Contra os undosos horizontes da Ribeira Sacra, nun dourado retiro outonal, o Goberno galego reflexionou. Foi se cadra a aterraxe tras febreiro, o intre no que botas a vista atrás e tomas aire para mirar para diante. O caso é que Alfonso Rueda volveu de Sober cun plan baixo o brazo. O presidente anunciou que Recursos de Galicia -unha sociedade controlada ao 30% pola propia Xunta e co restante 70% en mans privadas- porá en marcha en 2025 unha comercializadora propia “para abaratar e descarbonizar o consumo de enerxía” en Galicia. Foi o anuncio estrela tras unha xuntanza na que Rueda e o seu equipo se reivindicaron como “un goberno cohesivo que pon os intereses de Galicia por riba de todo”. Cabe sinalar que os sucesivos gobernos galegos conservadores amosaron unha arte curiosa para reivindicar o que deberían ser medios -a cohesión para lograr uns obxectivos- cos obxectivos en si mesmos -pois definir que manter a cohesión do teu goberno é unha das túas prioridades políticas só evidencia unha certa pobreza programática-.
Sexa como for, dende a Xunta non quedaron contentos de todo con como lles saíra o anuncio. A semana que seguiu viviu sucesivas presentacións da iniciativa onde cada vez se ía revelando máis, e, do mesmo xeito, perdía lustre a promesa. Na rolda de prensa do mércores, a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, e o delegado de Recursos de Galicia, Emilio Bruquetas, prometeron “democratizar” os acordos de compravenda de enerxía a longo prazo para autónomos, micro empresas e pemes, ademais de descontos do 50% na factura para veciños de municipios con explotacións enerxéticas. Porén, entre as doces promesas salientaban máis, se cadra, os silencios incómodos. Aspectos como o volume de enerxía a comercializar e os criterios de funcionamento quedaron no tinteiro. Máis preocupante, grandes empresas poderán verse beneficiadas por unha iniciativa que, porén, deixa fóra a particulares de toda Galicia -aqueles que non viven en concellos con explotacións enerxéticas, nomeadamente eólicos. Por último, paira no aire a eterna pregunta de se esta medida da Xunta só será unha nova transferencia de recursos públicos directamente a grandes empresas.
Non me gustaría deixar este tema sen destacar, novamente, a elasticidade ideolóxica ou o pragmatismo radical do partido gobernante. Entre a fisterra occidental e a oriental do mundo, entre Galicia e a China, compártese unha filosofía da utilidade por riba da estética, e sábese que a cor do gato non importa mentres cumpra o seu cometido de cazar ratos. A Alfonso Rueda non lle importa baixar do tren onde viaxa a dereita internacional noutra parada e, abandonando o fundamentalismo de mercado que fenómenos como Milei e os seus admiradores ou imitadores hispanos -caso da súa homóloga madrileña- destilan, prometer unha dose de intervencionismo e sentidiño para baixar prezos “por baixo do mercado”. Na sala de máquinas, se cadra, algún asesor económico decidirá que ás veces o deber do bo cortesán e calar a boca.
A semana política abriuse en Sober e pechouse na illa de Louxo, máis coñecida como a Toxa e, para arrepío dos defensores do idioma, La Toja no nome do foro que acolle. Impulsado polo grupo turístico Hotusa, o encontro volve ser un proxecto “de debate e reflexión” sobre economía e política. Realmente, e atendendo aos rostros habituais, máis semella un festival ben-pensante e de orde onde expresidentes, grandes empresarios e o rei de España comparten mantel e ouropel. Á edición deste ano súmase Edmundo González Urrutia, candidato opositor nas últimas e discutidas eleccións presidencias venezolanas, que chega co respaldo do Centro Carter ás actas recompiladas pola oposición que o avalan como gañador fronte aos datos oficiais. O seu exilio autoimposto de Venezuela supuxo unha oportunidade para o Goberno español de distanciarse do executivo de Nicolás Maduro abríndolle as portas de España para garantir a súa seguridade. Un detalle que, porén, enrabiou a dereita hispana, que se cadra prefería un mártir que un presidente no exilio. Non perdeu a oportunidade Alberto Núñez Feijoo de acudir á Toxa para amosarlle o seu apoio. González Urrutia declarouse presidente electo baixo o teito do Eurostars Gran Hotel La Toja. Feijoo, co maxín enredado na lenda entre as lendas das dinastías políticas do outro lado do océano, quixo ser Kennedy e recoñeceuse como venezolano do mesmo modo que o malogrado demócrata se dixera berlinés. Aproveitou o micrófono para entrar na polémica entre España e México pola falta de convite a Filipe VI á toma de posesión da presidenta Claudia Sheinbaum, motivado pola negativa do monarca Borbón a desculparse pola conquista do imperio azteca auspiciada polos Austria. Non sobra lembrar aquí a imaxe do rei de España sentado ante a espada de Bolívar na toma de posesión de Gustavo Petro en Colombia. Feijoo declarouse orgulloso do feito por España en América porque se cadra para el non rexe aquilo de “pedir perdón antes que pedir permiso”.
É boa mágoa que tanta solemnidade e tanto apelo á democracia quedasen relegadas ante o momento viral do foro. Aquel en que o expresidente Mariano Rajoy, ante os ollos abraiados do antigo primeiro ministro portugués António Costa, se declara incapaz de beber por unha botella de auga das que levan un tapón inseparábel. “Púxenme feito un circo”, rememora o galego mentres o luso, se cadra, agradece mentalmente ao rei Afonso Henriques aquela vitoria en Guimarães na que, hai case 900 anos, Portugal selou a súa separación de Galicia.