Un quebraxeos na Arousa

| De sete a sete

A resaca das eleccións europeas vai esvaecéndose en Galicia. O país confírmase novamente como unha excepción en España: un PP moito máis forte, un PSOE moito máis débil, e unha forza progresista, o BNG, que consegue un volume de apoios moito maior do que outras forzas de esquerda obteñen ao longo do Estado. Na banda dereita, se ben a división de candidaturas non impediu un notábel aumento das forzas de extrema dereita -Vox e Se Acabó la Fiesta, o indescritíbel proxecto de Telegram de Alvise Pérez- até superaren en conxunto o 6% dos votos, seguen moi por debaixo do 14% que suman no ámbito estatal. Foi outra noite desas nas que todo o mundo ten motivos para o optimismo, mesmo un Podemos que pisou os calcañares de Sumar.

O BNG conseguiu, por primeira vez dende 1999, un escano directo na Unión Europea. En 2004, un reconto de votos evitara a entrada de Camilo Nogueira no Parlamento, nunha coalición con CiU e o PNV, ao lle asignar o terceiro escano da alianza nacionalista ao PP. Agora, Ana Miranda tomará posesión con normalidade o 16 de xullo, no inicio da lexislatura. Porén, a alegría viuse diminuída cando tomou forma o rumor de que, en virtude do acordo de coalición, ese terceiro escano será rotatorio con ERC, polo que Miranda non estará cinco anos como eurodeputada. O PP decidiu aproveitar a ocasión e chegou a afirmar que a deputada nacionalista “non merece representar a Galicia” e denominou “engano” o escano galego. Dende o BNG, pola súa banda, sinalan que ao PP “lle molesta” a presenza de Miranda en Bruxelas nunha lexislatura marcada por Altri e a cuestión eólica. Os nacionalistas agardarán ao reconto definitivo de votos antes de dar a última palabra sobre unha rotación do asento.

Mentres, lonxe de Bruxelas, as augas baixan axitadas polo Miño. Ourense volve ser noticia por un novo choque entre a oposición e o alcalde que pode ser o definitivo. Os socialistas abriron a porta a unha posíbel moción de censura que o PP e o BNG apoiarían, se ben, no caso dos segundos, só para escoller un novo alcalde do PSOE. Unha liña vermella que sentou mal nas fileiras populares. Resta por ver, logo da reunión do pasado xoves entre as tres forzas, o lonxe que chega a iniciativa e se Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana, ten motivos reais para tremer. Os socialistas presentan un Pacto da Concordia con algunhas liñas mestras de goberno ante o que definen como unha parálise municipal. Falan dunha auditoría económica e financeira do Concello e da posta en marcha dun plan de pagamento a provedores, ademais de licitar con urxencia as concesións municipais caducas ou aprobar un PXOM. Mentres, Jácome deféndese. Co seu habitual estilo directo en redes sociais, o rexedor ourensán considera “difícil de crer” que o PP vaia “revivir” o PSOE de Ourense. E lanza un aviso a navegantes: o PP podería perder a Deputación de Ourense. Palabras maiores.

Xa que falamos de navegación, paga a pena deterse na ría de Arousa. O Artic Sunrise, buque insigna de Greenpeace, encabezou a manifestación marítima do pasado mércores convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. Ducias de barcos sucaron as augas demostrando unha vez máis que é a defensa do medio ambiente un dos grandes, e máis espectaculares, focos de mobilización social no noso país. A caída na produción ten sido constante  nos últimos anos, e o proxecto de Altri en Palas de Rei e o seu potencial impacto augas abaixo ten o sector moi preocupado. A marcha marítima rematou no porto de Vilagarcía, onde o barco botou ancorado ata o xoves, albergando obradoiros sobre o sector pesqueiro e o sector primario, alén dunha mesa redonda sobre ecofeminismo. O abraiante quebraxeos deixou unha estampa, seguido polas embarcacións dos mariñeiros, que tardarán en esquecer na ría.

A semana deixou tamén novas noticias sobre a AP-9. Logo de tomar en consideración unha proposición de lei do Parlamento de Galicia para transferir a AP-9 a Galicia -a cuarta dende hai oito anos-, o Congreso aprobou o xoves pasado unha iniciativa pactada entre o PP e o BNG no mesmo sentido, que reclama ademais a supresión das peaxes e a anulación da concesión até 2048, obra de José María Aznar. A moción quebrou os equilibrios da maioría de investidura, ao ser apoiada polo PP, o BNG, Sumar, ERC e Bildu. O PSOE, PNV e Junts abstivéronse, e Vox votou en contra. O ministro de transportes, Óscar Puente, non considera viábel cumprir coa reclamación do Congreso, que non ten carácter vinculante, polo custo económico da transferencia, que cifra en 6.000 millóns de euros.

A semana pechouse co carpetazo xudicial á longa procura de xustiza por parte da familia de Déborah Fernández-Cervera. O seu corpo sen vida apareceu no Rosal, á beira dun camiño, en maio do 2002. O caso foi reaberto en 2019 coa imputación do ex mozo da moza viguesa. O Xulgado de Instrución número 2 de Tui acordou o sobresemento e o arquivo provisorio da causa logo de descartar a xuíza que o ADN no cadáver fose do investigado.

Non é a única nova fúnebre da semana. Juan Jesús Calo, veciño de Fisterra, vén de finar. O seu rostro era o rostro da emigración galega e da súa tristura. Foi retratado, canda o seu pai, na famosa fotografía de Manuel Ferrol de 1957, tinguida polas bágoas dun adeus.