A proposta do Goberno español para oficializar en Europa o galego, o éuscaro e mais o catalán bateu coa intransixencia duns Estados-nación cómodos na ensoñación novecentista que asocia unha lingua nacional a cada país. Ridículo resulta ver o ministro de Asuntos Europeos finés, Joakim Strand, considerando que “o asunto non está maduro” dende a comodidade dunha lingua, o finés, con menos falantes que o catalán pero plenamente instalada no recoñecemento oficial. Porén, é unha postura que ten de friamente lóxica tanto canto de aldraxante -para nós, os falantes desa ‘segunda Europa’ das linguas-: os fineses non queren afrontar a cuestión das linguas sami. A Francia resultaríalle incómodo lidar coa oficialidade de dous dos idiomas que tamén se falan dentro das súas fronteiras, caso do éuscaro e do catalán. Portugal, se cadra, non estea preparado para ver elevada á categoría de lingua oficial ese patois que senten ao norte do Miño. Se cadra non está Europa madura para as súas pantasmas.

O que resulta máis difícil de entender é a intransixencia patria. Nomeadamente, a posición do Goberno galego, un dos poucos se cadra a nivel mundial que terá o dubidoso honor de se opor á oficialidade da lingua propia da comunidade humana que representa. Corenta anos de interesado fincapé na preposición da palabra cooficial -ese ‘co’ vén significar que sobre o papel tanto monta e monta tanto un idioma que outro- moldearon a forma de pensar dunhas persoas que dificilmente ocuparían o cargo que ocupan se non é pola existencia da lingua galega, o instrumento de comunicación e creación cultural que dotou a Galicia, durante os avatares da súa historia, dunha identidade e conciencia aglutinante e única, até o punto de constituírse como alicerce do autogoberno de que hoxe gozamos -uns máis ca outros-. Se hoxe somos galegos, xa saben, é por obra e graza do idioma, como diría o protagonista do máis novidoso biopic do cinema galego.

Alfonso Rueda sinalou o dedo -as débedas políticas de Pedro Sánchez co independentismo catalán como motivación por tras da proposta- no canto da Lúa -a oficialidade do galego na UE sen ter que acudir baixo o paraugas da variante internacional portuguesa- e volveu adiar un debate sobre dereitos lingüísticos da metade do noso país -a metade que aínda vive en galego- a maior gloria do sempiterno asalto de Feijoo á Moncloa e da exaltación do marco do inimigo catalán-. Hai unha frase de James Bond na súa iteración co rostro de Daniel Craig, no segundo filme do mesmo, Quantum of Solace, onde o axente británico comenta botando man do seu cínico humor que sempre se preguntara “o que acontecería coa América do Sur se a ninguén lle importasen a coca e o comunismo”. Dá gana de preguntarse que Galicia poderiamos ter se a ninguén lle importase o que pasa en Cataluña.

Mentres, en Galicia outra polémica adquiría unha traza máis local. A Universidade da Coruña puxo sobre a mesa, tras dez anos de espera por unha descentralización da docencia práctica da carreira agora impartida en Compostela e mentres se agarda pola materialización do proxecto de universidade privada herculina, a posibilidade de implantar a súa propia titulación en Medicina. Un anuncio que espertou o aldraxismo, de sono tan lene, na outra punta do país -Abel Caballero sempre ten a orella apuntando ao norte- e que mobilizou tanto a Xunta como a USC, nunha nova fronte única que alicerza os discursos localistas. De momento, a Universidade de Vigo non sae do rego e continúa sentada canda a compostelá e o Goberno galego, unha posición distinta á da UDC que pode explicarse, tamén, no feito de que esta última ten varios profesores acreditados para a docencia en Medicina que a día de hoxe non imparten aulas, situación que non sucede en Vigo. Difícil prever en que rematará isto, pero o feito de que España sexa o país do mundo con máis facultades de medicina por habitante deixan pouco espazo para o optimismo na Coruña.

E seguindo os ronseis da Coruña e Compostela, cidades que avanzan no establecemento dunha taxa turística, comezan a aparecer outras voces nos municipios galegos que avogan por esta medida para lidar co crecente turismo. O Xacobeo 21-22 que a pandemia ía fanar resultou, alentado polo fin da emerxencia sanitaria, nun punto de inflexión que disparou o turismo no país e que está a converter espazos do mesmo, como a zona histórica compostelá, nun parque de atraccións para visitantes. A situación non pode compararse a Roma, onde a morte do Papa veu sumarse a un Ano Xubileo, pero resulta difícil pensar que Compostela e outras cidades do país poidan afrontar o volume de visitantes anual sen problemas e, por tanto, sen custos que é de xustiza se asuman de forma alícuota.

Nunha semana de polémicas, unha das máis graves se cadra quedou medio agochada. A xuntanza que mantiveron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, co encargado de negocios da Embaixada de Israel en España, Dan Poraz, mentres o xenocidio continúa en Gaza, evidencia a falta de escrúpulos con que o noso poder autonómico procura amigos e negocios no estranxeiro.