O que lle cómpre ao galego é honestidade

| De sete a sete

Os últimos quince anos son a historia dunha fractura política en Galicia, que reproduce, dunha forma máis vistosa pero non menos traumática, a fenda lingüística que aínda atravesa a nosa sociedade e que sitúa a lingua galega, devagar, nun recuncho forzosamente minguante, minguado. Son quince anos de enfrontamentos sobre o modelo lingüístico e a transmisión interxeracional do idioma. Son tamén os anos da, agardemos non definitiva, substitución do galego polo castelán como lingua de uso máis frecuente no país. Esta exposición non presupón cinco séculos previos de paz lingüística. Porén, o sucedido hai algo máis de tres lustros significou o primeiro paso atrás en décadas de autonomía onde se desenvolvera un consenso, máis ou menos honesto, a prol da normalización lingüística. O cabalo de batalla que montou Núñez Feijoo para reconquistar pola mínima a Xunta de Galicia ante o bipartito significou un dano terríbel ao idioma, que aínda nin se recoñeceu abertamente por parte das institucións públicas nin, o máis grave, se quixo emendar.

É natural xa que logo que o comezo dos traballos de reforma do Plan de Normalización Lingüística que pretende a Xunta atopasen a desconfianza dos sectores e actores sociais máis implicados nos procesos de normalización do idioma, cando non a máis aberta hostilidade. Custa moito acreditar nunha vontade sincera por parte de quen gobernou corenta anos o país abdicando gravemente do seu deber normativo de promoción lingüística. O que lle cómpre ao galego é honestidade e non ritualismo.

Unha xuntanza auspiciada polo Goberno galego reuniu o mércores un cento de profesionais de diversos ámbitos para a renovación do Plan Xeral de Normalización Lingüística adaptado, en palabras do conselleiro de Lingua, José López Campos, “á realidade social, demográfica e lingüística dos nosos días”. Na reunión non houbo demasiada cordialidade. Dende a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega denunciaron que exista un veto a entidades sociais que non recibiron convite, e consideraron pouco máis que un teatro as pretensións do Goberno. Non axudou a mellorar o clima o feito de que a Xunta introducise entre a documentación de traballo a enquisa que a empresa privada Sondaxe levou a cabo, por iniciativa da Xunta, para emendar os resultados da Enquisa estrutural a fogares do IGE que salientaron o retroceso do galego. Si, aínda que custe acreditalo, a Xunta encargou unha enquisa externa, cunha mostra ben máis cativa, para levar a contraria aos resultados dunha interna. Con eses exercicios de pseudociencia sociolingüística é moi difícil crer que as cousas vaian mudar, polo menos, dende as institucións.

Unha faísca para esperanza está nas declaracións do secretario xeral de Lingua, Valentín García, ao día seguinte en comisión parlamentaria, cando se amosou disposto a “cambiar cousas” do infausto decreto do plurilingüísmo que ten convertido un terzo da poboación menor de 15 anos do país en ignorante do galego.

Porén, a crúa realidade reloce axiña, alén das promesas, cando os populares apoian unha iniciativa de Vox na Comisión Mixta para a Unión Europea das cámaras parlamentarias españolas, o Congreso e o Senado, onde se insta ao Goberno español a cesar os seus esforzos a prol da oficialidade do galego, do éuscaro e do catalán en Europa. Entre eses votos contrarios a aumentar espazo social e institucional para a lingua propia de Galicia estaban os exconselleiros Francisco Conde e Pilar Rojo.

Sen que se lles intúa demasiada preocupación polo futuro do idioma entre o aroma triunfal, os populares celebran o primeiro aniversario da primeira vitoria de Alfonso Rueda nas urnas. Este sábado Compostela acolle un acto conmemorativo que contará coa presenza de Alberto Núñez Feijoo e dunha representación de todo o poder institucional do partido. “Hai un ano que os galegos escolleron gobernar e non bloquear” e a “Galicia que funciona”, afirmou Paula Prado, a secretaria xeral. Funcionar é un significante baleiro.