Galicia, refuxio na desintegración das coalicións conservadoras

| De sete a sete

Un terremoto sacode a política española. Vox acaba de confirmar a súa saída dos gobernos de coalición autonómicos co PP logo de que os populares aceptasen a proposta do Goberno de España para distribuír 400 menores estranxeiros non acompañados -eses menas aos que dende a extrema dereita se alude con desprezo- entre as autonomías que gobernan. A decisión de Vox, que non implica a caída deses gobernos, supón deixar os populares en minoría no País Valenciano, Aragón, Murcia, Extremadura e Castela e León, se ben nestas dúas últimas autonomías hai cargos de Vox que permanecerán nos gobernos desobedecendo o seu partido. Un terremoto político que supón unha vitoria moral e simbólica para Alberto Núñez Feijoo e a súa xente: identificados dende a esquerda coa connivencia coa extrema dereita, poderán regatear afirmando que a extrema dereita non quere nada con eles.

Os ecos do terremoto, porén, non conseguen tronzar os duros alicerces do Macizo Galaico. Na illa da estabilidade que é Galicia, o PP non queda en minoría parlamentaria, posto que non depende de ninguén cons seus 40 deputados sobre 75. Excepcións no panorama fragmentado que deixou a longa crise do sistema español de partidos, os parlamentos de Galicia, Madrid e Andalucía sustentan gobernos populares en solitario onde Vox, mesmo cando ten deputados de seu, pinta pouco. En Galicia, onde a representación do partido se limita a unha concelleira en Avión, as ameazas de Santiago Abascal soan, nunca mellor dito, a outro idioma. Neste panorama, o Goberno galego reivindicouse como “lugar de acollida” por boca da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, quen sinalou que acoller os menores é “cuestión de humanidade”. Galicia podería acoller ata a 26 dos menores, que actualmente se atopan nas illas Canarias e en Ceuta. As boas palabras non impediron os ataques ao Goberno central. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asegurou que o executivo de Sánchez actuou con “deslealdade” cara aos executivos autonómicos, utilizando “medias verdades ou, directamente, falsidades”.

Mentres, o sector empresarial galego tamén deu que falar. A compañía luguesa Arenal Perfumerías remata a súa “desgaleguización” coa saída da familia fundadora, que vende o 40% que posuía á valenciana Druni. O outro 60% xa estaba en mans do grupo portugués Sonae, propietario da propia Druni ao 50%. Os Vázquez Marzán, que permanecían fortemente ligados á compañía, deixan así unha empresa que ingresou máis de 230 millóns de euros o ano pasado e que conta con 74 establecementos. Arenal foi en 2020 a cuarta empresa da provincia por volume de facturación, e a primeira se non temos en conta o sector lácteo.

Aínda que en Ourense se extinguiron os rumores de moción de censura, aínda de cando en vez prende a brasa vella. O expresidente da Deputación e actualmente senador, José Manuel Baltar, ve como se abre xuízo na súa contra tras ser cazado a 215 por hora na A-52 o ano pasado. A Fiscalía do Tribunal Supremo pide que se lle retire a licenza de condución durante un ano. A apertura do xuízo oral levou á líder da oposición en Galicia, Ana Pontón, a reclamar que dimita, mentres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou á sempiterna paciencia. Os nacionalistas lembran que Baltar é senador por designación autonómica e que esa elección se realizou co proceso xudicial xa en curso como un favor ao propio expresidente da Deputación para calmar os ánimos e apagar lumes no PP provincial. “Confío na xustiza”, asegura o presidente da Xunta.

A final da Eurocopa contra Inglaterra pechará outra semana marcada pola polémica en Compostela. Aínda non se resolveu a crise, que ás veces colle trazas de ruptura, entre o grupo municipal socialista e a executiva local do partido. Porén, a atención desviouse ao fútbol. Os populares reclamaron que o Concello instalase unha pantalla xigante no centro da cidade, ao xeito doutras urbes galegas, para seguir o España-Inglaterra. O goberno local, BNG e Compostela Aberta, non fixo caso. A Deputación da Coruña entrou na lide para asumir a colocación da pantalla, nun xesto que volve arrefecer as relacións co Concello, tensas por asuntos como o futuro da Casa da Xuventude no Matadoiro. Cadra a polémica co acordo, inédito, entre a Xunta e o propio Concello para facer posíbel un novo aparcadoiro no saturado Hospital Clínico. A política local é as veces a maior caixa de sorpresas.

Sen saír da Eurocopa, outra compostelá, a xogadora Vero Boquete, está a brillar nas retransmisións dos partidos. As redes sociais chegaron a un pouco habitual acordo onde se lle recoñecen á futbolista o ameno, acertado e sólido dos seus comentarios ante os micrófonos da Televisión Española. Nun deporte onde a muller foi demasiado tempo invisíbel, Boquete pon unha voz galega que axiña pasará, por fortuna, de pioneira a habitual.