Galicia afronta o ecuador de agosto coa mansedume estival e a concorrencia dun festivo, a festa da Asunción da Virxe, e o tradicional San Roque. Dúas realidades, a festa popular e o mes álxido do verán, que poderían aliarse para que esta fose unha semana case espida de actualidade. Non foi o caso, porque tamén é certo que é na calma cando mellor se perciben os movementos.
Por unha banda, o PP faise forte na súa maioría parlamentaria, desta volta na Deputación Permanente do Pazo do Hórreo, para aforrarlle ao presidente da Xunta o trámite de dar explicacións nun pleno extraordinario sobre os sobrecustos -470 millóns de euros- na construción e desenvolvemento do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo debido ao modelo de concesión elixido. Eses sobrecustos recóllense nun informe do Consello de Contas e supoñen un forte golpe aos alicerces de quince anos de gobernos conservadores, o da boa xestión, precisamente nun momento onde Alfonso Rueda está especialmente necesitado de axitar a pantasma do aldraxismo e do infrafinanciamento de Galicia tras o acordo sobre financiamento catalán do PSOE e ERC. Mal momento escolleu o Consello de Contas para lembrarlle á Xunta, implicitamente, que o autogoberno tamén implica corresponsabilidade orzamentaria e, por tanto, fiscal. O BNG e o PSOE reclamaban o rescate da concesión para que o Álvaro Cunqueiro sexa un centro completamente público. Fronte a esta proposta, os populares sacaban peito e insistían no argumentario das alegacións ao informe do Consello: o rápido desenvolvemento e posta en marcha do hospital foi providencial, consideran, para salvar centos de vidas durante a pandemia. Como se en San Caetano houbese un departamento de adiviñación e videncia.
O Parlamento de Galicia e o Consello de Contas aínda compartiron outro titular esta semana, cando se fixo pública no Diario Oficial de Galicia a reforma do regulamento de réxime orzamentario e contábel da cámara galega. Sóubose así que, co acordo unánime dos grupos maioritarios (PP, BNG e PSOE), vén de suprimirse o artigo que obrigaba o Parlamento a presentar as súas contas ante o Consello. Os grupos refírense a esta mudanza como unha corrección técnica.
Neste mes de agosto proseguen as investigacións sobre o naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo, hai dous anos e medio, preto do Canadá. O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno vén de ditar un auto que prorroga a causa outros seis meses, xa que o prazo de instrución remataba no mes de setembro. O xuíz considera que aínda está pendente a práctica de dilixencias esenciais para esclarecer os feitos. Estan son o informe da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos, do Ministerio de Transportes, e a declaración de varias testemuñas. No naufraxio do buque galego morreron 21 persoas, e na actualidade os investigados no caso son o patrón da embarcación e varios directivos de Pesquerías Nores, a armadora. Para a Fiscalía o caso presenta indicios de homicidio por imprudencia grave e mais de delitos contra os dereitos dos traballadores. As familias das vítimas suman a esta lista o delito de falsidade documental. A peritaxe no barco afundido apunta a un erro humano do capitán. As familias das vítimas recibiron con satisfacción o anuncio dunha prórroga que pode axudar a resolver un caso que aínda se percibe como unha ferida aberta no sector do mar.
Pechando a semana, neste 17 de agosto Galicia lembra, moito menos do debido, á fundamental figura de Alexandre Bóveda, un dos pais do noso Estatuto de Autonomía orixinal. Asasinado polos golpistas naquel fatídico agosto do 36 nun proceso disfrazado de xustiza, Bóveda fixo moito en moi pouco tempo e, porén, permanece na memoria colectiva do pobo galego con moita menos forza que outras figuras coetáneas, tamén en parte por esa teima de que “as cousas da historia de Galicia” se ensinen nas aulas de galego, sempre enfocadas á literatura. Bóveda non nos deixou un poemario, pero deixounos un país sobre o que aínda paga a pena escribir.
Dende a Fundación que leva o seu nome, saúdase a reincorporación da Xunta de Galicia aos actos de homenaxe polo Día da Galiza Mártir en Poio. Piden, iso si, que esa presenza se traduza en políticas de memoria histórica. É un bo desexo que oxalá non murche na calor abafante de agosto.