A desgusto do Goberno galego, o conflito de Altri segue moi vivo. O presidente, Alfonso Rueda, quixo botarlle o pecho ao debate -e, de facto, declarouno ‘pechado’- nun acre pleno no Hórreo onde o PP e a oposición se cruzaron duras acusacións. Para Rueda, BNG e PSOE son ineptos e mentireiros pola súa suposta mudanza de postura en relación á planta de Altri en Palas de Rei. A isto, Ana Pontón opuxo que o proxecto hoxe sobre a mesa non se coñeceu até despois das eleccións, o cal é certo, xa que a publicación oficial do mesmo realizouse moi pouco despois do 18F. Pontón elevou o ton ao acusar a Rueda de ser un mero axente comercial da empresa portuguesa e de estar perigosamente preto da prevaricación. O PSOE, aínda algo descolocado neste debate polarizado entre populares e nacionalistas -onde, porén, teñen a última palabra ao controlar os fondos europeos en Madrid- estivo representado por un Gómez Besteiro que acusou á Xunta de obrar con escasa transparencia.
“O debate ambiental de Altri está pechado”, afirmou pois Rueda nun momento do intercambio. Ignorou o presidente, atarefado en intentar dotar de vehemencia esta afirmación, que é imposíbel deixar de pensar no maldito elefante e que os marcos se reforzan cada vez que se evocan. “Cando negamos un marco, evocamos o marco”, sintetizaba George Lakoff en Non penses nun elefante. Aludir ao debate ambiental non é máis que unha forma de mantelo vivo. Ou, como dicía Tywin Lannister na monumental Xogo de Tronos, “calquera home que deba afirmar que é o rei, xa non é o rei”.
Aludir ao debate ambiental non é máis que unha forma de mantelo vivo.
Mentres isto sucedía no Parlamento, o aldraxismo volvía obrar a súa maxia. Abel Caballero, un dos líderes galegos máis versados no emprego desta ferramenta de cohesión cidadá e enmarcado político, anunciaba o estudo de accións legais logo de que o estadio de Balaídos e con el a cidade de Vigo ficasen fóra, en beneficio de Anoeta e Donosti, do listado de cidades que acollerán partidos do Mundial 2030 (un listado onde a Coruña continúa, o que se cadra reforza a aldraxe olívica). Por suposto, Caballero aproveitou para pór en evidencia a actitude de Rafael Louzán, presidente da Real Federación Española de Fútbol tras o seu paso pola galega e, previamente, a presidencia da Deputación de Pontevedra polo PP: “É o único que non fala” neste “escándalo”, denunciou o rexedor vigués, unha das poucas persoas do ámbito político galego que combinan unha labia inesgotábel coa capacidade de cruel concisión cando a situación o require. “Eu non descarto nada, vou defender a cidade, e diante están os ataques da RFEF respaldados desde instancias políticas”, sinalou, antes de evocar a inacción do presidente Rueda e o partidismo do PPdG contra a cidade, encarnados na persoa do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo (no seu momento, tamén, presidente da deputación da Coruña, porque nesa tensión entre os extremos da AP-9 explícase boa parte do devir políticos dos últimos corenta anos no país).
A polémica cobrouse a testa na directora da candidatura, María Tato, pero isto non significa que a Federación vaia dar o brazo a torcer. O baremo que deixa a Vigo fóra, con Balaídos como duodécimo estadio -escóllense once- é definitivo, aínda que se producise logo dunha polémica corrección que trocou o posto do estadio olívico polo vasco.
Demanda pioneira
Nunha terra onde, como xa sostivemos en varias ocasións nesta columna, a cuestión ecolóxica move montañas e ríos de xente, e onde os poderes públicos non salientan pola súa sensibilidade ambiental, non pode sorprender a demanda pioneira que impulsa a veciñanza nas proximidades do encoro das Conchas, no río Limia. Dirixida contra a Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e varios concellos da zona, ten por obxecto a contaminación no encoro, que atribúe aos vertidos de macrogranxas porcinas e avícolas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia terá que deliberar por primeira vez arredor do impacto que sobre os recursos hídricos ten a gandería industrial, incluíndo a vulneración de dereitos fundamentais (á vida, á propiedade e o domicilio). Alén de sete veciños, a comunidade local das Conchas de Lobeira, e a Federación de Consumidores e Usuarios (coa axuda de Amigas da Terra e ClientEarth) poñen en marcha este litixio único en Europa. Novamente, a sociedade civil galega vai décadas por diante das súas institucións.