Nos dous extremos da AP-9

| De sete a sete

Acabouse un mes e medio moi longo, especialmente para a veciñanza da Coruña. Na noite do xoves 8 de agosto, logo dunha xuntanza dos traballadores da empresa concesionaria, o polémico Sindicato de Traballadores da Limpeza anunciou a finalización dunha mobilización intermitente -folga indefinida dende fins de xullo- que comezara após a celebración do San Xoán, e que levou á proclamación dunha emerxencia sanitaria por parte do Concello para poder afrontar a recollida exprés do lixo acumulado. A xuntanza de traballadores reuniu unhas 70 persoas, tanto persoal afiliado ao sindicato como independente, e contou con 49 votos prol de desconvocar a folga. Nas pasadas semanas, a empresa concesionaria, Prezero, efectuou cinco despedimentos disciplinarios e levou a cabo máis de sesenta sancións contra os seus empregados. Finalmente, e malia o pulso mantido, o sindicato remata este ciclo de mobilizacións moi debilitado. Cómpre recordar que membros do mesmo están a ser investigados por sospeitas de corrupción e mesmo de creación dunha rede criminal que trocaba “enchufes” por “mordidas”. Durante a folga, que en ocasións tivo carácter extraoficial, queimáronse preto de 160 contedores. O Concello xa puxo en coñecemento da xustiza todo o acontecido e o carácter “fraudulento” da folga.

Dous días antes, coa complicidade do mes de agosto, o Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia recoñecía o posíbel impacto paisaxístico do proxecto de Altri en Palas de Rei e emitía un informe preceptivo no contexto da tramitación do proceso de avaliación ambiental da fábrica. O Instituto alerta das consecuencias da instalación dunha planta cunha cheminea de 75 metros de altura e senllas caldeiras de 60 e 50 metros respectivamente, con máis de 3.000 metros cadrados en cada caso. O complexo contará ademais con naves que ocuparán 23.000 metros cadrados, con 55 metros de lonxitude. O informe reclama que se teña en conta que as construcións de maior altura non poderán agocharse na contorna e que as columnas de vapor tamén serán visíbeis. Propón seis medidas correctoras, a comezar por unha avaliación máis precisa na análise de visibilidade dos puntos máis afectados. Tamén pide que se empreguen especies autóctonas nas plantacións perimetrais e se utilicen materiais non reflectantes na construción. Ademais, o informe pide que se respecte a topografía na medida do posíbel, se reduza a contaminación lumínica e se respecte a paisaxe fluvial no punto de vertido das augas no río Ulla.

No tocante ao medio ambiente, porén, a Xunta está preocupada por outros asuntos. A suspensión cautelar de tres novos proxectos eólicos eleva o número de parques paralizados a 52. Se cadra o simbólico de cruzar a cifra de 50 impulsou á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a amosar a súa máxima preocupación e a defender a rigorosidade das avaliacións ambientais. Decidida a pasar o balón ao Goberno central, a conselleira anunciou que solicitará unha xuntanza con Teresa Ribera, a ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, procurando unha postura clara do executivo central. Lamenta Vázquez que se poña en risco “a descarbonización de Galicia” e que o país deixe de estar “en primeira posición”. O certo é que as novas suspensións do TSXG, cuxos criterios se adecúan ao establecido polo Tribunal Supremo a finais do ano pasado, procuran en todo caso evitar efectos ambientais irreversíbeis, por exemplo, sobre especies ameazadas ou en perigo de extinción. Este tipo de danos non poden acreditarse previamente cunha proba definitiva, como é natural. Faría falta unha máquina do tempo, aparello da que non se dispón en San Caetano. Cómpre lembrar que a finais do inverno pasado o TSXG elevou unha cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea para saber se a Xunta e o Tribunal Supremo están a cumprir coa lexislación europea.

Se a semana pasada recolliamos o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro que o Consello de Contas de Galicia estimaba en 470 millóns de euros, esta semana a actualidade sanitaria decidiu permanecer en Vigo. A Xunta de Galicia prorrogou durante catro meses máis o contrato do Sergas co Hospital Povisa. Faino porque, malia a data de vencemento ser coñecida, non tivo tempo de preparar un novo. Asinado en 2014, antes da construción do novo hospital e cun recado do Consello de Contas sobre falta de transparencia, xa foi prorrogado en dúas ocasións. En 2018 Xunta e Povisa tiveron un desencontro a respecto dunha posíbel mellora do contrato, que a empresa forzou cun preconcurso de acredores. O TSXG considerou daquela que a empresa non tiña dereito a levar a cabo unha manobra así, e menos aínda co impacto estimábel sobre a atención sanitaria. Entre as discrepancias para un novo acordo está a dotación económica que debe achegar a Xunta, que até hoxe foi de 540 euros por paciente. O grupo Ribera, propietario do hospital e á súa vez propiedade do grupo francés Vivalvo Santé, declarou perdas nos últimos anos, todo un aviso a navegantes. A Xunta xa se amosou favorábel antes das eleccións autonómicas a pór máis cartos sobre a mesa. De feito, unha das reclamacións de Povisa, con visos de cumprirse, é que o Sergas pague en función da idade do paciente. No pasado, xa conseguiu unha mellora das condicións de pagamento polos implantes cirúrxicos. Máis de 100.000 persoas da área sanitaria teñen a súa tarxeta de saúde adscrita a este hospital. De momento, non se sabe nada das novas condicións para a renovación do contrato, e mesmo o PP vetou no Parlamento, en abril, unha proposta do BNG para coñecer as negociacións. Ata finais de ano, temos por seguro, a factura elévase a case 28 millóns de euros.

Comezamos este percurso semanal na Coruña e rematámolo en Vigo. Que une estas cidades? Por suposto, a silueta azul do Atlántico, pero tamén a AP-9. Precisamente, nas contas semestrais que Audasa acaba de compartir coa Comisión Nacional do Mercado de Valores, a concesionaria amosa un volume de ingresos récord que se aproxima a 97 millóns de euros. Non hai nin dous meses, a Comisión Europea considerou que a prórroga da autoestrada até 2048 foi un mecanismo do Goberno Aznar para inflar o seu valor de mercado con vistas á privatización. Ouro olímpico.