Volven os debates cíclicos sobre infraestruturas. Nunca acaba de marchar de todo o da AP-9, sobre a que o Congreso aprobou recentemente unha iniciativa que insta ao Goberno español a anular a prórroga da autoestrada, asumindo a xestión directa e, de pasaxe, eliminando as peaxes. A troca de titularidade -pertence agora a un fondo dos Países Baixos- non fai máis que acrecentar a incerteza.

Pero, se hai un asunto que sempre asegura titulares en Galicia, é o “aldraxismo”, esa tendencia á mecha curta cando se sente agraviado o país. Ese mesmo aldraxismo impregna os debates cíclicos anteriormente mencionados, e se hai un que ten ese carácter é a cuestión do tren, en calquera das súas variantes, dende que hai máis de 150 anos España comeza a desplegar o ferrocarril.

A última estación desta longa viaxe de ultraxes tivo lugar en Faro, Portugal, na Cimeira Hispano-Lusa. O executivo portugués e o español volveron amosar, sobre a vertebración peninsular, que só están de acordo en que non están de acordo. Pedro Sánchez prioriza a ligazón por AVE entre Lisboa e Madrid, dúas capitais europeas. Luis Montenegro, entre a Coruña,Vigo, o Porto e Lisboa, urbes atlánticas. Para o primeiro, fan falla máis de 200 quilómetros de vías por construír, de Toledo a Plasencia. Para o segundo, apenas restan 25 quilómetros, de Vigo a Valença. No mapa que se cadra colga nos despachos dun ministerio español, Madrid é máis española ca Vigo.

Por suposto, ninguén en Galicia quixo perder a oportunidade de chutar coa portería baleira. Alfonso Rueda envolveuse na bandeira azul e branca e acusou a Pedro Sánchez de actuar en contra dos intereses galegos. Demostrando que lla tiña gardada, acusouno de ignorar as súas reclamacións sobre a alta velocidade na recente reunión na Moncloa onde se negou a tratar o tema do financiamento autonómico. A Rueda falloulle a memoria, porén, a longo prazo. Non recordou que en febreiro, en plena campaña das autonómicas, Isabel Díaz Ayuso se plantou en Vigo para criticar a conexión desta cidade con Portugal vía alta velocidade.

Pola súa banda, Abel Caballero, o político que mellor xoga as cartas do aldraxismo en toda Galicia e parte do estranxeiro, prometeu defender os intereses da cidade. Tivo que conter algo o discurso -asegurou que presidente e ministro sempre escoitan o que lles di- porque, ao fin e ao cabo, ten carné socialista aínda que pouco o amose.

As mans máis libres tivo Néstor Rego para protestar esta decisión do Goberno español, que incumpre, considera, os acordos asinados co BNG. O deputado nacionalista en Madrid considera un despropósito que se constrúan antes 200 quilómetros entre Lisboa e Madrid que 25 entre Vigo e Valença.

Mentres, a Xunta anuncia que redefinirá o canon eólico no contexto do programa de repotenciación de parques eólicos, xa que manter unha taxa por número de muíños reduciría a recadación. Precisamente este ano vén de cumprirse o décimo quinto aniversario da lei que creou o canon, dentro da política de Feijoo por soterrar o concurso eólico do goberno bipartito. Unha década e media onde a planificación brillou pola súa ausencia e, até a semana pasada, non se anunciara unha reforma do plan sectorial eólico de 1997, parcialmente modificado en 2002. Como moitas outras veces, haberá que esperar e ver a distancia que separa o dito do feito.