A onda de aldraxismo vai minguando. Tras un Consello de Política Fiscal e Financeira onde saíu para diante a quita de débeda autonómica negociada entre o Goberno e ERC e vilipendiada polas comunidades gobernadas polo PP, entre elas a nosa, os baróns conservadores cambian o traxe de agraviado polo de pragmático. Logo dun plante unánime dos conselleiros populares durante a celebración do CPFF, o galego Miguel Corgo decidiu asumir o tópico madrileño sobre esta condición e negoulle a Silvia Itxaurrondo unha resposta clara perante as cámaras da TVE. Dado que a materialización da condonación debe aínda pasar polo Congreso e o Senado -onde os populares poden libremente dilatar o proceso-, Corgo preferiu curarse en saúde e negarse a entrar en futuríbeis. Pero non foi quen de rexeitar abertamente que Galicia asuma esa quita.

Posteriormente, as fendas na posición que o PP estatal quixo impor a todas as autonomías comezaron a abrise en Aragón da man de Jorge Azcón. O seguinte en amosarse tépedo foi Alfonso Rueda, quen aludido directamente non quixo aclarar se renunciará á condonación e pediu “ir por partes”. Un exemplo máis de que é moi difícil someter a unha estratexia política de desgaste permanente a xestión diaria das administracións. Ou, o que é o mesmo, que Rueda non está disposto a renunciar a uns cartos que necesita para seguir un relato, o de expulsar un goberno ilexítimo, corrupto e tiránico das institucións, no que dificilmente pode crer ningunha persoa que non comparta carnet (hoxe) con Santiago Abascal.

A AP-9 volve ocupar titulares con senllas iniciativas a prol da gratuidade, total ou parcial, desta vía de comunicación. Porén, cada unha delas parece buscar eclipsar a outra, dificultando unha unidade de acción. Por unha banda, os alcaldes de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, a Pobra do Caramiñal e Ribeira asinaron o martes 25 de febreiro un manifesto conxunto para avanzar na gratuídade creando unha mesa de traballo entre o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e os Concellos afectados polas tarifas da AP-9. Como primeiro paso, demandan a ampliación da zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón.

Pola súa banda, a alcaldesa compostelá Goretti Sanmartín convocou aos concellos da AP-9 en xeral a unha xuntanza para chegar a unha postura conxunta pola gratuidade da autoestrada. Será o 7 de marzo ás 12h no Pazo de Raxoi, un lugar onde sería sorprendente ver aparecer a edís como Abel Caballero ou Inés Rey, do Partido Socialista e, se acaso, máis encadrábeis na outra iniciativa. Ames e Padrón apresuráronse a borrarse da lista de convidados, animando a Sanmartín a subscribir o manifesto deles. Hai algo de sindicato estudantil nesta crónica mentres aparece unha nova fenda na loita pola gratuidade.

Con estas liñas practicamente pechadas, chega a triste e inesperada nova do falecemento de Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo, a consecuencia dun infarto. A rexedora socialista substituíra a Lara Méndez cando esta integrou as listas autonómicas do PSdG-PSOE nas eleccións do 18 de febreiro de 2024. Previamente, e dende 2019, formara parte do Goberno local como Tenente de Alcaldesa e responsábel de áreas como Economía. Antes de ser concelleira desenvolveu un recoñecido labor como avogada, ademais de profesora no Mestrado da Avogacía da USC.

Alvarellos sentiuse indisposta e sufriu un esvaecemento xusto antes do pregón do Entroido. A cidade suspendeu todas as celebracións e sucédense as condolencias dende todo o espectro político e todos os recunchos de Galicia. Tamén o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, fixo público o seu pesar.