O ano péchase en Galicia sen sobresaltos. A illa de estabilidade deu mostra da súa condición nas eleccións de febreiro, onde coma decote os únicos movementos sísmicos se rexistraron pola banda de babor. O resultado puxo fin de vez ao feijoísmo e inaugurou unha nova etapa cronolóxica, o ruedismo, cuxa duración está por ver pero, a teor dos precedentes, a oposición deberá armarse de paciencia. No ocaso deste primeiro pero en realidade décimo sexto ano triunfal, todo o que sucede en Galicia ten un pouso de xa visto, de agardado ou de presentido.
O final da comisión de investigación sobre a contratación da Xunta en sanidade no Parlamento de Galicia, por exemplo, é un deses casos onde cómpre sentenciar que “era visto”. Os tres grupos políticos que forman parte da comisión interviñeron o venres 27 no Parlamento, con esa modorra das dixestións natalicias, para deixar claro que non hai acordo nin posibilidade. O PP defende a pulcritude do traballo feito e mesmo se permite ignorar olimpicamente o Consello de Contas. O BNG e o PSOE, aldraxados pola afirmación, nas conclusións oficiais, de que miden con vara distinta a contratación pública deles ou doutros, volveron probar as sete cuncas de caldo que ampara unha (outra) maioría absoluta. Correrase un tupido veo por riba da construción do Álvaro Cunqueiro e dos contratos da Xunta durante os anos da COVID. Relato mata dato. Á volta das ferias, o Parlamento votará e será a derradeira vez na que se fale do tema, antes de morrer o conto.
A única nota discordante da partitura vén de tocala o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (“outra vez eles!”, berrará alguén en San Caetano) ao condenar á Xunta a pagar case un millón de euros ao Concello de Vigo polas acometidas, precisamente, do Hospital Álvaro Cunqueiro, cuxos sobrecustos -recollidos nun informe do Consello de Contas- impulsaron a comisión de investigación. A Xunta deberá devolver esta importante cantidade ao Concello de Vigo nunha nova vitoria política de Abel Caballero, con permiso de Gonzalo Pérez Jácome, o alcalde que mellor xoga a carta do aldraxismo en Galicia. O desacordo entre a administración local e mais a autonómica, que deberá así achegar os cartos que retraeu das transferencias ao municipio, xurdiu cando a Xunta apostou, de maneira unilateral, polo desenvolvemento público.privado do hospital en contra do criterio do Concello.
Non abandonamos os terreos da contratación sanitaria, xa que na mesma semana fíxose público o amaño de dúas empresas do grupo ACS -Florentino Pérez- para optar a un contrato de limpeza do Sergas na área sanitaria de Lugo. Samaín Servizos e Zaintzen, propiedade do dono do Real Madrid, son multadas en total por perto de 170.000 euros e a prohibición de contratar servizos no sector con calquera administración na provincia durante o próximo medio ano. Ambas concorreron, segundo a Comisión Galega da Competencia, coordinadas de tal xeito que provocaron, malia non gañaren a oferta, unha desproporción na asignación dos puntos do concurso e, finalmente, unha adxudicación moito máis alta do previsto para a Xunta. Outro exemplo modélico de como funciona o sector, cabe pensar.