente Diego Calvo, o seu “compromiso”, se ben botou man da patentada fórmula do sentidiño para pedir “responsabilidade” e non adiantarse barallando cifras.

A semana péchase coa celebración do 28 de xuño, un día de dupla transcendencia en Galicia. Por unha banda, conmemórase o Día do Orgullo LGTBI a nivel internacional. Pola outra, o 88 aniversario do referendo do Estatuto de Autonomía de 1936, a norma legal que permitiu a Galicia o acceso á autonomía case medio século despois e que significou o primeiro exercicio democrático dun dereito a configurar o seu réxime político na historia do pobo galego. Nas horas previas ao Día do Orgullo, sóubose que o xuízo polo asasinato do mozo Samuel Luiz na Coruña, un crime homófobo que estremeceu o país hai case tres anos, ficará adiado un mes a petición das defensas.