Veciños e veciñas de Funsín (Antas de Ulla) maniféstanse contra o proxecto de Altri.
Fotografía: Plataforma Ulloa Viva
Arrinca a campaña das eleccións europeas en Galicia coa sombra da extrema dereita abaténdose unha vez máis sobre o continente. No noso país, a illa de estabilidade parece contela: en 2019 ningunha opción de extrema dereita nun sentido explícito superou o 3% dos votos nas europeas. De facto, aqueles comicios foran no ámbito galego unha clara vitoria progresista: socialistas, Podemos-Esquerda Unida, nacionalistas (baixo a coalición Agora Repúblicas) e En Marea (Compromiso por Europa) superaran amplamente o 55% dos votos. Pero Galicia é nada nunha Unión de case 450 millóns de almas. Con sorte, un europeo de cada douscentos. Os resultados electorais doutros países e do resto do Estado pesarán e moito no horizonte, explicadas tanto con dinámicas internas e propias como por vagas comúns que percorren un continente xa demasiado afeito a mirarse no espello e non gustarse.
A campaña en Galicia comeza cun importante acontecemento mañá, domingo 26: a manifestación en Palas de Rei contra o proxecto de Altri. Logo de meses de mobilización e protesta, esta convocatoria medirá a forza do rexeitamento a un proxecto que semellou ir concitando desconfianza e temor á medida que se desvenda. Ulloa Viva pretende xuntar milleiros de persoas na vila nun percorrido entre o polígono industrial e a Praza da Feira que arrincará ás 12h. Baixo o lema “Dende a Ulloa ata a Ría, terra auga e aire son vida” a organización alerta sobre os efectos medioambientais nocivos en boa parte do país.
Se a semana pasada deixaba unha insólita imaxe de boa sintonía entre o Goberno central e o galego e a nova de que Galicia xa contaba cos trens Avril tan agardados, esta foi a de regreso á terra: avarías e demoras volveron marcar a historia do ferrocarril galego. O mércores, a liña a Madrid sufriu un atraso de media hora. O luns a cousa foi máis grave: o tren que partira de Vigo quedou detido chegando a Ourense. Tivo que ser remolcado ata a antiga estación de San Francisco dende onde puido continuar a viaxe, cunha demora acumulada superior ás dúas horas.
Non sabemos se Alfonso Rueda levaba esta preocupación na cabeza na súa visita a Lisboa. O presidente galego entrevistouse co ministro de Infraestruturas luso, Miguel Pinto Luz. Este aseguroulle que a aposta portuguesa por anticipar a ligazón de alta velocidade con Madrid non afectará o proxecto equivalente de Vigo ao Porto. Se cadra o presidente da Xunta recordaba a animosidade que na pasada campaña galega amosou unha convidada incómoda, a madrileña Isabel Díaz Ayuso, quen fixo case casus belli da posibilidade de deseñar a conexión ferroviaria na península dunha forma descentralizada e con múltiplos nodos. Nun país capaz de unir Murcia e Málaga con alta velocidade pasando por Madrid, todo é posible. En todo caso, Alfonso Rueda deuse por satisfeito coas promesas portuguesas e volveu a Galicia coma quen leva un tren baixo o brazo. Acaso intúe que un eixe atlántico de Galicia a Lisboa, ao longo dunha fachada litoral onde vive unha porcentaxe nada desprezable da poboación peninsular, é tan lóxico que toma forma de necesidade histórica.
Pechouse a semana cun susto deses que ás veces dá a prensa internacional. Ante o anuncio do recoñecemento do Estado palestino por parte de España, unha deputada israelí do Tikva Hadashá, unha formación minoritaria na Knéset, o parlamento daquel país, escribiu unha carta aberta ao primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, e ao de exteriores, Israel Katz. Nela reclama que se formule a posibilidade, en resposta, de deliberar no parlamento sobre o recoñecemento da independencia de Galicia, xunto á de Cataluña, Euskadi, Andalucía, Valencia, Aragón, as Canarias e as Baleares. Unha proposta que non pasa de boutade que deixaría España reducida aos ósos da antiga coroa castelá. O curioso é que xa hai dez anos que a representación diplomática israelí en España reprendeu ao Parlamento Galego, considerando que se aliñaba cos “peores e máis extremistas inimigos de Israel”, por unha declaración institucional onde recoñecía o dereito aos refuxiados palestinos ao retorno ao lar. Ese mesmo ano, a cámara da rúa do Hórreo aprobou outra declaración onde instaba á Xunta a reclamar ao Estado español o recoñecemento do Estado palestino. Bos aliados foi buscar Israel en Galicia.