Entre Bruxelas e Viveiro

| De sete a sete

O mapa electoral logo dunhas municipais en Galicia sempre tira polo azul intenso con que os populares se identifican. Leva sucedendo, invariabelmente, durante as últimas catro décadas. Compróbase novamente o resultado, cóntanse as escasas en número -pero poboacionalmente significativas- prazas fortes da esquerda e o mandato comeza mentres a vida continúa. Porén, se un permanece atento, verá que hai cambios de cor en distintos concellos ao longo dos catro anos seguintes. Trocos de man, movementos de cadeiras, cafés e promesas. As mocións de censura sempre están á orde do día, e decote o azul medra.

Ninguén espera un cambio de goberno na Coruña tras a derrota de Inés Rey nunha moción de confianza hai dúas semanas, porque sería imposíbel un acordo entre o PP e o BNG para un goberno alternativo. Pero as cousas pintan peor para os alcaldes de Outes e de Viveiro, con senllas mocións de censura confirmadas nese período que porán os gobernos locais en mans dos populares. No caso de Outes, o alcalde, o independente Manuel González López, perderá a alcaldía logo do cambio de posición do único edil dos socialistas, desautorizado polos seus. Aínda que o PSOE pediu ao PP galego que faga valer o pacto antitransfuguismo, a secretaria xeral conservadora, Paula Prado, negou explicitamente esta posibilidade. Pola súa banda, en Viveiro, a alcaldesa socialista María Loureiro será desprazada polos populares en virtude dun pacto con Por Viveiro, nun epílogo rechamante dun remanente do espazo das mareas (o seu líder, Bernardo Fraga, remata con este curioso acordo unha traxectoria que comezou no BNG). Dende o partido local apoiarase a investidura do PP sen entrar no goberno, en virtude dun pacto que contempla desbloquear asuntos pendentes no Concello e unha longa lista de tarefas para a nova administración popular. Non é praza pequena Viveiro: o terceiro municipio da provincia. Cómpre lembrar que en 2023 o PP quedou moi preto de reconquistar a Deputación de Lugo.

Alleo ás polémicas locais en Galicia, o presidente da Xunta aproveitou a súa xira europea para reforzar o seu perfil institucional, despois das celebracións do seu primeiro ano triunfal.

Esta mesma semana, e nun novo capítulo da guerra aberta no PSOE compostelán, a dirección federal do partido confirmou a expulsión dos catro concelleiros díscolos do grupo municipal local, que se negaron a aceptar a Sindo Guinarte como portavoz. Un movemento que deixa Compostela como a cidade española con menos edís socialistas, como axiña se apresurou a lembrar o antigo secretario xeral galego Gonzalo Caballero, moi afastado -dispensen o eufemismo- da dirección actual encabezada por José Ramón Gómez Besteiro e cuxo home en Santiago é o secretario local Aitor Bouza. A ruptura do PSOE compostelán pon nunha situación difícil a maioría electoral progresista da cidade e, nomedamente, o seu goberno local, unha coalición entre o BNG e Compostela Aberta, precisamente cando se presentan os orzamentos de 2025.

Alleo ás polémicas locais en Galicia, o presidente da Xunta aproveitou a súa xira europea para reforzar o seu perfil institucional, despois das celebracións do seu primeiro ano triunfal. Rueda participou no pleno do Comité Europeo das Rexións e foi nomeado vicepresidente desta institución comunitaria e coordinador da delegación española. Nese mesmo foro defendeu a posición común das comunidades sobre a política rexional, vestindo o traxe máis federalista e apostando por unha gobernanza descentralizada, criticando a xestión estatal dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia en detrimento da participación das comunidades. En definitiva, unha aposta por unha Europa das autonomías que pode provocar proído á dereita do taboleiro. Pero é que en Galicia falta o verde no parchís.

A visita a Bruxelas incluíu senllas xuntanzas cos comisarios de Pesca, Costas Kadis, e de Transición, a socialista española Teresa Ribera.O presidente galego optou aquí por argumentos contrarios en cada caso. Por unha banda, expresando a súa preocupación polo futuro da eólica galega tras as reiteradas paralizacións xudiciais, decote baixo a doutrina do periculum in mora, indicando que Galicia pode quedar atrás na transición ecolóxica e no aproveitamento dun dos seus recursos destacados, o vento. Pola outra, reclamando que os barcos pesqueiros continúen a gozar de gasóleo bonificado. Urxe despolitizar a política, unha vez máis, cun pragmatismo de suma cero.