A Medalla de Ouro de Galicia é unha distinción de honra, de grao máximo, que o Goberno galego concede a persoas ou institucións destacadas polos seus méritos ao servizo de Galicia. Non constan xestas excepcionais da princesa Leonor de Borbón en beneficio do país, non sendo a formación militar -un ideal de monarca soldado tan extemporáneo como carnavalesco- e a preparación -a insignia da Casa Borbón- para exercer o posto que un día lle acaeu na lotaría xenética. Isto non impediu que o Goberno galego decidise recoñecela con este galardón cando se achega o final da súa formación militar na Escola Naval de Marín. Coa imposición da Medalla de Galicia, afirman na prensa seria fontes da Xunta, pretenden recoñecer o “afecto e respecto” que o pobo galego sente pola herdeira do trono español e polo conxunto da Casa Real.
Ocorre, no entanto, que os significantes tamén poden erosionarse por falta de significado. As Medallas de Ouro de Galicia eran unha conmemoración mastodóntica nos tempos de Manuel Fraga, moito máis comedida no breve bipartito e novamente ampliada con Feijoo, pero sempre ligadas á celebración do Día Nacional de Galicia e a idea da existencia dunha comunidade política que recoñecía e premiaba os seus “bos e xenerosos”. A primeira medalla, a evidente título póstumo, foille concedida a Afonso Castelao, autor de palabras ben duras contra a Casa Borbón e que seguramente xamais soñou verse ligado a un dos seus membros, en cadanseu extremo dunha xenealoxía de premiados que con maior ou menor fortuna recoñeceron a pluralidade do país. A entrega, arredor do 25 de xullo -adiantada ao 24 decote- ligábaa á idea do Día Nacional. Agora, teóricos problemas de axenda da herdeira de Filipe VI obrigan a adiantar a entrega ao día 14 de xullo -un día, por certo, ben pouco monárquico de ollarmos por riba dos Pireneos-. A banalidade da escolla, a mudanza de data… todo parece aliarse para tirarlle lustre ao premio. Recoñecer a finalización da formación dunha rapaza de 19 anos só porque felizmente para ela seu pai é Xefe de Estado e ela herdeira á mesma categoría supón a definitiva renuncia ao simbolismo e a transcendencia dos grandes premios do país. Cantos méritos acumulados ao servizo de Galicia pode ter Leonor de Borbón? Con cantas outras distincións baldeiras collerá ferruxe -é un falar- a medalla no fondo dun caixón da Zarzuela? Non lles recorda demasiado aos diplomas que un ilustre político e hostaleiro galego acumulaba no seu restaurante, vestixio da gloria de ordes gastronómicas varias? Nesta columna xa o temos dito: se se trata de cariño e de servizos ao país, unha medalla póstuma a Akira Toriyama sería o propio.
A semana tamén herdou algunhas polémicas da anterior que ameazan con seguir dando titulares -unha máis cá outra, cómpre recoñecer-. Por unha banda, a oposición non deixou pasar a dimisión de Alfonso Villares como conselleiro do Mar cando transcenderon as dilixencias xudiciais logo de ser denunciado por agresión sexual. Uns feitos que o presidente da Xunta coñeceu no mes de febreiro sen actuar inmediatamente, o que pon en cuestión, e así o salientan BNG e PSOE, todo o compromiso contra a violencia machista por parte da Xunta. En segundo lugar, o órdago da Universidade da Coruña co grao en Medicina segue sobre a mesa. A posición oficial do PPdeG, e en consecuencia a da Xunta de Galicia, é continuar mantendo unha única titulación vinculada á USC pero descentralizada. Nese consenso está tamén a Universidade de Vigo, se ben tanto o goberno local de Abel Caballero como o PP vigués están a outra cousa: o pleno da cidade olívica apoiou por unanimidade a reclamación dunha facultade de Medicina vinculada á Uvigo na súa xuntanza do pasado xoves.
E esta sucesión de sete días péchase cun novo desencontro, a conto do molesto ecoloxismo, entre a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Este órgano vén de paralizar a resolución autonómica que permitía retomar a caza do lobo durante esta tempada, de forma que até o vindeiro 31 de xullo non se poderá perseguir esta especie ameazada no noso país. A partir de aí, novamente, este animal emblemático será novamente obxecto de caza, amparándose nunha reacción contra a especie a escala europea e nunha sobredimensión evidente da capacidade do lobo para afectar ás comunidades e economías rurais. Con 800 exemplares estimados en toda Galicia, o lobo é máis un refugallo que un inimigo.





