Esta semana cumpríronse 80 anos da creación do Consello de Galiza por parte dos deputados republicanos exiliados que representaban as e os galegos. Presididos por Castelao, este órgano foi unha sorte de “goberno galego no exilio” lexitimado polas últimas eleccións libres naquela altura en Galicia, as de 1936. O venres 15, o Parlamento de Galicia celebrou un acto conmemorativo da efeméride, recoñecendo a Daniel Castelao, tras tantos anos, como primeiro presidente galego, colocándoo así como un antecesor do moderno cargo de líder da Xunta de Galicia e estendendo, nun exercicio de ampliación da lexitimidade histórica, moi atrás no tempo o momento fundacional do noso autogoberno contemporáneo. Non deixa de ser un recoñecemento sen demasiado contido práctico -habida conta de que Castelao leva máis de 70 anos morto e de que non existiu unha continuidade organizativa entre o exilio galego e a Xunta moderna- pero un profundo significado simbólico. Ten, ademais, algo de “acougante” un acordo así, despois da polémica que hai corenta anos ocasionou a traída dos restos de Castelao entre as distintas familias políticas de Galicia, e vendo que en moitos outros aspectos -como a situación crítica do galego- é moito máis difícil un consenso parlamentario.

No mesmo Parlamento, mentres, prosegue a comisión de investigación impulsada polo BNG -e asimilada e transformada polo PP- arredor da contratación pública da Xunta de Galicia que, se ben inicialmente pretendía afondar na xestión da pandemia e na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, o partido que goberna a Xunta case ininterrompidamente dende os seus inicios decidiu estender até os anos do último goberno doutro signo, o bipartito de tan infausta, disque, memoria. E parece que esta comisión compartirá o destino do cine nas plataformas de streaming que pode consumirse e esquecerse a velocidade de x1.5. En pouco máis de dúas semanas pasarán por ela máis de vinte persoas das 39 que deben pasar a declarar. Entre eles aínda non se atopan nin Salvador Illa -ministro de Sanidade antes que presidente da Generalitat catalá- nin o actual presidente galego, Alfonso Rueda. Pero si estarán todos os conselleiros de Sanidade das últimas dúas décadas. O PP sacoulle ao BNG a comisión das mans e pretende ventilala no inicio da lexislatura. As demolicións, sempre controladas. É o sentidiño.

Na Coruña, mentres, o mediático xuízo polo asasinato de Samuel Luiz prosegue mentres se achega a data final. Defensa e acusación esfórzanse por influír nun xurado que deberá comezar a súa deliberación a semana que vén. O que se viu nestas semanas foi escaso arrepentimento e, sobre todo, frialdade ante un acto arrepiante como é o de matar. Para a lembranza da crónica negra galega -que o Galician noir se empeña en amplificar- intervencións estelares destes últimos intres, nun alegato cruzado sobre o carácter dos rapaces acusados. Así, a fiscal do caso comparounos cunha manda de lobos e falou dunha “cacería brutal e horrible”. Mentres, un dos avogados, definiunos como un grupo de brutos aos que se lles foi das mans a malleira, e considera que terían, literalmente, cagado por eles se soubesen que Samuel “acaba morto”. A Coruña contén a respiración, con toda Galicia, para saber se haberá xustiza para Samuel.