A comisión de investigación sobre a contratación da Xunta en materia de sanidade durante a pandemia e a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo continúa a súa singradura cara á terra da ningures. Os comparecentes, designados polo PP, van intervindo con carácter exprés, mentres a oposición parlamentar denuncia que non recibe a documentación para as comparecencias coa suficiente antelación. O día en que compareceron, poñamos por caso, os exconselleiros Julio Comesaña (2020-2024) e Rocío Mosquera (2012-2015), nacionalistas e socialistas recibiron a documentación unha hora e media antes do inicio da xuntanza. En canto aos comparecentes, pechas as filas e unánime a voz. Comesaña sacou peito do proxecto do Álvaro Cunqueiro, “cun resultado espectacular” e construído “nun tempo récord en toda Europa”. Contrapuxo os 470 millóns de euros en sobrecustos aos 13 millóns de euros en estan cias médicas no caso de carecer do centro. Unha falacia de falsa dicotomía en sede parlamentaria para pechar a semana.

Malia o seu carácter insubstancial, a comisión segue xerando choques no Parlamento. Ana Pontón e Alfonso Rueda cruzáronse duras acusacións durante a sesión de control. Mentres a nacionalista ameazase con recorrer á xustiza ante o secuestro da comisión, o presidente da Xunta deixou caer unha implícita acusación de nepotismo ao insinuar que a contorna familiar da portavoz do Bloque podía beneficiarse de contratos menores en gobernos nacionalistas. Unha expresión, a xuízo de Pontón, do nerviosismo dun presidente da Xunta forxado na estratexia do ventilador.

O BNG, pola súa banda, encamíñase cara a unha Asemblea Nacional onde se previsibelmente se reafirme no liderado e na liña política de Ana Pontón, ese nacionalismo das causas cotiás e progresistas que tanto rédito electoral lle ten dado. Outras dúas formacións da esquerda herdeiras dunha cultura política que hexemonizou este espazo en Galicia na pasada década, Sumar e Anova, tamén afrontan esta mesma fin de semana cadanseu cónclave. Semella que desta volta, porén, en espazos separados, xa que mentres Anova apunta cara ao BNG para a colaboración, Sumar afronta a tarefa, nada doada, de consolidar os dous deputados cos que conta en Madrid e reporse dunhas autonómicas que non lle foron nada propicias, ao ficar fóra do Parlamento como hai catro anos acontecera co seu inmediato precursor, Galicia en Común. A esquerda galega ten tres anos por diante para recuperar, ou atopar por fin, a iniciativa.

Mentres, o xuízo polo crime machista da Coruña suma máis de 100 horas de deliberacións sen veredicto. Estas liñas poden envellecer axiña, pero de momento non se coñece se hai, ou non, xustiza para Samuel.