Das narrativas ultras á explotación de persoas migrantes

| De sete a sete

A semana galega deixou dúas novas que, aínda afacéndonos aos primeiros compases da restauración trumpista nos Estados Unidos e a deportación de milleiros de persoas -está por ver o impacto no mercado de traballo do país- pon de manifesto o fenómeno do racismo e a explotación de persoas do Sur global nas nosas latitudes ou, fóra delas, por parte de empresas e persoas galegas. Un total de 82 persoas de orixe africana traballaban irregularmente nunha explotación agrícola en Begonte, uns feitos que ocasionaron a imputación de tres persoas por un delito contra os dereitos dos traballadores. A inspección na explotación produciuse cando a Garda Civil foi alertada de que preto dun cento de persoas migrantes estaban aloxadas nun antigo hotel de Ordes que carecía actualmente de licenza de hostalería. A investigación revelou a existencia dunha trama empresarial destinada á contratación irregular de persoas para a realización de tarefas agrícolas temporais. As e os traballadores desta explotación chegaran dende Granada e outros puntos do sur de España.

Case simultaneamente,  o Faro de Vigo fixo pública a detención do capitán dun barco galego por trata de persoas con fins de explotación laboral, segundo a Fiscalía arxentina, ante as condicións laborais ás que tería sometido a mariñeiros senegaleses en augas do país austral. A detención produciuse en España debido a unha orde de Interpol. O barco implicado nos feitos é o Loitador, un arrastreiro conxelador propiedade dunha armadora viguesa, Profesionales Pesqueros SA.

Dous exemplos que representan, con notábel precisión, os efectos da despersonalización das persoas migrantes que narrativas ultras como as que xa vivimos, sen entendelas de todo, en Galicia propician.

Esta foi tamén a semana en que a Coruña anunciou que implantará unha taxa turística, ao xeito da iniciativa impulsada polos municipios de Compostela e do Grove. O goberno herculino prevé recadar dous millóns e medio de euros a través desta taxa durante o presente ano, con prezos que se moverían entre os 2,5 euros e o euro diario. A taxa comezará a implementarse na segunda metade do ano e tramitarase a través dunha ordenanza. Un dos grandes debates no país sobre este asunto, alén da súa pertinencia -que parece adecuada atendendo aos exemplos arredor do mundo- é a quen corresponde a súa recadación. De feito, tanto Santiago de Compostela como o Grove preferían que fose a Xunta a través da Axencia Tributaria de Galicia a encargada da recadación para evitar máis presión sobre a administración local, pero esa é unha vitoria política que Alfonso Rueda non está disposto a concederlle a dous concellos en mans do BNG e do PSdG-PSOE respectivamente.

Políticos xulgados ou detidos

Dúas figuras vinculadas á política galega protagonizaron titulares vinculados á xustiza nos últimos días por feitos certamente graves. A detención do antigo deputado da AGE e candidato en dúas ocasións por Esquerda Unida á alcaldía compostelá, Xabier Ron, causou unha fonda conmoción na política galega, especialmente nas fileiras progresistas. Ron atópase en prisión provisional logo de ser denunciado por agresión sexual a unha menor de idade. O detido é profesor nun instituto de Pontedeume.

Por outra banda, o expresidente da Deputación de Ourense e senador do PP pola mesma provincia, José Manuel Baltar, fillo doutro histórico presidente provincial, foi condenado a pagar 1.800 euros de multa e perderá o carnet de conducir durante un ano. O Tribunal Supremo xulgouno logo de que fose sorprendido en abril de 2023 conducindo pola provincia de Zamora a 200 quilómetros por hora. Seica ía con présa.