O mes de setembro é sempre de reunión e reencontro. Os estudantes asóciano ao regreso ás aulas. Boa parte dos traballadores, que collen vacacións en agosto, á volta ao choio. Os xornalistas mesmo institucionalizamos un suposto “curso político” pondo a cero o reloxo á volta de cada agosto. Como se encetásemos algo novo, ao xeito daquelas listas de bos propósitos que murchan cada 2 de xaneiro. É pois, setembro, mes propicio para retomar asuntos pendentes, ou reencontrar persoas que deixamos atrás. Un exemplo foi a xuntanza na Moncloa entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o do Goberno español, Pedro Sánchez. A súa primeira reunión en dous anos -pero a primeira, tamén, con Alfonso Rueda como gañador dunhas eleccións e non como herdeiro do cargo de Alberto Núñez Feijoo-.
Porén, este reencontro físico non serviu para propiciar outra comuñón, a de ánimo e sentido. Da xuntanza, como da feira, cadaquén saíu contando como lle foi nela. Por unha banda, Alfonso Rueda, fiel á doutrina do PP que avoga nas últimas semanas por arrenegar da bilateralidade na relación co Goberno central -ás veces semella que se confunde bilateralidade con iniciativa política-, saíu queixándose da escasa concreción do presidente español no tocante a compromisos en Galicia. Pola súa banda, Pedro Sánchez, sumido nunha xornada de citas deste tipo -os presidentes de Euskadi e Andalucía tamén pasaron por Madrid-, lembraba a todos estes mandatarios -doutros partidos distintos ao seu- que a mellor maneira de garantir os investimentos nas autonomías é a aprobación dos Orzamentos xerais do Estado. Todo un recado para PP e PNV.
Por suposto, o elefante na habitación era o financiamento das autonomías, logo do acordo entre o PSC e ERC que fixo posíbel a investidura de Salvador Illa como presidente da Generalitat. A postura oficial da Xunta fixouse nun artigo de Miguel Corgos, conselleiro de Facenda, en La Voz de Galicia, onde considera prexudicial para Galicia a mutualización da débeda das autonomías. Ante a esixencia de Rueda de que estes asuntos se traten de maneira multilateral, Pedro Sánchez respondeu cun agasallo envelenado: será o Consello de Política Fiscal e Financeira o que trate do tema no canto dunha conferencia de presidentes de primeiro nivel que dea un escaparate ao PP.
Coma sempre neste tipo de encontros bilaterais, a conversa tivo moito de baile de cifras ou tormenta de datos inconexos. Pedro Sánchez non perdeu a oportunidade de lembrar que o sistema de financiamento achegou a Galicia case 15.000 millóns máis que no tempo de Rajoy. No haber de Rueda está arrincar do presidente español o compromiso dunha comisión bilateral para o traspado de competencias no litoral, un dos cabalos de batalla da Xunta nos últimos tempos. Sobre a xestión da AP-9 ou Altri, Pedro Sánchez entregou máis bos propósitos.
De volta a Galicia, a apertura do testamento de Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente e editor de La Voz de Galicia, supuña o momento crucial para ver cara a onde se dirixe o gran e se cadra derradeiro grupo mediático autóctono. A herdeira do grupo de empresas da Corporación Voz de Galicia será, finalmente, a Fundación que leva o nome do editor. Esta continuará co legado empresarial e editorial do medio. Poucas sorpresas despois de que, hai máis de vinte anos, refundase a entidade e a dotase dos estatutos necesarios para exercer esta propiedade. O director xeral Lois Blanco Penas asume a presidencia do grupo, mentres no padroado da Fundación figuran nomes como o do catedrático de Dereito e veterana sinatura das páxinas de opinión Roberto Blanco Valdés. O movemento afasta a propiedade da familia e deita dúbidas sobre o futuro, nun momento onde a prensa galega de raíz local comeza a integrarse en estruturas de propiedade máis amplas e foráneas, caso recente de El Correo Gallego, que xa forma parte de Prensa Ibérica con Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña. O futuro é unha incógnita.
O verán remata en Galicia con cheiro a chamosco e un sol avermellado polos masivos incendios en Portugal. O país veciño e o noso comparten moito máis que un idioma, atendendo ao seu modelo forestal. A mudanza climática, a xestión do monte e o estado do solo serán serias preocupacións durante moitos veráns máis.