Mentres os ollos do mundo repousaban na praza de San Pedro, unha das mentes máis inquedas de Galicia non descansaba. Ninguén pode negarlle a Gonzalo Pérez Jácome a perseverancia e un lúcido olfacto para captar as oportunidades. Non chegaría a ser o que é, dúas veces -por agora- alcalde de Ourense cun partido que hai 20 anos non era nada -Democracia Ourensá- sen ela. A súa relación co PP foi ambigua se aplicarmos con xenerosidade o termo. O partido presentábase nas súas orixes como un inimigo do establishment político, pero cando as contas lle deron non dubidou en pactar cos conservadores a alcaldía e salvarlles a Deputación, nun movemento que foi emenda á totalidade dea súa traxectoria histórica. O propio Jácome chegou a anunciar o seu voto persoal por Alberto Núñez Feijoo nas autonómicas de 2020. Porén, e por iso cómpre falar de ambigüidade, este achegamento arrefeceuse en 2024 cando Democracia Ourensá presentou lista de seu por Ourense ao Parlamento galego e acadou un escano. Un movemento que podía entenderse como outra medida de presión sobre o PP pero que ao cabo, cunha sólida maioría de 40 deputados deste partido, foi estéril. Democracia Ourensá non fixo falta para que o PP conservase a Xunta e o seu desempeño parlamentar neste ano longo foi discreto. A aventura compostelá da formación local auriense parecía chamada a engrosar o dilatado anecdotario do parlamentarismo galego. Pero non é ese o plan de Jácome.
O pasado mércores, 7 de maio, o rexedor utilizou o espazo onde máis cómodo se sente -o virtual das redes sociais- para anunciar a creación dunhas novas -e por agora secretas- siglas políticas para concorrer a eleccións fóra do ámbito local. Unhas siglas que se confederarían coas actualmente existentes de DO. O ámbito de actuación desta nova marca é unha incógnita pero, en coherencia coa súa entrada no Parlamento galego, é de supor que sexa toda Galicia. Non faltan alcaldes independentes no noso país dispostos a recoller a luva, nin sería o primeiro espazo deste tipo configurado entre varios dos máis de 300 concellos dispoñíbeis como laboratorio de probas. A diferenza é que DO chegou máis lonxe que ningunha destas formacións: ao mesmísimo pazo da rúa do Hórreo. Nunca digas endexamais cando Jácome anda polo medio.
A voltas coa universidade privada
De Ourense á Coruña, porque as últimas semanas tamén deron para falar de ensino universitario. Nun sorprendente golpe de temón fronte á postura tradicional do seu partido, a alcaldesa da cidade, Inés Rey, pechou filas o pasado 30 de abril cos promotores, Cesuga, da segunda universidade privada de Galicia, a Emilia Pardo Bazán. Non só os recibiu no Concello senón que amosou o seu apoio explícito a unha iniciativa que desenvolverá “unha universidade privada ao servizo de Galicia” que complementará a oferta da UdC e xeraría, vella ladaíña, “emprego e riqueza” locais.
O movemento do Concello coruñés bate de fronte coa postura dos socialistas tanto en Galicia como no Estado. O Goberno español busca endurecer as condicións de apertura desta clase de centro e a ministra Diana Morant chama a frear a expansión de universidades de baixa calidade que só procuran o negocio. A comisión delegada da Conferencia General de Política Universitaria, CGPU, emitiu un informe desfavorábel o ano pasado, coa abstención da Xunta de Galicia. Este informe, porén, non é vinculante, polo que a Xunta podería apoiar o proxecto de calquera xeito.
Esta semana soubemos que non se atopa, sen embargo, nas previsións a curto prazo do Goberno galego, que preferiu explotar a contradición entre as posturas dos socialistas a nivel estatal e local. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, está esperando a que se aclaren os outros, novamente investido dese sentidiño marca rexistrada. Co pleno do Consello de Universidades no horizonte, tivo que afrontar preguntas da prensa arredor da situación. Dado que a alcaldesa coruñesa manifestou o luns que existen “informes favorábeis” para o desenvolvemento da Universidade Emilia Pardo Bazán e que ademais esta conta “co apoio do Goberno de España”, Rodríguez lembrou que non existe ningún informe “expreso” de apoio e salientou que hai unha “contradición importante” entre o que manifestan o Concello da Coruña e o Goberno de España. Esa contradición permítelle á Xunta lavar as mans, polo momento.





