Unha de cal e outra de area mirando para Europa. A Comisión Europea vén de certificar, nun ditame motivado enviado ao Goberno español, a ilegalidade da prórroga na concesión da AP-9 impulsada hai un cuarto de século polo Goberno de José María Aznar. A Comisión lembra que esta ampliación, que puxo milleiros de condutores que a diario percorren esta vía en mans de Audasa até 2048, non contou con aviso público nin un procedemento de licitación. O Estado español ten un prazo de dous meses para negociar como resolver a situación, antes de que a Comisión opte por sentalo no Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Unha das posíbeis saídas é o rescate da concesión ou a tramitación dunha nova licitación.

Á vez, o Consello de Asuntos Xerais, un dos organismos do Consello da UE, volveu amosar a súa falta de consenso sobre a pluralidade lingüística, nun debate impulsado polos socios do executivo Sánchez e apadriñado polo Goberno do Estado coa oposición do PP e as súas autonomías -incluída a nosa-. A decisión sobre a oficialidade do galego, do catalán e do éuscaro volve adiarse como un asunto incómodo en boa parte dos Estados membro, refractarios ao recoñecemento da súa propia pluralidade interna. É debatíbel se o galego se atopa oficializado de facto ou non baixo o paraugas do portugués no seo da UE, pero o acontecido amosa dúas realidades preocupantes: a incapacidade europea para lidar coa realidade idiomática do continente e a renuncia do Goberno da Xunta a ser paladín do galego en todos os foros, nacionais e internacionais, conforme coa súa propia misión fundacional. Foron Salvador Illa, presidente da Generalitat de Catalunya, e mais o lehendakari Imanol Pradales os valedores do galego, que incluíron a nosa lingua nas senllas misivas que dirixiron aos gobernos dos Estados membros da UE reclamando a oficialidade europea destes tres idiomas cooficiais en España canda o castelán. O feito de que un presidente catalán ou outro vasco, de distintos partidos, reclamen expresamente a oficialidade do galego, do éuscaro e do catalán mentres o presidente da Xunta despreza o debate dá conta do constante retroceso do Goberno galego e do partido que historicamente o sustentou nun proxecto de consolidación e desenvolvemento dun prestixio institucional, dunha idea de país aplicada a Galicia que se expresaría, no plano cultural, na defensa dunha lingua propia.

Un proceso que acha o seu eco, por outra banda, na constante rebaixa dos símbolos do país resultado da súa banalización. De banal cómpre denominar a imposición da Medalla de Ouro de Galicia á princesa Leonor, herdeira do trono de España, co único mérito coñecido de rematar a súa formación militar en Marín. Resulta difícil discernir que outros méritos pode acumular unha rapaza de vinte anos que aínda está lonxe de acceder ao cargo para o que foi formada para, a estas alturas da vida, ser galardoada coa máis alta distinción do país. É tan difícil que mesmo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, decidiu non facelo e deixou ir o tema cun laconismo tautolóxico nas páxinas do DOG, que terma de todo.

Polo demais, xullo avanza deixando imaxes curiosas en Galicia, como a homenaxe, tan paródica como consciente, ao Manuel Fraga que como ministro franquista tomou baño en Palomares que levou a cabo o inefábel alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. O rexedor, acompañado pola concelleira de Festas, decidiu mergullar nas termas de Muíño da Veiga, onde a Xunta aconsella non facelo pola salubridade das augas. O propio Jácome rememorou a Fraga mentres enganchaba nos pelos do peito espido o micrófono, nunha imaxe que sen dúbida entra a formar parte da memoria audiovisual deste século convulso en Galicia.

Mentres, na Coruña, a UDC eleva a aposta e mantense disposta a implantar un grao de Medicina a dous anos vista. O Consello de Goberno da universidade herculina aprobou de xeito unánime o inicio do expediente de solicitude desta nova titulación, que conta coa oposición frontal da Xunta e da USC, enredadas na anterior pantalla, a da descentralización. A Xunta de Galicia non tardou en denunciar a ruptura do consenso e en falar de unilateralidade. Resulta difícil pensar, a estas alturas, que a Universidade da Coruña vaia renunciar a unha aspiración que está lonxe de ser un farol, polo que os laios do executivo autonómico non parecen ter quen os escoite a norte de Carral.

Por último, e mentres apertan as calores de xullo, GCiencia faise eco dos datos da plataforma MACE (Mortalidade Atribuíble en verán pola Calor en España) da Fundación para a Investigación do Clima (FIC) que sinalan que este verán, aínda non mediado, xa deixou 475 persoas mortas en Galicia por causa da calor, con especial incidencia nas provincias do sur. Pontevedra leva máis mortos por calor este verán que Badaxoz. Unha cifra arrepiante que pon en serias dúbidas que Galicia sexa ese “refuxio climático” soñado pola Xunta e que nos obriga a formular seria e urxentemente a resposta á mudanza climática.