Por segunda vez en poucas semanas evocamos aquela sentenza do poema de Mío Cid: “¡Dios, qué buen vasallo si hobiese buen Señor!”. Novamente, son os feitos, as palabras e as omisións de Alfonso Rueda os que fan acordar aqueles versos afastados da lírica castelá. Rendeu contas o presidente da Xunta sobre os seus plans de futuro ante o rei Filipe VI nun acto corrente tamén en democracias republicanas, pero no que sen dúbida o carácter monárquico do sistema democrático español pon uns desagradábeis ecos feudais. Alfonso Rueda xurou o que xura sempre: estabilidade, responsabilidade e constitucionalismo. Cara ao sentidiño nos levan os camiños da metonimia.
Non é casual esta promesa, como non o é a creación dunha dirección xeral de Asuntos Constitucionais tan baleira de potencial contido concreto como a Oficina del Español madrileña aquela que dirixiu Toni Cantó. Ninguén acredita que a Xunta de Galicia, en mans do partido que case sempre a gobernou, vaia alzar a voz máis do necesario nin vaia formular calqueta tipo de conflito co Estado alén das lóxicas desavinzas administrativas que tan mal sentan alén e aquén do Padornelo. Cando Rueda promete estabilidade e lealdade non o fai como presidente de Galicia, senón como único presidente dunha das tres nacionalidades históricas orixinalmente recoñecidas en España non vinculada a un partido explicitamente nacionalista -porque o contido nacionalista do Partido Popular resulta, por outra banda, obvio se falarmos da nación española-. Esa é a posición de forza que proxecta non como un xuramento de fidelidade á unidade do Estado senón como expresión de vergoña cara aos dous curmáns rebeldes en Gasteiz e Barcelona. Nos albores da autonomía e da democracia, quíxose facer de Galicia exemplo para as comunidades autónomas “de vía lenta” no acceso ao autogoberno. Hoxe, a propia Galicia aspira a ser exemplo para apazugar as ansias de ruptura das comunidades “de vía rápida”. Un devezo aínda máis estéril se cabe mirando para estas: en Euskadi, un PNV que depende dos socialistas e, en Cataluña, posibelmente un retorno do PSC apoiado en ERC que soterre de vez o procesismo.
Á volta de Madrid o presidente atopou tempo para comezar a sacar asuntos pendentes de riba da mesa. Así, a semana pechouse cun compromiso político entre a Xunta e o Concello da Coruña para a ordenación e usos dos terreos portuarios. A alcaldesa, Inés Rey, defíneo como o máis importante desenvolvemento urbano da cidade herculina para os vindeiros anos. Todo son boas palabras e intencións. Os acordos de 2004 que avogaban pola liberalización dos peiraos interiores danse por superados -asinados en tempo de xigantes, Fraga Iribarne e Francisco Vázquez- e prométese unha “nova etapa de colaboración” para a que se convida ao Estado. As tres administracións xuntaranse de novo para falar do tema antes de que remate o mes.
Un día antes desta xuntanza arrincaba na mesma cidade, no Campus de Elviña da UDC, unha acampada indefinida en solidariedade con Palestina. Chega así a Galicia unha onda que se estende polos campus universitarios do mundo que alza a voz contra a invasión israelí de Gaza e a limpeza étnica contra o pobo palestino. Mentres escribo estas liñas, o Estado de Israel asasinou xa nesta guerra máis persoas que habitantes teñen Arteixo, Ames ou Carballo. E non está lonxe de acadar Oleiros, Vilagarcía de Arousa ou Narón. En Compostela, o pasado xoves tivo lugar unha xuntanza estudantil impulsada polo sindicato Erguer para tomar accións contra o xenocidio palestino, sen que se teña feito pública de momento unha iniciativa semellante.
Esta tamén foi a semana en que a Audiencia Nacional optou por non invalidar o informe pericial sobre o naufraxio do Villa de Pitanxo en 2022 que apunta a un erro humano do capitán do barco. As familias dos 21 falecidos naquela traxedia en augas canadenses celebran a decisión porque permitirá dilucidar a verdade sobre o acontecido aquela madrugada de febreiro. O recurso contra o informe fora iniciativa, ademais do capitán, da armadora do buque, o Grupo Nores.
A semana tamén deixa novas máis alegres. O Real Club Celta presentou o seu equipo feminino, que comezará a competir dende a próxima tempada baixo o nome d’As Celtas. A presentación, que reuniu o fútbol galego, tivo lugar no campo da Madroa onde adestrarán no futuro. O equipo nace a través da fusión coa Unión Deportiva Mos, e terá catro conxuntos: en Terceira Federación, un filial, o infantil e o cadete. Non faltaron, con todo, críticas ante a cuestionábel decisión de non emitir o acto en streaming pola canle oficial do club.