Un dos alicerces da democracia é a rendición de contas dos gobernantes electos fronte á cidadanía que os puxo no sitio. Un fracaso estrepitoso dalgunha política fundamental, noutros países do mundo, podería levar mesmo á dimisión en pleno dun goberno. Porén, a lingüística non é unha política fundamental en moitos deses países. En moitos casos non fai falla. Que necesidade tería o Reino Unido dunha oficina de promoción do inglés? Por suposto, Madrid non tiña necesidade dunha oficina de defensa do español, pero cosas veredes, Don Sancho (ou Sánchez). O caso é que en Galicia, con dous idiomas oficiais e só un deles propio, si fan falta políticas lingüísticas. E hainas, abofé, pero no sentido contrario ao que require non xa a promoción senón a conservación do galego.
Por iso o Instituto Galego de Estatística pode publicar, dentro da enquisa estrutural a fogares, un apartado de coñecemento e uso do galego que di que un de cada tres nenas e nenos de Galicia non sabe utilizar o idioma, e que en San Caetano se viva coma un venres máis. Non deades a turra co do galego que o día propio é o 17 de maio, case parece escoitarse. Daquela, cando a inhibición do Goberno galego no que toca ao destino do idioma colle forma de hábito, as boas intencións quedan en papel mollado. O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, que no seu artigo quinto recolle a obriga dos poderes públicos galegos de potenciar a utilización da lingua en todos os ámbitos e disporán dos medios necesarios para o seu coñecemento, é papel mollado, como papel queimado foi o seu precedente en 1936. A Lei de Normalización Lingüística, que concitou o apoio unánime do Parlamento Galego antes de ser mutilada nun aspecto fundamental -o deber de coñecemento, idéntico da lingua galega, idéntico á esixencia equivalente para o castelán na Constitución española- polo Tribunal Constitucional a instancias do Goberno español do momento, é papel mollado. O Plan Xeral de Normalización Lingüística, última expresión dun consenso lingüístico no país antes de que os conservadores o rachasen para navegar as augas turbias polos prexuízos que os levaron de regreso á Xunta naquel antediluviano 2009, é papel mollado. Por pudor cómpre calar en que categoría de papel caen os sucesivos informes do Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa que periodicamente alertan das eivas nas políticas públicas que deberan promover a normalización.
Lonxe de preocupacións, o presidente da Xunta pon terra de por medio e marcha para os actos do Día da Hispanidade en Madrid. Aproveita para publicar un chío na rede social anteriormente denominada Twitter para reivindicar unha dupla identidade galega e española e o orgullo da galeguidade, pero non atopa tempo para comentar a situación da lingua nin para vinculala a ese orgullo de país -seica comunidade- que promove.
A semana tamén deixou unha prometida baixada de peaxes na AP-9 en cumprimento do acordo de investidura pactado en Madrid entre o PSOE e o BNG cando se negociou o actual goberno Sánchez. O anuncio fíxoo o ministro Óscar Puente, que non tardou en ser replicado pola secretaria xeral do PPdG, Paula Prado, para quen a baixada é “pequena”. O historial do seu partido con esta infraestrutura convidaría a que pequenas fosen as críticas, pero é certo que a memoria é aínda máis breve que a vida.
A actualidade volveu pasar por ese sainete en que derivou a política local ourensá. A oposición municipal en bloque pide a dimisión dun dos concelleiros de Democracia Ourensá, Francisco Lorenzo López, tras coñecerse o atestado policial sobre o accidente sufrido co seu vehículo contra un valado da cidade, sen feridos, tras o que fuxiu do lugar e onde, sen proba de alcoholemia, hai indicios suficientes para considerar que o alcol xogou un papel. É un máis do ronsel de escándalos que acompañan o partido de Gonzalo Pérez Jácome nos seus cinco anos como alcalde. Non se admiten apostas porque resulta obvio que non será o derradeiro.