Nas narrativas nacionais dos pobos ibéricos que miran para o Atlántico, o mar ocupa un lugar fundamental. No sur, para os portugueses, como un espazo de conquista, descobrimento e expansión colonial, nun relato de morriña imperial que ten o seu espello do outro lado da fronteira con España. Non en van aínda abren o seu himno evocando os herois do mar, nobre povo que non son lembrados con tanto cariño nin na India nin no Brasil. Máis ao norte, aquí en Galicia, a falta dun pasado conquistador de noso -porque formamos parte do español e, en menor medida, do portugués a través de navegantes coma o galego Xoán da Nova- evócanse outras glorias mariñeiras. Dicía Xosé Manuel Beiras sobre a resposta social durante a crise do Prestige que “desapareceu o Estado e emerxeu a Nación”. Sirva esa evocación para definir tamén a nosa relación mítica co mar e o substrato deste no desenvolvemento do noso propio relato nacional. En Galicia, o mar non evoca canóns e galeóns -con excepcións coma Rande-, pero si as sombras chinescas de perigosas tormentas, de peixe recolleitado a alto custo, das clases do traballo que pagaban tributos en carne humana. A falta dun Estado propio, Galicia non utilizou o mar como plataforma de expansión senón de sustentación. Por iso o noso relato do mar non o protagoniza o soldado senón o mariñeiro.
E, porén, agora o mar xa é noso. O “Gobernarmos nós a nosa terra” con que o nacionalismo enchía as paredes hai medio século transmutouse cos tempos no “Gobernarmos nós o noso mar” que Paula Prado -é de presupor que sen o emprego do infinitivo conxugado- consagrou como nova ideoloxía de Estado -é un falar- da Xunta de Galicia contra as praias azuis de Outes. Porque, dende esta semana, a competencia sobre o litoral xa é autonómica, despois dun camiño arrevesado e non exento de abrollos. E o Goberno galego celebra esta conquista no autogoberno, a primeira en máis de quince anos, como se se reparase unha inxustiza milenaria. Os romanos chamaron Mare Nostrum ao Mediterráneo, e agora nós podemos chamarlle Mar Noso ao Atlántico.
Non hai puntada sen nó. Se ben a presentación do acordo tivo lugar en Santiago de Compostela coa presenza tanto do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como do ministro de Política Territorial, o expresidente canario Ángel Víctor Torres, a secretaria xeral dos populares galegos visitou ao día seguinte o concello de Outes para escenificar esta reconquista costeira. Un municipio onde o PP leva, coma quen di, catro días gobernando, logo de que unha polémica moción de censura cun tránsfuga socialista acabase co goberno de coalición progresista neste concello da comarca de Noia. A celebración sempre é máis doce en terra liberada. E se algo saben facer os conservadores galegos é mimar as conquistas recentes para fidelizar o voto.
Rueda parece terlle collido o gusto ao autogoberno e, marcando diferenzas coa época de Núñez Feijoo, pretende novas competencias.
Nesta visita puideron enxergarse de forma especialmente nítida as dúas almas, non contraditorias, do Partido Popular galego. Por unha banda, Prado puxo o acento galeguista, cunha reivindicación das bondades do autogoberno fronte á xestión “desde un despacho da Castellana” que non tería desentoado en boca de Ana Pontón. Pola outra, o alcalde, Francisco Calo, alegou unha suposta falta de “seguridade xurídica” para a veciñanza e as empresas costeiras coa situación anterior. Disque as empresas localizadas en dominio público marítimo-terrestre non podían operar “en condicións”. Identidade e sentidiño, a receita de corenta anos de éxitos electorais.
O traspaso do día previo en Compostela, unha cordial xuntanza entre administracións, puxo o broche a un proceso non exento de choques onde o Goberno español chegou a considerar que a Xunta practicamente facía unha declaración de independencia no tocante ao mar. O Tribunal Constitucional foi campo de batalla neste enfrontamento, onde a Xunta conseguiu desbloquear a práctica totalidade das impugnacións do Estado. Agora, Rueda parece terlle collido o gusto ao autogoberno e, marcando diferenzas coa época de Núñez Feijoo, pretende competencias sobre a emisión de alertas meteorolóxicas e a de permisos de residencia e traballo a persoas migrantes -a dúbida lexítima é se este é o mellor momento para solicitar esta competencia visto o momento populista que vive o PPdG con minorías como a islámica, tal como se desprende das polémicas declaracións recentes do alcalde de Lalín-. Non se sabe nada, polo momento, dos seus plans sobre competencias como tráfico, seguridade viaria, salvamento marítimo ou vixilancia pesqueira. De feito, o debate sobre tráfico para o PPdG pechouse o pasado mes de febreiro cando acusou ao BNG de pretender expulsar de Galicia a Garda Civil. Os debates honestos búsquenos noutra sesión.
O mesmo día en que a Xunta e o Estado escenificaban o traspaso da competencia sobre o litoral, a Comisión de Política Rexional da Unión Europea aprobaba unha normativa de cooperación transfronteiriza de especial importancia para lugares como Galicia, que comparte un importante tramo de fronteira con Portugal que, historicamente e até o día de hoxe, salienta pola súa porosidade. O “BridgeforEU” pretende eliminar obstáculos nas fronteiras nos campos educativo, social, económico e medioambiental. Entre Galicia e o norte de Portugal, esta normativa pode simplificarlle a vida a máis de 15.000 persoas a partir do vindeiro ano. Unha vez sexa aprobada polo Parlamento Europeo, para a veciñanza da raia significará melloras en transporte, políticas medioambientais, sanidade ou o recoñecemento de títulos.