Galicia retoma a normalidade após as eleccións. Unha normalidade no sentido máis estrito da palabra. A propaganda electoral física vai desaparecendo de farois e valados igual que se apagaron eses banners de chiscadelas intermitentes dende a pantalla do teléfono. Atrás quedan os sorrisos e as promesas que salferían os nosos desprazamentos a pé ou en coche. Todo en orde. Ou non.

Algunhas cousas si van mudando. A metamorfose acada os partidos, as persoas e as paisaxes. A secretaría xeral do PSdeG-PSOE trocará o rostro. Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, consagra a fin da experiencia bicéfala no socialismo galego dando un paso para o lado. José Ramón Gómez Besteiro, o home que vén de asumir os peores resultados electorais da historia do partido, encara agora a tarefa de reconstruílo, unha manda en que non resultan estraños os ecos dos pasos de Sísifo. Ao seu favor xoga a visibilidade que poderá obter no Parlamento. En todo caso, semella que ter presidido unha Deputación, coa bagaxe de contactos e experiencia de xestión que presupón, comeza a ser un plus á hora de optar á dirección do PSdeG. En breve saberemos cando remata o interregno e en que momento o Besteiro candidato se transmuta no Besteiro líder orgánico. Formoso marcha comprometendo o seu apoio ao secretario entrante, o cal non é pouco nun partido demasiado afeito á remuda.

Na política galega as augas decote baixan turbias. A Fiscalía abre dilixencias de investigación penal a Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense que non conseguiu, malia que o seu partido entrou cun deputado na cámara do Hórreo, o papel de “facedor de reis” que o tería consagrado como un verdadeiro poder territorial neste país pequeno. A acusación, de malversación de fondos públicos, parte do fogo amigo, pois a denuncia -interposta o pasado mes de decembro- provén de antigos compañeiros de Democracia Ourensá. A Fiscalía terá que dilucidar se o rexedor incorreu en responsabilidade penal por compaxinar a súa actividade profesional co seu soldo público.

Non saímos da xustiza aínda que si de Galicia para lembrar que a Audiencia Nacional vén de prorrogar seis meses máis a instrución do caso do naufraxio do pesqueiro galego Villa de Pitanxo. A embarcación foi a pique hai algo máis de dous anos en augas próximas a Terranova, no Canadá, custando a vida de 21 persoas. O xuíz ve indicios de homicidio nestas mortes por imprudencia, unha responsabilidade que achaca ao capitán, Juan Padín, un dos tres únicos superviventes da traxedia. Outro dos mariñeiros, Samuel Kwesi, declarou que a causa do afundimento foi a negativa do patrón a soltar as redes para evitar a escora do barco, inmersos nun tempo especialmente adverso. O informe da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) apunta nunha dirección semellante.

Semana convulsa tamén no tocante a un proxecto que leva máis de dous anos mantendo en vilo a Palas de Rei. A firma portuguesa Altri proxectou unha fábrica de fibras téxtiles que, inicialmente -polo menos nas previsións da Xunta de Galicia– iría construírse na Mariña de Lugo. O proxecto continúa sen ratificarse a día de hoxe. A empresa sostén que a situación política española afectou o calendario previsto. Porén, cómpre lembrar que a planta afronta outra dificultade que non ten nada que ver co electoral: o acceso aos fondos europeos Next Generation. O ministro de Industria, Jordi Hereu, confirmou a comezos de febreiro o inicio da tramitación do acceso de Altri a fondos europeos a través do PERTE para a descarbonización. A pasteira portuguesa agardou a decembro do ano pasado para solicitar estas axudas. A empresa lusa espera cubrir até un cuarto do financiamento con estes fondos, pero segue habendo incógnitas.

Non é o económico o único obstáculo para o proxecto. Veciñanza da zona, agrupada en plataformas como Ulloa Viva, sinalan que o seu impacto é comparábel ao dunha celulosa. Alertan da contaminación e o consumo de auga que ocasionará e lamentan que cimente o monocultivo do eucalipto.

E rematamos entre cascallos. Unha ponte colapsou na estrada OU-536, en Xunqueira de Espadanedo. Non tomou a ninguén por sorpresa -por fortuna, o tráfico xa estaba cortado- e mesmo a derruba quedou reflectida nun vídeo que fixo ferver whatsapp. O colapso debeuse, informou a Xunta, a un defecto de construción no século XIX. Que defectos tan estraños aqueles que tardan máis de cen anos en manifestarse. En Galicia, até os defectos son virtudes. Esa é a Galicia que funciona.