Contra a policía (galega)

| De sete a sete

A progresiva desgaleguización do PPdeG -que non debe entenderse, só, nun sentido cultural, senón no seu crecente desapego por un marco político e institucional galego- evidénciase decote en emendas inconscientes á súa propia traxectoria histórica. Nos últimos tempos do fraguismo, con Alberto Núñez Feijoo na vicepresidencia da Xunta, os populares amosábanse dispostos -ao punto de teren redactado un proxecto de lei que chegou ao Parlamento- de desenvolver unha policía galega. Unha teima que tamén compartían socialistas e nacionalistas e que foi fanada polo abrupto final do bipartito. Dende aquela, o mundo deu moitas voltas e a autonomía do PPdeG morreu con Fraga ou esvaeuse con Feijoo, marchando canda el para Madrid. Escollan a metáfora que máis lles preste, porque o resultado é o mesmo.

En 2025, o PPdeG rexeita con teimosía toda veleidade autonomista na cuestión da seguridade pública. E non se dá este debate en termos de eficiencia -por exemplo, se a ensarillada e dispersa rede viaria galega precisaría dun corpo de tráfico adaptado a esta realidade- senón dende un marco sentimental, aldraxista, onde se consideran a Policía Nacional e a Garda Civil depositarios totémicos da españolidade antes que corpos de servizo público. Negouse en febreiro ante unha proposta do BNG no Parlamento e volve facelo a través de Ana Vázquez nas redes sociais. A deputada promete que xamais permitirán a expulsión da Garda Civil de Galicia, nun ton do cal emana a aldraxe de quen ve cuestionado o dereito de conquista.

O Goberno español, a través do ministro Fernando Grande-Marlaska -aquel ao que a inefábel Vázquez preguntou no Congreso se andaba por Chueca aludindo á orientación sexual do socialista- explicou, ante unha pregunta de Vox, que amparada na Constitución Galicia tería todo o dereito a estabelecer un corpo policial propio. “A min non me dean leccións de constitucionalismo”, pareceron pensar uns populares que entenden a Constitución como un documento de recomendacións.

E con este enredo na política patria, os horizontes volven toldarse mentres Donald Trump sube a aposta novamente e ameaza cun 50% nos aranceis da Unión Europea a partir do 1 de xuño, frustrado -di para a galería- coa lentitude das negociacións cos europeos. Volve utilizar o pau e a cenoura, na súa concepción da política irritantemente semellante á mentalidade do empresario tiburón. Algún día, nunha traxectoria empresarial moito menos brillante do que a súa conta corrente parece suxerir, o presidente estadounidense decatouse de que xogar a carta do poli malo lle funcionaba para desbloquear negociacións, nunha estratexia de vencer ou morrer. E agora tócanos roelo. En Galicia, como xa dixemos no Liberation Day, os aranceis trumpistas poden afectar a sectores concretos da nosa economía, se ben moi fortemente nalgúns deles, caso do naval, que exportou a metade da súa produción do ano pasado ao país das barras e estrelas.

E, dende o pasado domingo, nin sequera podemos botar man de resignación e comentar coa vista posta no Miño: “menos mal que nos queda Portugal”.