A cidade da Coruña concentrou boa parte da actualidade semanal de Galicia por motivos ben distintos. Por unha banda, confirmouse que o estadio Abanca Riazor será unha das sedes do Mundial 2030. Pola outra, porque continúa unha folga na recollida de lixo que xa inundou as redes sociais de imaxes de bolsas acumuladas e mesmo algunha rata, ese compañeiro urbano no que só reparamos cando a situación hixiénica se descontrola. A alcaldesa deu un golpe na mesa e dá 72 horas para tomar medidas extraordinarias.

A nova do Mundial 2030 colleu a cidade aínda coa resaca da Eurocopa 2024 e do partido da selección española feminina que se impuxo ante Bélxica no mesmo estadio que acollerá a cita deportiva dentro de seis anos. Non foi un anuncio claro e definitivo, porque entre bastidores o mundo do fútbol seguiu dedicado ás súas particulares intrigas e bizantinismos. O enfrontamento entre o Consello Superior de Deportes e a Real Federación Española de Fútbol rematou coa filtración do listado de once cidades españolas que acollerán o evento. En Galicia, a Coruña queda dentro, e Vigo relegada a subsede, cuxo papel non é de todo claro, logo de que o Consello Superior de Deportes defendese un “proxecto de país” que incorporase tanto Vigo como Valencia á lista definitiva -coa oposición de Marrocos e Portugal, coorganizadores, a ver dúas cidades máis pola banda española-. Todo preparado para un novo capítulo da rivalidade deportiva, e extradeportiva, entre as dúas maiores cidades de Galicia. En Vigo, a decisión non se entende, como era de supor. O custo da reforma de Riazor, que se valora en preto de 100 millóns de euros, é un dos argumentos, se ben é certo que Balaídos tamén precisaría obras sobre obras, logo das súas recentes reformas e coa grada de Gol aínda sen construír. Non será o último que escoitemos do tema.

Mentres, volvendo á Coruña, a alcaldesa bota man do último recurso ante a situación insostible causada pola folga no servizo de recollida do lixo. Inés Rey manifestoulle á concesionaria da recollida que se nun prazo de 72 horas -isto é, a mediodía do vindeiro luns- non se devolveu o servizo con normalidade á cidade, a Coruña declarará a emerxencia sanitaria, que a capacitará para unha contratación urxente de servizos de recollida do lixo. A rexedora fala de “chantaxe á cidade”. A folga prolóngase intermitentemente dende o pasado 24 de xuño, a instancias do Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), que denuncia despedimentos inxustificados, externalizacións de servizos e incumprimentos de convenio. Dende a portavocía do comité de empresa, asegúrase que a situación se arranxará en dous ou tres días se se cumpren as súas condicións. Para acabar de enguedellar a situación, o sindicato convocante, o STL, ten os seus dirixentes investigados por unha presunta trama corrupta que inclúe estafa e branqueo de capitais. Catro membros foron detidos en febreiro e sospéitase que utilizaban o sindicato como unha rede de comisións. Dispensen o lugar común pero algo cheira mal no asunto.

En Lugo, a sentenza da Audiencia Provincial pecha da peor maneira o controvertido caso Carioca, coa absolución do único garda civil que non pactara penas coa fiscalía pola incapacidade para declarar no xuízo da vítima dos delitos de abuso sexual e solicitude de favores sexuais, unha muller prostituída brasileira. Ademais, outro dos seus subordinados, achado culpable de varios delitos -agresión sexual, cobro de subornos…-, non pisará a cadea polo seu estado de saúde, as dilacións no proceso -estivo en prisión preventiva un ano e medio- e a reparación do dano que se lle recoñece co pagamento duns 4.000 euros en indemnizacións. Catro dos cinco acusados do caso chegaron a acordos coa fiscalía. A impunidade paira novamente sobre unha controvertida decisión xudicial con ecos do máis sórdido xénero negro.

O audiovisual galego tinguiuse de loito esta semana. O actor Xabier Deive finou con só 54 anos a consecuencia dunha doenza. Rostro habitual na TVG e no teatro e consumado actor de cine, Deive era un actor versátil que conseguía dotar de ánima os seus personaxes. Será difícil esquecer aquel Diego Dourado en Matalobos, un narcotraficante duro e ameazante que, porén, tiña un lado de heroe tráxico que o intérprete conseguiu bordar. Pratos Combinados, Mareas Vivas ou As Leis de Celavella son outras producións TVG nas que se deixou ver, alén da súa aparición en proxectos de ámbito estatal como as célebres Águila Roja ou El Ministerio del Tiempo. O seu papel máis recente foi no filme As Neves, onde interpretaba o pai dun dos protagonistas. Unha nova triste e prematura.

A semana pechouse por todo o alto na Cidade da Cultura, onde Alfonso Rueda quixo presumir dos primeiros cen días do seu goberno. A partir do sábado xa terá superado en extensión o segundo reinado de Napoleón. Decidido a que a falsa modestia non fose un dos seus pecados, Rueda aproveitou a cifra para afirmar que acadou un 100% de obxectivos cumpridos nestes primeiros tempos. A oposición denuncia que a situación segue igual, pero esa é tamén a promesa coa que Alfonso Rueda gañou as eleccións. O que dende San Caetano son triunfos e fitos, dende as trincheiras da oposición son fracasos ou desidias. Dúas ou tres maneiras distintas de ver Galicia para as que cen días significan lapsos moi diferentes.