Fumata branca en Altri e adeus á CRTVG

| De sete a sete

Aceléranse os tempos. O Goberno galego subiu á bicicleta e sabe que o importante é pedalear constantemente. Se abriu a semana reformando, unilateralmente e por obra e graza da aritmética parlamentar, a CRTVG, decidiu pechala enchendo titulares cunha declaración positiva de impacto ambiental para o proxecto de Altri en Palas de Rei. Ambas as dúas noticias son, independentemente do seu contido concreto e da posición de cadaquén sobre elas, mostra dun mesmo proceder: a unilateralidade.

Nos afastados tempos en que Alberto Núñez Feijoo aspiraba á presidencia da Xunta, a nai del dicía que o fillo estaba “casado con Galicia” e que esta non lle daba netos. Esa particular antropomorfización do país, case sempre vinculado á idea do compromiso afectivo, non é patrimonio do PP pero si unha das súas ferramentas retóricas máis correntes e, é de supor, efectivas. Fronte ao ruído do resto, o PP actúa sempre movido por un compromiso firme con Galicia que vai alén, sobarda e supera, dos discursos da oposición. Na ontoloxía popular, Galicia é un ente silencioso alleo á súa sociedade civil. Esa masa amorfa que cada catro anos reitera a súa adhesión á causa conservadora e á que non representa, por moito que forme parte dela, a sociedade civil organizada que periodicamente -e o medio ambiente é un dos grandes catalizadores da mobilización social no noso país- se manifesta contra algunha iniciativa gobernamental. Galicia é calma, paz e choiva. O seu silencio só pode ser interpretado por un oráculo do Partido. Malia que dende as fileiras populares sempre se acusase ao nacionalismo de desenvolver un discurso que alicerza unha concepción excluínte e totalitaria da galeguidade, o certo é que a súa propia visión sobre o que é Galicia e quen ten a lexitimidade para encarnala politicamente é como mínimo igual de cativa. O “partido que máis se parece a Galicia” é o lema que precipita o marco.

A luz verde á declaración de impacto ambiental é unha aprobación condicionada a unha serie de indicacións, como o cumprimento da normativa vixente en ruídos, emisións e tratamento de augas, ademais de limitar a extensión da fábrica aos terreos inicialmente previstos. O publicado no Diario Oficial de Galicia do 14 de marzo significa un paso de xigante na materialización do proxecto.

A noticia [a luz verde á declaración de impacto ambiental de Altri], por agardada, non causou menos impacto.

A noticia, por agardada, non causou menos impacto. Por unha banda, a Xunta xa mandou recado ao Goberno español, sinalando que a viabilidade da planta depende do executivo Sänchez. O BNG anunciou que se mobilizará contra o proxecto novamente e o PSOE, atrapado en terra de ningures, amosouse preocupado polas formas máis que polo fondo do proxecto. Unha indefinición que deixa todo o campo de xogo para o PP e o BNG. Non resulta aventurado sinalar que o partido socialista, que acaba de celebrar o seu congreso para reforzar o liderato de Besteiro -opacado por acontecementos tan graves como a ruptura municipal en Compostela- vai ter moitas dificultades para atopar o seu espazo político durante este mandato.

A nova normativa remata coas históricas siglas da CRTVG, converténdoa na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, unha adaptación aos tempos que, porén, non parece que vaia ir moito máis alá do debilitamento do compromiso co idioma e un cambio de dirección que con todo será continuísta. Sempre considerando que a lei chegue a cumprirse de forma íntegra, o que non sucedeu coa reforma previa en 2011.

Na política local, mentres, as novidades máis destacadas veñen da Coruña e Lugo.

Na política local, mentres, as novidades máis destacadas veñen da Coruña e Lugo. Na primeira, a socialista Inés Rey venceu o pulso coa oposición para sacar adiante os Orzamentos a través dunha cuestión de confianza que, se ben perdeu, deixou de manifesto que PP e BNG non podían pactar unha candidatura alternativa a través dunha moción de censura e, por tanto, os orzamentos quedaron aprobados. Un respiro para un goberno local que evidencia até que punto a esquerda galega perde a marchas forzadas a cultura de coalición. Mentres, en Lugo, o tamén socialista Miguel Fernández xa é alcalde logo do pasamento inesperado de Paula Alvarellos. Conseguiu o apoio do BNG, socios de goberno, evidenciando que, nisto tamén, a AP-9 parece marcar a diferenza entre dúas Galicias.