Desigualdade e singularidade

| De sete a sete

Esta foi unha semana triste para a cultura galega e tamén para esta revista. A inesperada morte de Justo Beramendi priva a Galicia dun intelectual de altura; ao ao galeguismo, do seu irrepetíbel cronista; e, a todas as persoas que liamos as súas columnas de análise, dunha vontade interpretativa que facía o mundo menos espeso. Finado aos 83 anos, Beramendi botara gran parte da vida en Galicia, para onde chegou desde Madrid, e a cuxa cultura e historia se entregara cunha dedicación difícil de atopar en moitas persoas que nacen aquén do Padornelo. O discurso que lle dedicou Luís Álvarez Pousa con motivo do Pedrón de Ouro de 2008 sintetiza ben unha figura que integra, en adiante, ese panteón dos bos e xenerosos que tiveron o seu país e a súa xente como norte.

Mentres Galicia perdía unha personalidade así, o Goberno galego sumábase a unha cruzada uniformizadora que leva anos soando como un rumor de fondo en cada nova convocatoria de probas de acceso á universidade. A descentralización en España supuxo un recoñecemento da pluralidade cultural e lingüística, pero tamén social, histórica ou até xeográfica que, porén, leva moito tempo sendo posta en cuestión por sectores transversais, se ben escorados a estribor, da vida pública española. As autonomías gobernadas polo PP, incluída Galicia, fan grupo para reclamar unha ABAU común que, disque, acabe coas desigualdades no acceso á universidade en distintos puntos de España. Nunca se explica cales son esas desigualdades nin de que forma pode uniformarse o que non é uniforme: en Madrid nunca poderán, poñamos por caso, examinarse de galego. Tampouco se explica nunca por que cinguir esa denuncia de desigualdades ao marco español e non se reclama, por exemplo, unha única proba de ámbito europeo. Ou, xa postos, de ámbito mundial. Tampouco se entra en desigualdades consagradas pola Constitución, como aquela que se establece entre un idioma que é de coñecemento obrigado e outros que constitúen, en célebre expresión de Ricardo Carvalho Calero, “obxeccións de conciencia”. O conselleiro de Educación, Ciencia e Universidades, Román Rodríguez, asegura que esta proposta dos populares preserva “as singularidades da nosa lingua propia”, emendando de facto a mesma proposta que di defender: unha ABAU común, por definición, excluiría o galego, o catalán ou o éuscaro das probas. O cal, por certo, non sería raro que fose unha das motivacións por tras desta ladaíña crecente que irradia do centro para a periferia do Estado, pero que a Xunta asume como propia en directa contradición coa súa misión fundacional. Por certo, cumpriría ter en conta algún dia que singularidade e desigualdade pacen no mesmo campo semántico.

O Goberno galego non comezou a semana con bo pé. O luns, a prensa recollía a desagradábel imaxe da Xunta rodeada de manifestantes en contra do proxecto de Altri en Palas de Rei. Unha cadea humana que conseguiu cercar San Caetano, se ben o feito de que fose en domingo librou aos integrantes do executivo galego de contemplar o panorama pola fiestra do despacho. Non é a primeira vez que os edificios administrativos da Xunta son escenario de mobilizacións. De feito, é unha imaxe relativamente común nun país cuxo relato é o dun sono profundo arredor dunhas grises oficinas compostelás. Porén, poucas imaxes tan fortes como as do pasado domingo.

En Ourense, por fun, as augas baixan claras. Gonzalo Pérez Jácome respira aliviado. O rexedor ourensán, con máis vidas ca un gato, gaña outra co apoio do Partido Popular. Aínda que a sombra da moción de censura pairou alongada sobre a cidade das Burgas, o PP rompeu esta semana as negociacións co PSOE e co BNG -a causa, indican, do veto destes últimos a unha alcaldía popular- e non tardou nin 24 horas en chegar a un acordo con Jácome. O novo acordo implica o voto afirmativo dos sete concelleiros do PP ao levantamento de reparos para a contratación do alumeado de Nadal. Jácome, pola súa banda, comprométese a pórse ao día cos pagamentos a provedores e mesmo a persoal do Concello.

A Eurocopa continúa congregando milleiros de persoas diante do televisor e disparando os rumores sobre as sedes galegas do Mundial 2030. Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol e vicepresidente da española, presentou o venres o partido feminino España-Bélxica do 16 de xullo no estadio de Riazor. Louzán confirmou que este espazo estará no Mundial 2030, mentres puxo en dúbida que suceda o mesmo co vigués Balaídos e aproveitou para criticar as demoras por parte do Goberno español para que a RFEF se reúna co Consejo Superior de Deportes. O fútbol, dicía o outro, non debe mesturarse coa política.