Un “disparate” na AP-9

| De sete a sete

Aínda non pasara unha semana da aprobación dunha iniciativa reclamando a transferencia da AP-9 a Galicia, a supresión de peaxes e a anulación da concesión até 2048, cando a Cadena Ser fixo público unha información segundo a cal o expresidente do Goberno, José María Aznar, tiña xa en mente a privatización da autoestrada -efectuada en 2003- cando prorrogou a concesión da mesma. Así se revela en documentos da Comisión Europea. O comisario de Mercado Interior enviou unha misiva ao Goberno español onde se demostra que en 1999 o executivo xa planeaba a privatización, polo que a prórroga era só un xeito de elevar o seu valor de mercado. España vulnerou así os principios de igualdade de trato, xa que non se licitou o proceso nin se organizou un procedemento de contratación pública. O escándalo, que podía ser maiúsculo en Galicia, parece máis ben unha detonación controlada: á reclamación do BNG de que se abra unha comisión de investigación no Parlamento, populares e socialistas responden remitindo a Europa a competencia de investigar o sucedido. Mentres que José Ramón Gómez Besteiro recorda que existe un procedemento de investigación aberto, dende as filas do PPdeG limitáronse a cualificar de “disparate” a reclamación do BNG e piden esperar un pronunciamento definitivo da Comisión Europea.

A política estatal volve traducirse en Galicia nunha sorte de complexo ante o que acontece en Cataluña. Logo de que ERC esixise, para desbloquear a investidura como president de Salvador Illa, dun financiamento singular catalán, o presidente galego, Alfonso Rueda, falou de “gran engano”. Porén, o propio Goberno autonómico vai lanzando a idea da “singularidade galega” á hora de abordar a reforma do financiamento autonómico, encarnada novamente na dispersión poboacional -máis dunha cuarta parte do gasto en transporte escolar de España faise en Galicia- e do envellemento poboacional. Como en tantas outras ocasións, semella que o autogoberno galego é unha reacción ante o catalán, nunha espiral aparentemente infinita de desprezo polas veleidades independentistas e cobiza polo teito competencial.

Mentres os coloca na factura de fóra, a Xunta enfróntase a eses mesmos problemas na casa. A administración local galega ten que facer fronte a un país cuxa organización territorial, aínda que se foi afacendo á estrutura legal, en orixe non se axustaba ao simple modelo do municipio español novecentista. Milleiros de pequenas entidades de poboación e concellos con saldos vexetativos arrepiantes ensarillan o panorama local. O Goberno galego afirma traballar nunha nova Lei de Administración Local que responda ao país de hoxe. Con este obxectivo, indican, a nova norma regulará de forma especial os municipios de menor poboación e promoverá “fórmulas de cooperación municipal para a prestación de servizos como as agrupacións de municipios”, ademais de pór de novo o foco nas fusións municipais que, de momento, quedaron en ben pouca cousa.

As augas do río Miño non acaban de asentarse unha semana despois. A oposición ourensá segue sen consensuar unha folla de ruta para o desaloxo, vía moción de censura, de Gonzalo Pérez Jácome da alcaldía. O BNG insta a facelo realidade canto antes e cunha cabeza socialista, pero o PP e o PSOE non remataron de falar sobre o documento de catorce puntos co que dende o PSOE se propón un goberno alternativo e urxente.

O PP de Ourense nunca se apresura, e quere ter o cónclave en paz. O presidente da Deputación e sucesor dos dous Baltar, Luís Menor, é o único candidato á presidencia do partido provincial. Case 1.600 avais que o confirman como un novo peso do partido. O bo resultado nas eleccións autonómicas e a materialización do que semellaba imposíbel, un relevo incruento á fronte dunha Deputación que tiña moito de feudo familiar, son avais non menos importantes que esas 1.600 sinaturas.

O xa de facto presidente do partido provincial non perdeu a oportunidade de lanzar unha crítica aos socialistas por desautorizaren, fronte ao diálogo na capital, o acordo entre PP e PSOE no Carballiño. 

BNG e PSOE parecen peor avidos en Santiago de Compostela ca en Ourense. Na mesma semana en que Jaume Collboni anuncia -coa vista en 2028- a desaparición dos pisos turísticos de Barcelona, os socialistas composteláns anuncian que se absterán no pleno do luns onde se votará unha ordenanza de vivendas turísticas que busca acabar con aquelas sen habilitación municipal. O Goberno local (nacionalistas e Compostela Aberta) depende dos socialistas, polo que esa abstención suporá un duro golpe na cruzada emprendida contra os excesos da turistificación, encarnada tamén na suspensión de novas licenzas para comercios turísticos na zona histórica. Unha decisión dos socialistas tomada pola comisión executiva municipal e que non está claro que sexa do agrado de todo o grupo de concelleiros.