A campaña das eleccións europeas chegou ao seu cabo cunha inesperada foto final de empate, a teor do que se filtra dende a contorna dos populares e o que recollen os socialistas, amplificándoo nos seus mitins. En Galicia, pola súa banda, o Bloque enfronta o desafío de consolidar un capital electoral que lle permita navegar a onda positiva das autonómicas e consagrarse como unha das patas fortes da coalición Agora Repúblicas, ante un presumíbel descenso de ERC e a puxanza de Bildu. Sumar e Podemos, mentres, continúan na súa pugna polo espazo á esquerda do PSOE no ámbito estatal. Outro pulso insólito pode mover marcos pola dereita: entre Vox e a outra candidatura de dereita radical populista, artellada por Alvise Pérez sobre o discurso contra a corrupción. Un panorama ensarillado que desprazou o foco do país case ao día seguinte de marchar Ursula Von der Leyen. Queda un día para que o panorama se aclare ou, como vén sendo habitual en cada nova convocatoria alén do Padornelo, se complique.
De complicacións teñen un máster no Concello de Ourense. Cinco agónicos anos despois de chegar á alcaldía por primeira vez -con dous momentos de gloria como foron as eleccións municipais de 2023 e as galegas de 2024, onde Democracia Ourensana entrou no Parlamento con apenas 15.000 votos-, Gonzalo Pérez Jácome continúa enfrontado a alguén. A fronte nesta ocasión volve estar aberta entre persoal municipal e o rexedor. A xustiza vén de estimar a demanda que o interventor municipal formulou contra Jácome e a Administración por acoso laboral. O Xulgado do Social Nº1 de Ourense declarou nulo o cesamento e obriga a repolo no posto inmediatamente, cunha indemnización de 30.000 euros. O alcalde ourensán apresurouse a aclarar no pleno municipal que recorrerá a sentenza. Dende as filas socialistas volve deslizarse a idea dunha moción de censura complicada. Non é a primeira condena por acoso laboral no Concello.
Unha boa noticia chegou o pasado xoves, cando Greenpeace asinou un contrato co estaleiro vigués Freire para a construción dun barco ecolóxico. Dende a asociación ecoloxista salientan os estándares ambientais da empresa viguesa. A embarcación será un veleiro, 100% verde, nun país onde, como xa se falou recentemente, a cuestión ecolóxica move montañas.
Precisamente, esta foi a semana en que o Parlamento galego deu un importante golpe á mina de San Fins, en Lousame, coa reclamación á Xunta para que finalice a concesión do complexo mineiro. A comisión de Medio Ambiente aprobou unha resolución dos nacionalistas pola que se insta á Xunta a tramitar o expediente de caducidade da mina, unha vez que dende abril carece de permiso de verteduras pola revogación de Augas de Galicia. Unha longa historia de protestas na comarca que pode achegarse ao seu fin.
A semana pechouse cos Premios Xerais 2024, que nesta ocasión recoñecen a Marta Villar, Raquel Fernández e Abel Tomé. Villar fíxose co Premio Xerais de Novela 2024 con Detective Ferruchi. Pola súa banda, I´m Obélix, de Raquel Fernández Fernández, acadou o Premio Jules Verne. Por último, Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé, obtivo o Premio Merlín. Este ano, sinalan dende Xerais, presentáronse 103 orixinais, o que supón un récord e unha boa nova para a saúde da lingua e da cultura.