O desastroso paso da DINA por Valencia cun centenar de persoas mortas centrou, inevitabelmente, a actualidade política nunha semana que comezou, tamén, coa vista fóra de Galicia, nas voltas e prolongacións do caso Errejón. Sen embargo, isto non significa que non sucedese nada no país. Por fortuna, algunha boa nova, como a concesión do Premio Nacional das Letras Españolas ao coruñés Manuel Rivas, todo un recoñecemento a unha traxectoria de máis de catro décadas polos vieiros da cultura, inseparábel do activismo, galega. O Ministerio de Cultura divulgou o pasado martes a concesión, que o xurado xustifica apelando á calidade narrativa da súa obra, provista de beleza formal combinada con forza emocional. Tamén salientan o seu compromiso coa memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega, que non lle impediu, malia que proa a tantos que ven no galego unha barreira infranqueábel que nos arreda da modernidade, acadar recoñecemento e sona internacionais. En Rivas temos un exemplo, un máis, dunha longa lista de autoras e autores galegos que acadan un recoñecemento e galardón no ámbito estatal, como Chus Pato, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño ou Ismael Ramos.
Mentres, a CRTVG segue vivindo un agravamento da conflitividade laboral interna que reflicte e expresa, máis ben, as tensións crecentes ante o control da televisión pública impulsado polo Goberno autonómico. Os paros en días alternos de carácter indefinido que veñen celebrándose dende hai semanas pasarán a diarios a partir do 1 de decembro se non hai acordo previo. Os traballadores seguen denunciando, co exemplo do espazo O Termómetro, a externalización e o desmantelamento do servizo público, mentres o PP impulsa un anteproxecto de reforma de leis de medios contestado por todos os actores políticos, sindicais e profesionais. No conflito que vive a CRTVG, os sindicatos denuncian a negativa do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, para reunirse con eles na procura dun punto de entendemento. Como primeira medida tras este desencontro, anunciouse que os paros intermitentes, actualmente de hora e media, medrarán ata as dúas horas e cuarto.
Na Coruña, continúa o xuízo polo asasinato, en 2021, do mozo Samuel Luiz a causa dunha brutal malleira en grupo, unha agresión homófoba pola que se xulga a cinco persoas maiores de idade, despois do xuízo a outros dous menores que grazas a un acordo de conformidade coa Fiscalía cumpren como condena unha reeducación de tres anos e medio en centro de menores. Estas dúas persoas declararon precisamente esta semana e fixérono para revelar un esquecemento total sobre o acontecido aquela noite. Malia que a sentenza pola que foron condenados ratifica sen lugar a dúbidas que tiveron unha participación directa nos feitos, ambos os dous alegan agora que viron todo a distancia e que só foron conscientes de que había un tumulto na zona. Un probábel pacto de silencio para encubrir os outros cinco acusados, que poderían enfrontarse a penas diversas que, nalgúns casos, acadan os case trinta anos de prisión. Esta semana declarou tamén o pai da vítima, un momento de extrema emoción na sala do xulgado onde se evidenciaron do peor xeito as consecuencias que deixa tras de si a homofobia no seu peor grao: non unha senón varias familias rotas, e un mozo que xamais volverá ao lar.
Por outra banda, o pasado mércores transcendeu a condena ao Sergas ao pagamento dunha indemnización de 20.000 euros á parella do home que morreu por un infarto no centro de saúde de atención primaria de Lalín en 2019. A triaxe que descartou a urxencia dos seus síntomas -motivo polo cal o finado marchou para a casa e só volveu á tarde con cita antes de finalmente morrer- foi efectuado por unha administrativa no canto de por persoal médico. O tribunal aplica a doutrina da perda da oportunidade, xa que considera que a persoa falecida tería tido outras expectativas e oportunidades se tivera sido atendida por un médico. Un desleixo que custou unha vida.