Mal trago nas vías do tren. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, exerceu de cidadán indignado en Twitter -disque agora que a mercou un iluminado ten outro nome- logo de botar media hora nun tren parado que, para maior agravio, partira de Ourense para Madrid cunha hora de atraso. Rueda aproveitou para rematar de esnaquizar calquera paz co departamento de Óscar Puente tras estes atrancos para participar na capital do Estado nunha conferencia sobre o modelo de goberno en Galicia. Se cadra compartiría a técnica maxistral do balón fóra. Porque é curioso, por suposto, que o partido que gobernou durante catro quintas partes da historia da autonomía e cohabitou moitas veces con gobernos do mesmo signo en Madrid non teña ningunha responsabilidade, nin miga, nos crónicos problemas das infraestruturas galegas. Óscar Puente converteuse, naquela contrarréplica a Feijoo no fracasado intento de investidura deste, na besta negra da dereita. E as facturas emítense a moi longo prazo.

Peor trago en Vigo. O alcalde, Abel Caballero, encarna a indignación dunha das capitais do fútbol galego por quedar a cidade excluída das propostas que a Real Federación Española de Fútbol fixo para albergar o mundial 2030. Caballero non dubida en sinalar a Rafael Louzán, presidente da federación galega e expresidente popular da Deputación provincial, como un dos responsábeis desta decisión. Caballero, que fixo do aldraxismo unha das súas grandes e máis efectivas ferramentas políticas, ameaza con acudir aos tribunais. Entre as súas esixencias está que se fagan públicos os baremos e puntuacións das cidades escollidas, deixando caer que a falta de transparencia agocha algo. Que no mundo do fútbol, por outra parte, non é imposíbel.

Outro mal trago en Ourense. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, denuncia que os traballadores do Concello queren alongar o descanso da ponte de novembro cunha folga. Así o afirma o rexedor perante os paros convocados o 31 de outubro e o 4 de novembro. Esquece mencionar que os traballadores reclaman as horas extras e pluses que o Concello lles debe. Unha nova fronte de batalla para un alcalde ao que se lle acumulan os problemas, enfrontado á oposición, cun bloqueo político na institución e pagamentos atrasados a traballadores e provedores.

O xuízo por Samuel Luiz

Máis de tres anos logo do asasinato de Samuel Luiz na Coruña arrinca o xuízo por un crime homofóbico que estremeceu a cidade e provocou ondas de indignación por toda España. Nunha Galicia que aínda lle tomaba o ritmo á recuperación da normalidade tras máis dun ano de pandemia, e coas restricións sobre a hostalería e o lecer nocturno un chisco relaxadas, a cidade fervía aquela noite. Un malentendido, agravado polo alcol e reforzado pola homofobia, derivou nunha malleira desapiadada, no asasinato dun mozo de 24 anos. Son cinco as persoas acusadas por este crime. A expectación é total, e aínda restan semanas por diante. Está previsto que as declaracións dos acusados, testemuñas e peritos se estendan até o 18 de novembro, cando comezará a deliberación do xurado. Sexa cal for o resultado, semella claro que este crime marca un punto de inflexión na conciencia social sobre os dereitos do colectivo LGTBI. Por suposto, ningunha conquista social chega nunca sen reaccionarios ante ela, algúns o suficientemente reaccionarios como para sedimentar en turba.