Chegou á súa fin a semana en que se celebrou o Día Nacional de Galicia. Unha data que, no corazón do verán, adoita empurrar o pobo que homenaxea cara ás praias do país mentres a súa capital acolle e acaso contén os debates políticos e territoriais sobre Galicia, a súa identidade e o seu futuro. Hai moitos anos que existe unha certa disonancia nos fastos do 25 de xullo. Por unha banda, os oficiais e pola outra os sociais. No último ámbito, a mobilización do BNG que xunta cada ano milleiros de persoas é unha das estampas máis potentes de cada Día Nacional. Nos mellores e nos peores tempos para o nacionalismo galego, nas últimas décadas, sempre conseguiu cheos practicamente totais da Praza da Quintana. Mentres, nas institucións, a Xunta celebra o ritual ao seu xeito, decote pasando por riba da denominación oficial e sintetizando a xornada nun sobrio Día de Galicia, onde o adxectivo nacional parece esvaerse na memoria xa distante do fraguismo. Así, mentres Alfonso Rueda acudía a unha Ofrenda ao Apóstolo onde un ano máis exerceu de delegado rexio, por incomparecencia de Filipe VI, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, Ana Pontón arengaba unha praza chea até a bandeira, nunca mellor dito, onde mesmo estiveron presentes Xosé Manuel Beiras e Anova, dando por finalizada tamén no simbólico a creba nacionalista de 2012 na Asemblea de Amio. Dúas Galicias que emanan do mesmo pobo e que seguen pugnando por unha hexemonía que os conservadores acadaron, sen practicamente soltala, nos albores da democracia, ou antes. Queda para outro día a constante confusión entre as conmemoracións relixiosas, as civís, as compostelás e as galegas, todas elas xuntas e remexidas mentres se achegan as calendas de agosto.
As festas de Galicia e de Santiago tinguíronse de loito en 2013, cando o accidente ferroviario de Angrois deixou oitenta persoas mortas e case 150 feridas na tardiña do 24 de xullo. As vítimas e as súas familias desenvolveron unha loita tenaz contra a impunidade durante máis dunha década, tentando que non se pechase en falso a investigación e que, como é norma nestes casos, non se botase terra reducindo a un mero erro humano a cadea de factores, omisións e neglixencias que desembocou nesta arrepiante traxedia. A sentenza fíxose pública o pasado venres. O maquinista do tren e o antigo director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, reciben a mesma pena, de dous anos e medio. Esta decisión racha definitivamente co discurso oficial que comezou a desenvolverse inmediatamente despois da traxedia segundo o cal o maquinista co seu erro era o único responsábel do acontecido. Dende a asociación de vítimas 04155 acolleuse con satisfacción unha sentenza que evita a total impunidade. O fallo lembra que o responsábel de seguridade en Adif certificou que a liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago de Compostela reunía as condicións axeitadas para o seu funcionamento, malia os riscos que as empresas de sistemas de control vían en certos tramos. O sistema de control constante da velocidade ERTMS que debía facer fronte a estes riscos foi desconectado para evitar atrasos -freaba os trens con exceso de velocidade- en xuño de 2012. O novo sistema instalado no punto onde tivo lugar o sinistro, o ASFA, dependía exclusivamente dos reflexos do maquinista. Agora, a sentenza bota luz sobre o acontecido, pero esta luz aínda é tenue, pois cabe recurso e, por suposto, cabe a posibilidade dun retroceso que volva situar toda a culpabilidade nos cargados ombreiros do maquinista.
Tamén nesta semana que remata a actualidade foi tráxica. Ecoa a lembranza do Villa de Pitanxo nun novo naufraxio, o do buque Argos Georgia, nas Malvinas. Dúas das nove vítimas mortais son galegas, ademais doutros dous galegos máis desaparecidos. O palangreiro tiña unha tripulación multinacional onde ademais de españois había varios rusos, indonesios, peruanos e uruguaios. Un novo e triste tributo de vidas para ese grande azul que tantos galegos coñece.
Volvendo aos trens para rematar esta crónica, resultan especialmente infortunadas as datas escollidas pola Xunta e o Goberno central para volver escenificar os seus desacordos en materia ferroviaria. Nunhas recentes declaracións, o eurodeputado do Partido Popular -anteriormente e até este mesmo ano, secretario xeral de Ciudadanos- Adrián Vázquez atribuía á Xunta o mérito pola ligazón de alta velocidade galego-portuguesa, reclamando a non interferencia do Goberno español. O ministro Óscar Puente, fiel ao seu estilo, remitiu unha carta a Alfonso Rueda onde criticaba o silencio ante estas declaracións do executivo galego, indicando que se o Ministerio de Transportes debe absterse do proxecto este terá que ser financiado pola Xunta. O socialista bota man de Aristóteles para criticar a Vázquez e lembrou as promesas incumpridas de Aberto Núñez Feijoo en materia ferroviaria. O ton da carta, non exento de retranca, colleu por sorpresa a Alfonso Rueda, e dende a Xunta lamentan a “chulería, bravatas e ameazas”. Na semana do Día de Galicia, un vallisoletano ofendeu coa súa retranca ao líder das e dos galegos. Vivimos tempos estraños.