Na illa de estabilidade que é Galicia hai máis de seis anos que se sente un zunido estraño, case un son estático, que soa de fondo cada venres. Mentres milleiros de galegos sintonizan a Televisión de Galicia -un 11% segundo os datos de 2023, aínda que esta cifra foi caendo durante o ano e a comezos de setembro non chega ao 9%-, o rumor esténdense pola tremoia. Xa van 332 Venres Negros, as xornadas promovidas por Defende a Galega nas que o persoal da compañía se mobiliza contra a manipulación informativa. Este venres é distinto, porque malia o rotundo dun número que hai moito tempo que acadou as tres cifras, a aposta do persoal elévase coa ameaza da primeira folga indefinida da historia da TVG.

As asembleas de traballadoras e traballadores da CRTVG ratificaron a convocatoria, que en principio será de catro días -7, 9, 11 e 14 de outubro- pero que terá ese carácter indefinido se o día 16 a dirección do ente non aceptou as súas reivindicacións: o fin da externalización de programas e a recuperación do diálogo social. O paro será efectivo entre as 11.30h e as 13h, horario de emisión do programa externalizado O Termómetro, que vén de substituír a veterana A Revista. O Comité Intercentros recorda que este novo programa supón unha dilapidación de recursos públicos e un perigo de afondamento na manipulación informativa, relegando o persoal da cadea a aspectos técnicos -falan de cesión ilegal de traballadores no comunicado- e mantendo externalizado o control de contidos.

No mesmo Venres Negro, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu no Parlamento Galego na Comisión de Seguimento da CRTVG. Na cámara do Hórreo viuse obrigado a recoñecer que o xefe de informativos da Radio Galega, Alberto Varela, “non estivo á altura” -matizou cun previo “posiblemente”- cando informou sobre o crítico informe do Consello da Cultura Galega sobre as consecuencias da instalación do proxecto de Altri en Palas de Rei. Unha reflexión emitida durante o espazo “As claves do día” onde Varela puxo en dúbida a competencia do Consello para analizar “un asunto mediambiental” e reproduciu, punto por punto -non será a última vez na CRTVG- o argumentario do partido que goberna a Xunta de Galicia.

Non todo son malas noticias en San Caetano. Ás veces a esperanza vén dos lugares máis insospeitados. Coalición Canaria tendeulle unha man ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para aforrarlle unha comparecencia no Congreso dos Deputados. A comisión de investigación creada na cámara para dilucidar a existencia de prácticas corruptas na adquisición de material sanitario durante a pandemia caducará durante a semana que entra, sen conclusións de ningún tipo e coa declaración pendente, que xa non chegará a producirse, de figuras como o exministro socialista José Luis Ábalos. Tampouco poderá afondar no papel da Xunta de Galicia durante a pandemia, con especial foco na concesión de contratos a empresas vinculadas por intereses familiares, o que librará ao daquela conselleiro e hoxe presidente Alfonso Rueda de pórse diante dun micrófono en Madrid. Coalición Canaria, cuxo voto é decisivo na comisión, decidiu xuntarse a PP e Vox en represalia pola xestión do Goberno central da situación migratoria. “De illa a illa, grazas”, debeu de pensar o presidente.