O camiño que levou a Alberto Núñez Feijoo a encadear maiorías absolutas e a case entrar na Moncloa -empeño que aínda mantén e que non é imposible que cumpra- alicerzouse sobre unha imaxe formal e seria, impresa en escala de grises, que se verbalizou cunha afortunada expresión: o bo xestor. Foille propicio o momento. Nun tempo de precarización social, incerteza económica e revelación constante de escándalos de corrupción -que afectaban á Casa Real, aos grandes partidos, a varios gobernos autonómicos e municipais e mesmo ao Goberno do Estado-, Feijoo puido presentarse como unha persoa que non daba demasiadas alegrías, pero tampouco tristuras. Chegou á Xunta de Galicia dando a única batalla cultural que se lle recorda: a da imposición do galego. Despois diso, deixoulle a política ao resto. Feijoo non era un ideólogo, nin un axitador, nin acubillaba veleidades intelectuais. Feijoo non era simpático nin un bo orador. Non deixaba frases para a lembranza como Mariano Rajoy. Nunca xamais alzaría a voz diante dun micrófono como Isabel Díaz Ayuso. Tal vez non fose un home apaixonado, pero era, disque, un home competente. Isto é o que hai: podedes escoller xente que vos anime ou xente que vos resolva a vida, e eu son do segundo grupo, parecía dicir. Conseguiu moito con esa actitude, polo menos electoralmente. Foi capaz de non aparecer como un radical de dereita, desmobilizar o voto progresista e resistir todas as vagas de esquerda que se sucederon, incluídas as desastrosas eleccións municipais de 2015 onde ao PP lle escaparon case 200.000 votos e perdeu de vez a Coruña e Santiago de Compostela ante as mareas, se ben conseguiu recuperar Ourense. Mesmo cando o PSOE foi a primeira forza nas eleccións xerais en Galicia, na convocatoria de abril de 2019, Feijoo conseguiu revalidar a absoluta nas autonómicas do ano seguinte. Estes vaivéns electorais a todos os niveis menos na gobernabilidade de Galicia demostran que a marca Feijoo funcionou. O segredo estaba no gris.

Sen embargo, ese relato cambaléase cando se baixa ao mundano reino dos datos concretos. O último exemplo achegouno o pasado día 1 o Consello de Contas de Galicia nun informe que fiscaliza o contrato de concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O hospital entrou en funcionamento no ano 2015, construído por unha concesionaria capitaneada por Acciona e constituída como Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, S.A. O seu custo foi de 300 millóns de euros. O contrato coa Xunta establecía que a empresa, logo da construción, continúe xestionando os servizos non sanitarios ata o ano 2035.

No seu informe, o Consello chega a varias conclusións moi pouco positivas arredor da concepción e concesión deste proxecto hospitalario. Irregularidades ou decisións dubidosas que se estenden a través das distintas fases cronolóxicas e culminan co sobrecusto de 470 millóns de euros da concesión fronte á alternativa de licitar por separado a obra e os servizos. “É máis eficiente que o contrato de concesión realizado, xa que se poderían acadar resultados similares a un menor custo”, sostén o informe, aprobado na sesión plenaria do pasado 29 de xullo. O mesmo documento considera que a opción de contratación foi tomada sen levar a cabo unha análise comparativa previa de eficiencia e eficacia. Pero non é a única crítica ao proceder da Xunta. No tocante á planificación do proxecto, a Xunta substituíu o estudo de viabilidade completo por un estudo de viabilidade especificamente económico-financeira. Segundo se ve ao comparar o anteproxecto co prego de prescricións técnicas e a modificación do Plan funcional, reduciuse a superficie hospitalaria útil, o que evidencia, a xuízo do Consello, unha “planificación insuficiente da actuación”. No mesmo estudo de viabilidade económico-financeira, o informe detecta que existen dúbidas sobre o cálculo de susceptíbeis de inducir a erros á hora de cuantificar os investimentos e a necesidade de financiamento.

Resulta estraño, por outra banda, que tal e como recolle o Consello de Contas, o contrato de concesión inclúa non só a construción do Álvaro Cunqueiro, senón a prestación de servizos non sanitarios en todo o perímetro concesional do CHUVI, que inclúe os hospitais do Meixoeiro e o Nicolás Peña. O informe do Consello considera que esta ampliación a centros onde non se realizou ningunha actividade construtiva non ten soporte legal. Igualmente, o Consello considera que os criterios de adxudicación do proxecto non reúnen a calidade técnica que certifique a inexistencia de discrecionalidade.

Por abreviar, o Consello sinala que a construción do hospital non conseguiu os seus obxectivos fixados, acadar 2.000 camas no complexo hospitalario, quedando en menos de 1.400, con sobrecustos. Un golpe ao relato da boa xestión e ao mito da maior eficiencia público-privada que, especialmente tras a pandemia de COVID-19, cada vez se ve máis posta en cuestión.

Foi casualidade que na mesma semana en que este duro informe do Consello de Contas se fixo público se chegase a un acordo de investidura para o socialista Salvador Illa como presidente da Generalitat de Catalunya co apoio da Esquerra Republicana. O pacto inclúe o que Pedro Sánchez cualificou como un paso cara á federalización de España -permanezan atentos ao número de agosto da revista Tempos Novos-, un sistema singular de financiamento para Cataluña. A resposta do Goberno galego moveuse polas predicíbeis canles do aldraxismo. Acusa Alfonso Rueda a Pedro Sánchez de quebrar o Estado constitucional -un vaticinio que perdeu o seu sentido a forza de repetilo- e considera que este cambio no modelo prexudica a Galicia. Aproveitou o combo socialista-nacionalismo para azoutar a oposición local e presentar o BNG e o PSdG-PSOE como traidores a Galicia, en termos máis suaves, e nun novo exercicio do consabido reparto de carnés de galeguismo ou galeguidade. Dúas novas xuntas, a dos problemas de financiamento de Galicia e a do malgasto de fondos públicos, enténdense mellor, como adoita dicirse.

Mentres, os Xogos Olímpicos continúan en París non alleos a polémicas variadas sobre as augas do Sena ou quen pode ou non competir na categoría feminina do boxeo. Nesta mesma disciplina acaba de asegurar Galicia unha medalla. Emmanuel Reyes Pla, O Profeta, veciño da Coruña nado en Cuba e competidor na categoría de -92 quilos, impúxose en cuartos de final e pelexará na semifinal o domingo 4, podendo clasificarse para o ouro o día 9. O bronce xa o temos, pero o ouro sabe mellor.