O manipulado, o politizado e o manipulador

| De sete a sete

Continúa o intenso e perenne calendario de mobilizacións contra o proxecto de Altri en Palas de Rei. A Pobra do Caramiñal ficou pequena para acoller moitos milleiros de persoas (máis de 20.000 segundo a Policía Local) que alagaron, baixo unha chuvia que evocaba os días de Nunca Máis, a vila arousá. Máis de 500 barcos acompañaban dende o mar, a maior distancia do agardado debido ás inclemencias meteorolóxicas. Foi, novamente, unha mostra do enorme pulo da sociedade civil galega ante cuestións ecolóxicas, no corazón mesmo da ría ameazada pola fábrica de Altri. Non é ousado dicir que o medio ambiente é o gran catalizador da mobilización social na Galicia democrática.

O Goberno galego, mentres, combina unha estratexia ofensiva (mandar a bóla ao tellado do Goberno español para financiar a fábrica e sacar adiante unha cuestionada DIA favorábel pero condicionada) cunha claramente defensiva que procura a deslexitimación do movemento ambientalista e a denuncia das contradicións da oposición, á que intenta insistentemente atrapar nunha arañeira recordándolle o voto favorábel no Parlamento a un proxecto que daquela, en 2022 -arqueoloxía institucional, practicamente- era moi distinto. Por non ser, nin sequera era o mesmo lugar.

Dentro desta estratexia de deslexitimación encádranse as duras palabras que o portavoz popular no Parlamento, Alberto Pazos Couñago, dedicou aos manifestantes: “Creo que algúns que van de boa fe están manipulados. Creo que hai algúns que están politizados. E creo que hai algúns que o que van é manipular. De todo hai na viña do señor”. Unha afirmación que non deixa en bo lugar a concepción do pluralismo político por parte de Pazos. Un dos alicerces da democracia está no respecto ás ideas do contrario, outorgándolles a condición de lexítimas e, especialmente, de innatas ou polo menos independentes. O corpo social non é unha esponxa que poida inflarse con líquido, con ideas vertidas por outro. Cavilar no contexto da necesaria deliberación democrática e chegar a conclusións distintas sobre a conveniencia dun proxecto ou dunha idea respecto á posición do partido no poder non é unha mostra de manipulación, senón de criterio propio. Politizar unha reivindicación tampouco é anatema, porque é a través da política, no sentido máis amplo, que calquera cidadán ou cidadá pode intervir nos asuntos públicos. As persoas afectadas polo proxecto de Altri teñen dereito a facerse oír e que ninguén pinte delas unha imaxe submisa, pasiva nin dependente. Denota unha certa debilidade dirixirse así a elas, máis cando a acusación parte dun partido que no medio de crises semellantes consegue imporse electoralmente sen demasiados esforzos.

Os mena, munición contra o Goberno central

Durante esta semana, a Xunta manifestou a súa oposición a un novo reparto de menores non acompañados de orixe migrante, alegando unha sobreocupación. Xogando novamente a carta do aldraxismo (o reparto acordouse en base ao Real Decreto-lei que reforma a Lei de Estranxería logo dun acordo entre o Goberno español e Junts), o Goberno de Rueda volve queixarse do trato diferenciado entre Galicia e Cataluña. Novamente, Galicia volve utilizarse como a nacionalidade coa que limar “cara abaixo” calquera veleidade competencial ou soberanista e, especialmente, o espello politicamente correcto onde deberían mirarse vascos ou cataláns. Se tivesen feito máis caso na catequese, na Xunta se cadra lembrarían que a mellor parte da herdanza foi a que levou o fillo pródigo.

Sexa como for, o emprego de menores migrantes non acompañados como munición contra o goberno imítase perigosamente aos discursos e as actitudes cara ás que a dereita parece estar a esvarar en medio mundo. Unha identificación, voluntaria e consciente ou non, cos marcos da extrema dereita que tivo o seu cumio coa espantosa petición dun Carlos Mazón acurralado para que se fixesen públicas as nacionalidades dos saqueadores logo da DINA, cunha evidente aspiración de estigmatizar certos grupos nacionais, coherente coa súa estratexia política centrada só na mera supervivencia ao amparo do apoio parlamentar de Vox. Un apoio que Alfonso Rueda non necesita aquí, pero parece que todo vale se o obxectivo é Pedro Sánchez.