Circulen, aquí non hai nada que ler

| De sete a sete

O BNG sabía a que se expuña cando puxo en marcha, valéndose dos seus 25 deputados no Parlamento de Galicia, unha comisión de investigación sobre a contratación da Xunta durante a pandemia e os sobrecustos na construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo recollidos nun informe do Consello de Contas. Expúñase, e non cabe dúbida de que se valorou a posibilidade, a que o PP fixese valer a súa maioría absoluta para dirixir até o último taquígrafo. O guión non se sae unha miga do agardado a xulgar polas conclusións dunha comisión encaixada no discurso popular e acelerada: non houbo ningún tipo de contratación de favor que beneficiase deliberadamente a familiares ou amigos dos líderes populares e, no colmo dunha concepción orwelliana da mensaxe, afirma que o Consello de Contas nunca falou de sobrecusto senón de que a licitación separada do proxecto daría resultados similares a un menor custo. O papel terma de todo.

Non contentos co anterior, o documento tamén se adapta ao argumentario desenvolto nos últimos tempos dende o Partido Popular para salferir as conclusións de alusións veladas á oposición, sinalando que o BNG e o PSdG -así constará no documento oficial- teñen unha dobre vara de medir no que se refire á contratación pública.  Poucas veces tan clara esa fusión entre partido e institución.

É, en todo caso, unha parodia daquela frase de “circulen, aquí non hai nada que ver” coa que a policía intentaría disuadir os curiosos de deterse calquera acontecemento que alterase a orde no espazo público. É a confirmación institucional de que, na autonomía galega, aqueles que queiran vivir baixo unha administración transparente deben abandonar, coma na porta do inferno de Dante, toda esperanza.

O futuro verde

Non foi unha entrada doada na semana para o executivo Rueda. A manifestación contra o proxecto de Altri colapsou o centro de Compostela o domingo, enchendo máis dunha vez a praza do Obradoiro mentres a comitiva aínda non deixara por completo a Alameda. Alfonso Rueda apresurouse a minimizar o éxito da convocatoria, porque a maioría silenciosa que só fala cada catro anos estará sempre na primeira páxina do seu manual de comunicación, herdado, se cadra algo comesto xa, dos seus antecesores.

Máis preocupante ten que resultarlle recibir ataques por parte do sector das enerxéticas renovábeis, que consideraba un aliado e que non lle perdoarán a súa frouxidade. A Asociación Empresarial Eólica, APPA Renovables e a Asociación de Empresas de Enerxía Eólica Aelec veñen de cargar xuntas contra varias disposicións da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas vinculada aos Orzamentos 2025. Critican, concretamente, que se faciliten aqueles proxectos eólicos e hidroeléctricos en que unha parte da enerxía se venda a clientes galegos e, sobre todo, que se pechen os parques eólicos non repotenciados cando cumpran 25 anos. Toda unha inxerencia no mercado libre que o PP pode asumir grazas á súa suprema elasticidade e que tal vez os faga sentirse, durante uns minutos, na pel daquel bipartito do concurso eólico.

Absolución en Ourense

Os sainetes da política local ourensá non rematan. A audiencia provincial vén de absolver o editor de La Región, Óscar Outeiriño, do delito de atentado á autoridade por agredir a Gonzalo Pérez Jácome, o alcalde, nun episodio especialmente escalado da guerra aberta entre o xornal e o concello. O xulgado considera que non cometeu a agresión debido a decisións do rexedor como tal e, ademais, que no momento da agresión, á entrada dun concerto, Jácome non se atopaba alá en calidade de alcalde. Finalmente foi considerado culpábel dun delito leve de lesións, con multa de 600 euros e indemnización de 3.180. Para que despois digan que na política local o ambiente é máis relaxado.