Galicia conmemora hoxe un novo Día das Letras, desta volta centrada nas cantareiras, pandeireteiras e na poesía popular de carácter oral. Por un día, todo o mundo -excepto os catro repunantes que porén parecen marcar a axenda lingüística do partido que goberna a Xunta o resto do ano- está moi concienciado co galego e o seu futuro. É día de profusión do diminutivo en -iño e de exaltación dunha galeguidade que parece máis unha entroidada coa roupa de acotío dos avós que colle piolla no faiado que a vontade de vestir un traxe co que andar polo mundo no século XXI. No día entre días en que o galego se coroa como un patrimonio que debemos preservar un quixera escoitar, sen grandilocuencia, que o galego é unha lingua na que queremos vivir. Menos épica e máis cotiandade.
O Día das Letras ponlle o broche a unha semana onde o sistema bancario galego -ou o que queda del- volveu cubrirse baixo a sombra da absorción. A OPA do BBVA sobre o Banco Sabadell tería levado, informa a El País, ao segundo a explorar alternativas como unha fusión con Abanca. Esta última apresurouse a desmentir calquera tipo de interese no Banco Sabadell. Certamente, Abanca anda a outras cousas, proba diso é a súa sólida expansión en Portugal nos últimos anos.
E sen deixar de falar de Abanca, soada está a ser tamén a polémica que mantén co Concello da Coruña a respecto dos usos do estadio de Riazor logo de que se anunciase un concerto de El último de la fila para o mes de xullo. Nas últimas horas, dende a Administración local tendéuselle a man ao equipo de fútbol para baixar os ánimos, que é o que viñan pedindo a groso modo todos os partidos da oposición. O convenio que rexe o uso do estadio -que é propiedade municipal- permite este tipo de actividades previa comunicación e a cidadanía da Coruña ten ou debera ter dereito a desfrutar dun espazo desas características alén do futbolístico. Esta clase de pulsos nunca rematan ben.
Pulsos coma o que a Xunta está empeñada en manter, simultaneamente, co propio Concello da Coruña e co Goberno do Estado para explotar as contradicións entre ambos executivos socialistas a respecto dunha nova universidade privada en Galicia. O conselleiro de Universidades, Román Rodríguez, volveu sinalar ao executivo Sánchez a responsabilidade de impulsar o centro privado Emilia Pardo Bazán, vinculado a CESUGA, e que conta co firme apoio do goberno que dirixe Inés Rey. A Xunta vén de enviar ao ministerio “nova documentación” económica sobre o proxecto e o propio edificio que albergaría este centro privado.
Todo é máis sosegado na ría de Pontevedra. Para sorpresa de poucos, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, anuncia que se sente disposto a ser candidato. Sería a oitava vez que o nacionalista concorre a estas eleccións, que levan dándolle a alcaldía de xeito interrompido dende finais dos anos 90. Unha excepción de solidez urbana no campo do BNG que, porén, resulta curiosa nunha organización que se preza de fuxir de personalismos e da súa cultura colexiada.
A semana remata cunha imaxe lamentábel da enésima confusión entre partido e institución na Xunta de Galicia. Unha visita das Novas Xeracións do Partido Popular á estación de Lugo para protestar polo “calvario ferroviario” galego conducida pola deputada Nicole Grueira e onde as imaxes deixan ver a mesma persoa sostendo o micrófono da TVG -sería preceptivo coñecer os criterios de noticiabilidade deste acto de Novas Xeracións sobre outros- e o do Partido Popular de Galicia. A precariedade de medios leva moitas veces a escenas coma esa -a TVG envía só un cámara e alguén da organización ten que sosterlle o micro durante o canutazo- pero xa saben o que se di da muller do César.





