Cando esta crónica comezou a pensarse, a mediados da semana, ía versar sobre a idea do sentido común como espantallo e da neutralidade ideolóxica como fetiche. Por suposto, en relación coas declaracións do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre a cruzada que a Xunta de Galicia pretende iniciar contra a introdución de trazas, perigosas coma alérxenos, de pensamento crítico nas aulas.

O tema, sendo grave, debe deixar paso a outro moito máis sinistro. A dimisión do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, investigado por un delito de agresión sexual, rebentou a letarxia en que a illa de estabilidade leva sumida tanto tempo. A nova tomou por sorpresa a todo o mundo neste arrinque do mes de xuño. Ou, en puridade, a case todo o mundo, porque o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coñecía o caso dende o mes de febreiro, por boca do propio Villares. Que non tomase medidas antes, por moi cautelares que fosen, e sen pór baixo a lupa a inocencia ou culpabilidade do acusado, que deberá dirimirse pola vía adecuada, lanza unha mensaxe moi preocupante sobre a sensibilidade da Xunta coa violencia que sofren as mulleres polo feito de selo, incluída a de carácter sexual. Asegura Rueda que non quixo precipitarse por se o conto acababa en nada, pero é imposíbel non pensar que Villares e o propio Rueda estricaron ao máximo os prazos para aproveitar o aforamento do primeiro até que a acción do Tribunal Superior de Xustiza fixo insostíbel este proceder, e que o retorno do caso ao xulgado de Ferrol dilatará máis os tempos. As voces son unánimes na Xunta e no PP -mesmo entre as persoas que ostentan rimbombantes cargos contra a violencia de xénero- para valorar moi positivamente, tachando mesmo de impecábel, a acción do xa exconselleiro. Algunhas destas voces son as mesmas que non hai tanto se lanzaron ao pescozo de Sumar por unha dilación non menos inxustificada ante o caso Errejón.

A despedida, case heroica, de Villares pode pesar como unha lousa na memoria se a xustiza acaba achándoo culpábel dos gravísimos feitos de que é acusado. A filtración, por parte da súa contorna, da identidade da vítima ten, tamén, certa traza de vinganza que non deixa en bo lugar o antigo membro do gabinete de Rueda.

Malia a súa inquebrantábel fe na inocencia de Villares e a enxurrada de eloxios, a Xunta apresurouse a deitar un tupido veo por riba do acontecido e pasar páxina axiña co nomeamento de Marta Villaverde Acuña, até o de agora directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, como nova conselleira do Mar. Intentaron capear o temporal movendo o marco axiña da dimisión á nova incorporación ao Goberno central, e na mesma liña quixeron actuar os medios públicos e os oficialistas, pero hai demasiada carnaza para que a maioría de medios privados, incluíndo os de ámbito estatal, o deixen pasar. E a oposición, por suposto.

Hai outros dous asuntos na actualidade galega que paga a pena comentar. A primeira, que este venres Alfonso Rueda tivo o privilexio de representar na Conferencia de Presidentes a España plural si-pero, a que non molesta porque decide confundir esa pluralidade con folclorismo. Fronte ás intervencións en cadanseu idioma oficial dos presidentes de Euskadi e Cataluña -a primeira delas motivou a espantada da inefábel presidenta madrileña-, Rueda decidiu baixar o nivel e amosar como funciona o bilingüísmo cordial que abandeira o seu partido dende 2009: unhas poucas palabras en galego e o fondo do asunto, as cousas de comer, en castelán. Perdeuse unha oportunidade de ouro para, precisamente, converter o galego nunha lingua normal e non nun elemento de conflito, amosando que pode convivir en pé de igualdade con outros idiomas españois sen que ninguén se escandalice. O galego non é unha escusa para ofender os falantes de español, por moito que algúns destes últimos así o conciban. E son o exemplo e mais o uso os que fan hábito. Por non dicir que, dada a calidade lingüística amosada en xeral pola institucionalidade galega, dificilmente faría falta pinganillo para que o noso presidente fose entendido por calquera falante de castelán.

O segundo asunto que merece, pola súa gravidade, entrar nesta crónica, é a aparición de patrullas cidadás autodeclaradas na cidade de Ourense, nun exemplo máis dos discursos aporofóbicos que, combinados cos xenófobos, parecen ser o sino duns tempos de incerteza onde o nerviosismo e as dúbidas levan a bater no lombo dos de baixo no canto de pedir contas aos de riba. O feito de que entidades fantasmagóricas e reaccionarias desas que se adoitan chamar de vermellopardas apadriñen este tipo de manobras debería ser unha advertencia sobre os discursos e os prexuízos que, dacabalo da internacional reaccionaria que se estende polo mundo, ameazan con sepultar a democracia dende dentro.