Alfonso Rueda chegou á comisión de investigación -para a hemeroteca queda a expresión “comisión de difamación”- sobre a contratación da Xunta de Galicia en pandemia e os sobrecustos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo coa firme intención, semella que acadada, de que a súa intervención non botase luz ningunha e, pola contra, espesase máis se cabe o ambiente. Caben poucas dúbidas de que as conclusións da comisión, impulsada polos 25 deputados do BNG e convenientemente reformulada pola maioría absoluta do PP, ten as súas conclusións escritas nun pendrive gardado nalgún caixón de San Caetano dende hai semanas. Era visto. Non en van deseñaron ao seu xeito, con Feijoo fóra, a lista de comparecentes e estricárona sen moito sentido -máis que evidenciar as súas pantasmas interiores- até englobar os anos do bipartito de socialistas e nacionalistas, un paréntese minúsculo na historia da Galicia autonómica.

A comparecencia de Alfonso Rueda supuña, por outra banda, o definitivo funeral do feijooísmo en Galicia. É certo que aforrarlle a Núñez Feijoo sentar diante dun micrófono pode entenderse como unha forma de evitar unha exposición indesexábel do líder estatal do PP. Pero tamén ten un regusto de damnatio memoriae, de apagamento dunha silueta molesta nunha fotografía vella. Alfonso Rueda protexe ao seu predecesor e, á vez, asume para si toda a dimensión, tan reducida ou ampla como queiramos vela, de presidente do goberno de Galicia.

As súas respostas non botaron luz. Limitouse a sinalar que todo era correcto e regular, para acusar ao BNG de intentar importar o discurso tóxico da política española -como se el non amagase cun “caso Begoña” para Ana Pontón uns días antes no Parlamento- e ao PSdG de querer agochar a corrupción dos seus homólogos estatais. Podería dicirse, en socorrida expresión, que o PP politizou a comisión.

Non é a contratación en pandemia o único elemento fusco no pasado recente do país. As vítimas do accidente do Alvia en Angrois en xullo de 2013 levan once anos turrando teimudos dun fío que os leve, coma no labirinto, ao lugar onde deixar atrás a escuridade. Á verdade, á reparación e a xustiza, coma unha luz. Durante todos estes anos, con honrosas excepcións políticas e sociais, camiñaron sos. Porén, non se renderon, e obteñen, de cando en vez, vitorias morais que non fan con todo a debida xustiza.

A plataforma Vítimas Alvia 04155 denunciou que a auditoría levada a cabo no seo da Comisión Europea para avaliar as deficiencias no cumprimento da normativa de seguridade ferroviaria en España. Esta auditoría estivo detrás do expediente ao Estado por incumprimento da normativa ferroviaria que se pechou en marzo deste ano ao considerarse arranxadas as deficiencias. Porén, a documentación pon en dúbida a versión oficial sobre o caso Alvia ao negar que o accidente fose apenas responsabilidade do maquinista. Así, recóllense importantes deficiencias que poderían estar directamente ligadas ao sinistro e que baten de fronte coa versión da fiscalía, que nun cambio de criterio escandaloso decidiu deixar fóra de toda responsabilidade a Andrés Cortabitarte, naquel intre director de Seguridade na Circulación de Adif. A revelación destes datos por parte das vítimas chega na mesma semana en que o maquinista de Angrois, único condenado, reclama a súa absolución. A Fiscalía, lembremos, quere pola súa banda aumentarlle a condena e, simultaneamente, exculpar a Cortabitarte. A documentación da auditoría revela que non se aplicaron correctamente as avaliacións de risco, tal como recolle a Directiva 2004/49, e que eran precisamente responsabilidade do director de Seguridade na Circulación. Concretamente, Cortabitarte tivo a responsabilidade, sinalan as vítimas, de emitir o certificado de seguridade para a liña tras rebaixar as medidas de seguridade, e autorizou a desconexión do sistema de seguridade para evitar demoras no servizos.

E nos xulgados tamén se centrou boa parte da actualidade dos últimos días, coas implicacións do caso Samuel Luiz. Finalmente, o xurado popular decidiu sobre a culpabilidade de catro das persoas acusadas, mentres que absolveu, non sen polémica, a unha quinta, malia as declaracións de policías e unha testemuña que afirman que, se ben non participou directamente na agresión homófoba que rematou coa morte deste rapaz, si evitou que se lle prestase auxilio ao apartar a amiga da vítima, a testemuña. Independentemente do feito de que nada lle devolverá a vida a Samuel, a mensaxe que se traslada coa absolución total non é a mellor se no futuro quixeramos que ninguén ficase impasíbel ante o sufrimento do próximo. A vida, como naquela canción de Pablo Milanés, non vale nada.